Recinto Feiral de Pontevedra | |
---|---|
Fachada do Recinto Feiral de Pontevedra | |
Edificio | |
Tipo | Recinto feiral |
Estilo | Arquitectura moderna |
Enderezo | Rúa Alexandre Bóveda s/n |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°26′10″N 8°38′22″O / 42.436111111111, -8.6394444444444Coordenadas: 42°26′10″N 8°38′22″O / 42.436111111111, -8.6394444444444 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Uso(s) | Recinto feiral |
Construción | |
Inicio | 1997 |
Construción | 1998 |
Remate | 1998 |
Dimensións | |
Superficie | 7 500 m2 |
Plantas | 2 (planta baixa, 1 andar) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Manuel de las Casas |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Recinto Feiral de Pontevedra é un complexo para a celebración de eventos como exposicións, feiras e convencións. Atópase no Parque Rosalía de Castro, xunto á ribeira do río Lérez en Pontevedra.
O recinto feiral foi construído en 1997, por iniciativa da Xunta de Galicia, cunha arquitectura moderna. É obra do arquitecto Manuel de las Casas, a quen se lle encargou o proxecto como anexo ao Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra. Presentou o proxecto que mellor integraba os dous edificios, conseguindo unha harmonía entre todo o conxunto e os espazos da ribeira do Lérez.
O Recinto Feiral inaugurouse o 17 de decembro de 1998 e abriu ao público e entrou en funcionamento coa Feira do Automóbil Pomóvil inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia.[1][2]
O Recinto Feiral estivo xestionado desde 1998 ata 2020 polo organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións, no nome do Concello de Pontevedra.[3]
O recinto feiral ten unha superficie de 7.500 m²[4] e está composto por un edificio de 163 metros de longo, 34,4 metros de ancho e 15,2 metros de alto.
O Recinto Feiral de Pontevedra conta cun aparcadoiro ao aire libre con capacidade para 230 vehículos. O edificio, de forma tetraédrica, está construído en aceiro con acabados de aluminio e cristal e ten unha superficie total de aproximadamente 6.000 m². Este edificio polivalente conta cunha zona de exposición totalmente cuberta, preparada para acoller todo tipo de feiras e exposicións, así como unha zona de acreditación para conferencias no vestíbulo. Ofrece un amplo abano de posibilidades de distribución para adaptarse e personalizar ao máximo os eventos.[5]
Este amplo complexo compleméntase co auditorio adxacente, cunha capacidade total de 1.118 prazas e unha superficie total de 10.000 m². O edificio do recinto feiral ten unha forma tetraédrica rematada cunha textura dura e fría de aceiro, paredes de aluminio e grandes ventás, que contrasta coas laxas de lousa verde do anexo, o Pazo de Congresos de Pontevedra,[6] ao que se accede directamente desde o interior. Isto permite unha grande versatilidade no uso conxunto de todas as súas estancias, de maneira que os servizos de restaurante, cafetería e terraza son de uso compartido.
As dimensións dos espazos do Recinto Feiral de Pontevedra son as seguintes:
É unha harmoniosa combinación de espacialidade, versatilidade e luminosidade; un espazo polivalente, rodeado de dez mil metros cadrados de xardíns e zonas verdes.
O recinto feiral acolle cada ano diversos eventos profesionais e públicos, como a feira Culturgal, a feira Etiqueta Negra (feira de produtos gourmet galegos),[7][8][9] a feira Pont Up Store,[10] a feira Stock ou a feira de vodas Sí, quero,[11] a feira do automóbil Móvete e a feira familiar e infantil Mundonenos[12] entre outros.[13]
Ademais, o Recinto Feiral de Pontevedra utilízase para unha ampla gama de actividades de lecer como a instalación dunha pista de xeo en Nadal[14] ou a celebración de concertos ao aire libre nas explanadas exteriores.[15]
No pasado, o recinto feiral acolleu importantes feiras como Ferpalia (feira de turismo de Galicia)[16] ou eventos como a feira de moda galega Pontus Veteris.[17]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Recinto Feiral de Pontevedra |