A batalla polo Noroeste The Battle for Wesnoth | |
---|---|
Captura de pantalla do xogo. | |
Desenvolvedor(es) | Equipo de desenvolvemento do xogo[1] |
Distribuidora(s) | Axel Springer SE |
Deseñador(es) | David White |
Motor | Propio |
Lanzamento | 18 de xuño do 2003 |
Última versión | 1.14.5(18 de setembro do 2018[2]) |
Última versión en probas | 1.11.5(24 de xuño do 2013[2]) |
Xénero | Estratexia por quendas |
Modos de xogo | Un ou varios xogadores |
Clasificación | USK |
Plataforma(s) | Multiplataforma |
Formato(s) | Descarga |
Lingua/s | Multilingüe |
Licenza | GNU GPL |
Na rede | |
www.wesnoth.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A batalla polo Noroeste (título orixinal en inglés: The Battle for Wesnoth), tamén coñecido como A batalla por Wesnoth ou simplemente Wesnoth polo seu nome en orixinal en inglés, é un videoxogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo de fantasía medieval. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos). O xogo é software libre, con licenza GNU GPL, e está dispoñible de balde para un gran número de plataformas.
Aínda que o xogo é froito dunha grande comunidade virtual formada por unha morea de programadores, deseñadores, escritores, tradutores etc., o proxecto inicial partiu de David White —o actual coordinador do proxecto— en xullo do 2003. White baseouse en xogos da Sega Mega Drive tales coma o Master of Monsters e o Warsong, mais pretendendo apoiarse nunhas regras moi sinxelas, software libre, e unha boa intelixencia artificial —ademais de que o proxecto resultase divertido—. Isto orixinou a propia filosofía do proxecto, baseada no principio KISS: se se quere incluír unha nova idea esta non debe complicar o xogo.
O 2 de outubro do 2005 publicouse a primeira versión completa do xogo, a versión 1, traducido a 17 linguas.
O nome de Wesnoth ideouno o creador do xogo como combinación de sílabas que lle poderían quedar ben como nome a unha terra fantástica.
A medida que o xogo foi medrando e volvéndose máis complexo, os desenvolvedores crearon unha etimoloxía ficticia para o nome: «os habitantes de Wesnoth proveñen do oeste (west en inglés) e do norte (north), o que deu lugar a Westnorth, que máis adiante evolucionou ata se converter en Wesnoth, tal e como se lle coñece hoxe en día». Esta etimoloxía explícase na campaña A orixe do Reino do Noroeste, e é a raíz da tradución ao galego de Wesnoth como «Noroeste».
O xogo está escrito en C++. Está dispoñible para varias plataformas: pode xogarse en AmigaOS 4, BeOS, FreeBSD, GNU/Linux (incluíndo versións do mesmo de dispositivos móbiles, tales como a GP2X, e os Nokia N800 e N810), Mac OS X, Morphos, NetBSD, OpenBSD, Pandora, RISC OS, Solaris e Microsoft Windows.
O de A batalla polo Noroeste é un desenvolvemento descentralizado, grazas á súa natureza de libre e de código aberto. As campañas e unidades aprobadas oficialmente e empaquetadas coa descarga do xogo adoitan derivarse de contido creado pola comunidade, algo no que se diferencia doutros xogos privativos nos que o contido feito polo usuario non adoita incorporarse ás compilacións oficiais.
O wiki e mailos foros do xogo úsanse para desenvolver as campañas, incluíndo os novos tipos de unidades e o material gráfico para as historias. O xogo permite a descarga de novos contidos —mapas, campañas, eras etc.— dende o servidor oficial ou calquera outro. O contido dispoñible no servidor oficial de campañas debe estar protexido pola licenza GNU GPL, licenza baixo a cal se atopa o propio xogo.
Aínda deixando de lado os contidos da comunidade, a lista de contribuidores da versión oficial do xogo en si contén case 400 entradas[3]. Entre os desenvolvedores do xogo hai algúns ben coñecidos, coma Eric S. Raymond ou Rusty Russell.
O xogo está internacionalizado e traducido a case 50[4] linguas, entre elas o galego por medio do Proxecto Trasno[5]
O desenvolvemento do xogo realízase en dúas pólas, a póla estable e maila póla en desenvolvemento ou inestable, como ocorre na maior parte do software. Pero, a diferenza doutras aplicacións, na Batalla polo Noroeste cada póla ten cadanseu tipo de número. Concretamente, os impares corresponden á póla en desenvolvemento, e os pares á estable.
Por tanto, os números das versións descompóñense en tres números diferentes:
versión global.versión secundaria.versión terciaria
Por exemplo, na versión 1.6.2:
O xogo baséase nun mundo fantástico, cunha mitoloxía que recorda á do Señor dos Aneis, e onde o xogador controla unha serie de personaxes, con cadansúas características persoais, e avanza a través de distintos escenarios loitando ata cumprir os obxectivos de cada escenario.
Cada unidade ten unhas características propias que as diferencia das demais. Así pois, podemos ter un elfo arqueiro que sexa forte e rápido, que golpeará con maior contundencia aos inimigos e se poderá desprazar unha maior distancia cada quenda, e outro que sexa resistente e intelixente, que aínda que non golpee con tanta forza nin poida moverse tanta distancia cada quenda, terá máis puntos de vida e precisará menos puntos de experiencia para avanzar de nivel.
