Berto Cayarga | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Alberto Cayarga Fernández | ||
Nacemento | 17 de setembro de 1996 | ||
Lugar de nacemento | Avilés | ||
Altura | 1,70 m. | ||
Posición | Extremo | ||
Información de club | |||
Club actual | Deportivo da Coruña | ||
Número | 14 | ||
Carreira xuvenil | |||
Navarro | |||
2013–2014 | Llano 2000 | ||
2014–2015 | Sporting de Gijón | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2014 | Llano 2000 | 1 | (0) |
2015–2018 | Sporting de Gijón B | 62 | (11) |
2015–2016 | → Langreo | 26 | (3) |
2018–2020 | Racing de Santander | 42 | (4) |
2020–2022 | FC Cartagena | 79 | (6) |
2022–2023 | Radomiak Radom | 18 | (0) |
2023– | Deportivo da Coruña | 16 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 22 de xuño de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Alberto "Berto" Cayarga Fernández, nado en Avilés o 17 de setembro de 1996, é un futbolista español que xoga como extremo no Deportivo da Coruña, da Segunda División.
Naceu en Avilés o 17 de setembro de 1996, xunto ao seu irmán xemelgo bivitelino Jorge, e comezou a xogar ao fútbol no colexio El Quirinal, ingresando en idade benxamín nas categorías inferiores do Navarro CF da propia cidade asturiana.[1] Xogou neste club xunto a Jorge ata 2013, cando se incorporou en idade xuvenil ao Llano 2000, chegando a debutar co primeiro equipo na Rexional Preferente. En 2014 fichou polo Sporting de Gijón e en xullo de 2015, tras rematar a súa etapa xuvenil, foi cedido por un ano ao Langreo, da Tercera División.[2]
Ao regresar a Xixón, aceptou un contrato por dous anos e foi destinado ao Sporting B, tamén na cuarta categoría.[3] Na primeira tempada contribuíu ao ascenso do equipo filial á Segunda División B e na seguinte, xa na categoría de bronce, conseguiu a maior cifra anotadora da súa carreira, con 9 goles, axudando o equipo a acadar a promoción de ascenso.
En agosto de 2018 asinou un contrato de dous anos co Racing de Santander, tamén de Segunda B.[4] Foi titular na maioría de partidos do conxunto cántabro, que acabou conseguindo o ascenso á Segunda División.
Debutou na categoría de prata o 17 de agosto de 2019, nunha derrota por 0-1 no Sardinero ante o Málaga.[5] O 31 de xaneiro seguinte, o club rescindiu o seu contrato, e a continuación o xogador asinou por seis meses co FC Cartagena da Segunda B.[6][7]
No equipo de Cartaxena, con Borja Jiménez no banco, Cayarga conseguiu o seu segundo ascenso consecutivo a Segunda. Marcou o seu primeiro gol na categoría o 6 de febreiro de 2021, nunha vitoria por 2-0 ante o Real Oviedo. Xogou dous anos co club murciano en Segunda, sumando un total de 83 partidos e 7 goles co equipo.
Despois duns meses sen equipo, en decembro de 2022 marchou a Polonia, onde fichou polo Radomiak Radom, da Ekstraklasa.[8] Disputou 16 partidos no que restaba de tempada, e iniciou a seguinte tamén no mesmo club, pero pouco despois solicitou a liberación do seu contrato para poder regresar a España.[9] Así, o 24 de agosto de 2023 asinou un contrato de dous anos co Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF.[10]