Mattheus | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Mattheus de Andrade Gama de Oliveira | ||
Nacemento | 7 de xullo de 1994 | ||
Lugar de nacemento | Río de Xaneiro | ||
Altura | 1,82 m. | ||
Posición | Centrocampista ofensivo | ||
Información de club | |||
Club actual | Farense | ||
Número | 27 | ||
Carreira xuvenil | |||
2006–2013 | Flamengo | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2012–2016 | Flamengo | 13 | (0) |
2015–2016 | → Estoril | 27 | (4) |
2016–2017 | Estoril | 26 | (2) |
2017–2021 | Sporting CP | 0 | (0) |
2018 | → Vitória de Guimarães | 14 | (0) |
2018–2019 | → Vitória de Guimarães | 23 | (3) |
2020–2021 | → Coritiba | 12 | (1) |
2022–2023 | Mafra | 24 | (0) |
2023– | Farense | 26 | (6) |
Selección nacional | |||
2012–2013 | Brasil sub-20 | 4 | (0) |
Na rede | |||
![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 1 de novembro de 2023. Selección: actualizado a 15 de maio de 2017.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Mattheus de Andrade Gama de Oliveira, coñecido futbolisticamente como Mattheus, nado no Río de Xaneiro o 7 de xullo de 1994, é un futbolista brasileiro que xoga como centrocampista ofensivo no Farense da Primeira Liga de Portugal.
Fillo do histórico dianteiro do Deportivo da Coruña e da selección brasileira Bebeto, fíxose coñecido poucos días despois do seu nacemento debido á famosa celebración que lle dedicou seu pai ao marcar un crucial gol crucial contra os Países Baixos nos cuartos de final do Mundial de 1994.[1] Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva en Portugal.
Naceu o 7 de xullo de 1994 no Río de Xaneiro. Aínda que a súa familia vivía daquela na Coruña, súa nai Denise viaxou ao Brasil antes de dar a luz porque quería que o seu fillo nacese no país suramericano.[2] Seu pai Bebeto, xogador naquel momento do Deportivo da Coruña, atopábase nos Estados Unidos disputando a Copa do Mundo coa selección brasileira.
Dous días despois do seu nacemento, seu pai marcou un dos goles na vitoria dos cuartos de final contra os Países Baixos e celebrouno simulando que arrolaba un bebé xunto con Romário e Mazinho, celebración que deu a volta ao mundo e se converteu nunha das máis famosas da historia do fútbol.[3][4][5] Recibiu de nome Mattheus, como homenaxe ao centrocampista alemán Lothar Matthäus.[6]
Formouse nas categorías inferiores do Flamengo, estreándose co primeiro equipo o 3 de febreiro de 2012, nun partido do Campionato Carioca contra o Olaria.[7] Ese mesmo ano o adestrador Joel Santana fíxoo debutar tamén no Campionato Brasileiro, nunha vitoria por 1-0 contra o Santos.[8]
O 30 de xaneiro de 2015 foi cedido a Estoril, da Primeira Liga portuguesa.[9] Tivo que esperar ata abril para debutar na liga lusa, cando o adestrador Fabiano lle deu algúns minutos nun partido contra o FC Porto.[10] Ao remate da tempada a súa cesión prorrogouse por un ano máis, e na tempada 2015/16 sumou 25 partidos e 4 goles (2 deles contra o Rio Ave e outros 2 contra o Coimbra), ademais de 7 asistencias.[2]
Foi traspasado ao equipo portugués na tempada 2016/17, na que disputou un total de 30 encontros entre liga e Copa, acadando nesta última as semifinais.
En maio de 2017 foi traspasado ao Sporting de Portugal por uns dous millóns de euros.[4][6] Debutou co equipo lisboeta nun partido da Copa da Liga contra o Marítimo no Estádio José Alvalade e en novembro xogou o seu primeiro encontro na Liga de Campións, nun encontro fronte ao Olympiacos no que entrou nos instantes finais como substituto do seu compatriota Bruno César.[8] Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo de Jorge Jesus, co que non chegou a debutar na liga, e en xaneiro de 2018 saíu cedido ao Vitória de Guimarães.[11]
Debutou co Vitória na xornada 21 da liga, nunha vitoria por 3-2 contra o Paços de Ferreira no estadio D. Afonso Henriques. Disputou un total de 14 encontros ata final de tempada, todos como titular, e repartiu 3 asistencias. Na tempada 2018/19 volveu ser cedido ao Vitória,[12] co que disputou 23 encontros de liga e 4 de Copa, marcando 4 goles.
En setembro de 2020 anunciouse unha nova cesión do xogador, desta vez ao Coritiba.[13] Regresou así ao fútbol do seu país, e o 21 de novembro marcou o seu primeiro gol no Campionato Brasileiro, nun partido contra o seu primeiro equipo, o Flamengo.[14]
En agosto de 2021 desvencellouse do Sporting, e despois de case medio ano sen equipo, en xaneiro de 2022 asinou co Mafra, da Segunda Liga portuguesa.[15] Xogou no club mafrense o que restaba da tempada 2021/22 e a primeira metade da 2022/23, sumando un total de 30 partidos.
En xaneiro de 2023 trasladouse a Faro para asinar como novo xogador do Farense, segundo clasificado da Segunda Liga.[16] Co equipo algarvio logrou o ascenso á Primeira Liga ao remate da tempada 2022/23.