Pola outra banda, dependendo do tipo de unidade contarán ademais con habilidades diferentes. Os magos brancos, por exemplo, teñen a capacidade de sandar aos seus compañeiros, e os cabaleiros da morte conseguirán que os seus compañeiros loiten mellor grazas ao seu liderado.
As unidades teñen tamén unha maior ou menor defensa contra os ataques que reciben en función do terreo no que están situadas. Os ananos, por exemplo, son case invulnerables nas montañas, o mesmo que os elfos nos bosques, e algúns mesmo poden resultar invisibles a ollos dos inimigos grazas á súa habilidade de emboscar.
Así mesmo, existen diferentes tipos de ataques («corpo a corpo» e «a distancia»), de armas (folla, impacto, perforación, lume, arcano ou frío) e un ciclo entre o día e a noite, polo que segundo o momento do día, as unidades —que poden ser “legais”, “caóticas”, “neutrais” ou “crepusculares”— veranse favorecidas, prexudicadas ou indiferentes.
Por último, as unidades gañan experiencia a medida que loitan e matan aos seus inimigos e ao alcanzar unha certa cantidade de experiencia, transfórmanse en novas unidades, con novos ataques e habilidades, ademais de curarse completamente no proceso evolutivo. Ao chegar a un determinado nivel, que varía segundo a unidade, o paso ao seguinte nivel, cada vez máis difícil de acadar, non provoca transformación ningunha, traducíndose simplemente nun lixeiro aumento dos puntos de vida que pode ter a unidade, acompañado dunha restauración completa dos mesmos.
As unidades consomen un custo de mantemento dunha moeda de ouro por nivel desta, podendo conseguir este ouro mediante o control de vilas que hai nos distintos escenarios. Controlar os poboados do inimigo é máis beneficioso que tomar o control dos poboados neutrais, porque así, ademais de aumentar os ingresos propios por rolda, reducirase o volume de ouro obtido polo inimigo, que non poderá invocar novas unidades.
Toda esta información pode atoparse no completo manual do xogo, integrado neste.
Nas últimas versións do xogo poden descargarse contidos cun modo de xogo similar aos xogos de rol de taboleiro, por quendas. Pódense mesmo descargar novas armas, feitizos, e melloras, entre outras cousas.
Actualmente existen no xogo seis faccións:
As unidades usadas por cada facción, así coma os seus nomes, cambian segundo a era ou a campaña. Estas faccións son as da era predeterminada, a máis xogada do modo colectivo canda a súa extensión “Idade dos heroes”.
Hai ademais unha morea de faccións creadas polos usuarios, moitas das cales agrúpanse en “eras” que poden descargarse. Por exemplo, a “Era Imperial” inclúe laviniáns —baseados nas tropas do antigo Imperio romano—, rondadores e elfos salvaxes, incluíndo árbores de unidades e habilidades completamente novas. Así e todo, non é moi frecuente que as faccións creadas polos usuarios se utilicen nas eras predeterminadas, dependendo da súa aprobación por parte dos creadores.
O xogo conta coas seguintes especies principais:
Tamén se poden atopar no xogo grifóns, lobos, morcegos, ogros e woses.
Pódense xogar campañas, nas que transcorre unha historia que vai tomando forma con cada novo escenario que se xoga, no que novos inimigos cada vez máis poderosos se enfrontan ao usuario (ou usuarios no caso das campañas en rede), pero en cada novo escenario poderanse reincorporar as unidades que se recruten nos escenarios pasados, podendo así dispoñer dun exército con unidades de maior nivel.
O xogo conta con dezaseis campañas oficiais que se poden xogar con varios niveis de dificultade. Ademais, pódense descargar dende o propio xogo novas campañas creadas por outros xogadores da comunidade.
As campañas oficiais do xogo son:
As campañas deseñáronse orixinalmente para partidas individuais, pero xa é posible xogar campañas de varios xogadores (por Internet, nunha rede local ou nun mesmo computador). «A lenda de Güesmer» foi a primeira campaña (e de momento a única) en adaptarse para aproveitar esta posibilidade.
Ademais das campañas, o xogo permite xogar escenarios contra outros xogadores ou contra a intelixencia artificial. Estas partidas poden xogarse por Internet, nunha rede local ou nun mesmo computador (grazas a que se trata de estratexia por quendas).
O xogo conta cun editor de escenarios integrado e moi completo e fácil de usar.
Os compositores da banda sonora de A batalla polo Noroeste tratan de compoñer unha música clásica, de orquestra, para o xogo. Velaquí un exemplo:
Algunhas das composicións non foron compostas explicitamente para o xogo, senón que se trata de música libre axeitada para o xogo e compatible coa súa licenza, o que permitiu integrala.
Todo o contido do xogo, non só o código, senón tamén o traballo artístico (guións, imaxes, sons...), está protexido pola segunda versión ou posteriores da licenza GNU GPL. O contido da wiki do xogo atópase baixo a licenza GNU FDL. Os desenvolvedores do xogo resérvanse o dereito a, nun futuro, cambiar a licenza do xogo por outra, sempre que estoutra cumpra coas condicións establecidas na Definición de código aberto[6].
Commons ten máis contidos multimedia sobre: A batalla polo Noroeste |