Ximo Navarro | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Joaquín Navarro Jiménez | ||
Nacemento | 23 de xaneiro de 1990 | ||
Lugar de nacemento | Guadahortuna | ||
Altura | 1,76 m. | ||
Posición | Lateral dereito | ||
Información de club | |||
Club actual | Deportivo da Coruña | ||
Número | 23 | ||
Carreira xuvenil | |||
Patronato | |||
San Francisco | |||
Mallorca | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2009–2011 | Mallorca B | 61 | (1) |
2011–2014 | Mallorca | 54 | (0) |
2011–2012 | → Recreativo de Huelva | 12 | (0) |
2012 | → Córdoba | 19 | (0) |
2014–2017 | Almería | 89 | (3) |
2017–2018 | Las Palmas | 31 | (0) |
2018–2022 | Alavés | 103 | (3) |
2022–2023 | Fortuna Sittard | 15 | (0) |
2023– | Deportivo da Coruña | 23 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 22 de xuño de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Joaquín 'Ximo' Navarro Jiménez, nado en Guadahortuna, Granada, o 23 de xaneiro de 1990, é un futbolista español que xoga como lateral dereito no Deportivo da Coruña, da Segunda División.
Aínda que naceu en Guadahortuna, na provincia de Granada, criouse en Mallorca e formouse como futbolista no Patronato e no San Francisco, antes de ingresar na canteira do RCD Mallorca.[1][2] Na tempada 2008/09 debutou co filial do club, o Mallorca B, na Terceira División, logrando o ascenso nesa mesma campaña.[1] Disputou un total de 58 partidos co filial durante as dúas seguintes tempadas, xa na Segunda División B, e, agás un, todos eles como titular.
Para a tempada 2011/12 foi cedido ao Recreativo de Huelva, da Segunda División,[3] categoría na que debutou na segunda xornada, nunha derrota por 1-0 ante o Deportivo da Coruña en Riazor.[4] Despois de xogar 12 partidos co decano do fútbol español, todos como titular, no mercado invernal cambiou de equipo, sendo cedido ao Córdoba, da mesma categoría, co que disputou 19 encontros, incluída a promoción de ascenso á Primeira División.[5]
A continuación regresou ás Illas Baleares para a tempada 2012/13, xa como xogador do primeiro equipo. Debutou na Primeira División na xornada inaugural do campionato, saíndo de titular ante o Espanyol en Son Moix (vitoria por 2-1).[6] Disputou un total 16 partidos na súa primeira campaña na elite, ás ordes de Caparrós primeiro e Manzano despois, pero o equipo acabou perdendo a categoría. Na seguinte campaña fíxose dono absoluto da banda dereita do Mallorca, disputando 39 partidos, todos como titular.
Regresou á máxima categoría no verán de 2014, asinando co Almería un contrato por tres anos.[1] No primeiro deles o equipo descendeu a Segunda, categoría na que Ximo Navarro xogou durante os seguintes dous anos. O 17 de xuño de 2017 fichou pola UD Las Palmas, regresando así á Primeira División,[7] pero volveu descender ao remate da tempada, despois de ser titular na maioría de partidos.
En 2018 iniciou unha etapa de catro anos no País Vasco, nas filas do Deportivo Alavés.[8] Coa camiseta do "Glorioso", marcou o seu primeiro gol na categoría, nunha ampla vitoria por 1-5 sobre o Rayo Vallecano.[9] Xogou un total de 104 partidos co club vitoriano, nos que marcou tres goles.
Ao remate do seu contrato, que coincidiu co descenso do equipo a Segunda,[10] marchou aos Países Baixos, onde fichou polo Fortuna Sittard, equipo adestrado polo salmantino Julio Velázquez, o seu último técnico no Alavés.[11] Debutou na Eredivisie o 2 de outubro, na vitoria por 2-0 sobre o FC Volendam,[12][13] e xogou un total de 16 partidos co club.
O 1 de agosto de 2023 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF.[14]