![]() (2012) ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (pt-br) Marcos Evangelista de Morais ![]() 7 de xuño de 1970 ![]() São Paulo, Brasil ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | Brasil ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Educación | European School of Economics (en) ![]() ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 176 cm ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 75 kg ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | - 18 de maio de 2008 ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lingua | Lingua portuguesa ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Lateral ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2006 | Mundial de Fútbol Alemaña 2006 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2002 | Mundial de Fútbol Corea/Xapón 2002 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1998 | Mundial de Fútbol Francia 1998 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1994 | Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994 ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() ![]() ![]() |
Marcos Evangelista de Morais, coñecido como Cafu, nado en Itaquaquecetuba o 7 de xuño de 1970, é un exfutbolista brasileiro. Foi 142 veces internacional coa selección brasileira, sendo o futbolista brasileiro con máis partidos como internacional. Coñecido pola súa velocidade e as súas enérxicas internadas pola banda dereita, está considerado un dos mellores laterais de todos os tempos,[1][2][3] así como un dos mellores xogadores brasileiros e suramericanos da súa xeración.[4][5]
A nivel de clubs, gañou varios títulos nacionais e internacionais mentres xogaba no Brasil, en España e en Italia, e é coñecido sobre todo polos seus pasos polo São Paulo, Roma e Milan, equipos cos que fixo historia, aínda que tamén xogou no Zaragoza, Juventude e Palmeiras ao longo da súa carreira. En 1994 foi elixido Futbolista Suramericano do Ano, e en 2004 foi nomeado por Pelé na lista FIFA 100 dos mellores xogadores vivos do mundo.[6] Ademais, foi incluído no FIFPro World XI en 2005, e en 2020 foi incluído no Dream Team do Balón de Ouro.
Disputou co Brasil catro Copas do Mundo (1994, 1998, 2002 e 2006) e é o único xogador da historia que participou en tres finais consecutivas do Mundial, gañando as edicións de 1994 e 2002, esta última como capitán. Tamén disputou catro edicións da Copa América, conseguindo o título en dúas ocasións, en 1997 e 1999. Ademais foi membro da selección brasileira que gañou a Copa Confederacións de 1997.
Naceu en Itaquaquecetuba, na rexión metropolitana de São Paulo, sendo un dos seis fillos de Célio de Morais e Cleusa Evangelista, e criouse na favela Jardim Irene de São Paulo. Aos sete anos ingresou nunha academia de fútbol e pronto pasou aos equipos xuvenís de Nacional-SP, Portuguesa e Itaquaquecetuba. Tamén xogou dous anos ao fútbol sala. A principios dos anos 80 foi rexeitado polas canteiras do Corinthians, o Palmeiras, o Santos, o Atlético Mineiro e o Portuguesa. Non foi ata 1988 cando entrou no equipo xuvenil do São Paulo, co que ese mesmo ano gañou o torneo xuvenil Copa São Paulo.
En 1989 debutou co primeiro equipo do São Paulo, co que xogou durante os seguintes cinco anos. Aínda que pasou á historia como lateral dereito, o seu mentor no equipo, o adestrador Telê Santana, probouno en varias posicións diferentes, incluída a dianteira, ata que a chegada ao conxunto paulista do lateral Vítor, fixo que Cafu fose recolocado no medio do campo, lugar ao que se adaptou con facilidade.
En 1991 conquistou tanto o Campionato Paulista como o Campionato Brasileiro, sendo titular en senllas finais, contra Corinthians e Bragantino respectivamente. En 1992 repetiu título paulista, realizando unha destacada actuación na final ante o Palmeiras, na que marcou un gol, repartiu dúas asistencias a Raí e provocou un penalti que converteu o propio Raí.[7][8] Ese mesmo ano conquistou a súa primeira Copa Libertadores, derrotando na final ao Newell's Old Boys, despois dunha quenda de penaltis na que el mesmo marcou o cuarto e último lanzamento do seu equipo.[9] O 13 de decembro gañou en Toquio a Copa Intercontinental, vencendo por 2-1 ao Barcelona de Cruyff.[10]
En 1993 gañou unha segunda Copa Libertadores consecutiva, superando na final ao Universidad Católica de Chile, e uns meses despois tamén outra Copa Intercontinental, de novo en Toquio, derrotando ao Milan de Fabio Capello.[11] Sumou ademais dous títulos da Recopa Suramericana (en 1993 e 1994) e un da Supercopa Libertadores (en 1993) En 1994 foi nomeado Futbolista Suramericano do Ano.[12] Disputou un total de 272 partidos co São Paulo, marcando 38 goles.
En xaneiro de 1995 trasladouse a España, onde fichou polo Real Zaragoza. Debutou na 19ª xornada da tempada 1994/95 da Primeira División, nunha derrota por 3-0 ante o Valencia en Mestalla, ingresando no campo na segunda metade para substituír a Fernando Cáceres. Co club aragonés conquistou a Recopa de Europa, pero non chegou a facerse totalmente coa titularidade, pechando o seu paso por España cun total de 19 partidos disputados, 12 deles dende o once inicial.[13][14]
A continuación foi adquirido por Parmalat para incorporalo ao Palmeiras.[15] Con todo, unha cláusula no contrato de venda do São Paulo ao Zaragoza, obrigaba ao pago dunha "multa" de 3,6 millóns de dólares se o xogador fichaba por algún club paulista antes de 1996. Mentres buscaban a forma de evitar o pago, Cafu foi enviado ao Juventude, club tamén patrocinado por Parmalat, co que disputou dous partidos do Campionato Gaúcho.[15][16] Incorporado finalmente ao Palmeiras, o São Paulo recorreu á FIFA, que acabou obrigando ao Palmeiras ao pago dun millón de dólares.[16]
Disputou máis de 100 partidos co club paulista durante os seguintes dous anos, e foi un dos piares do equipo na histórica tempada 1996. Dirixido por Vanderlei Luxemburgo e con xogadores como Cléber, Müller, Amaral, Flávio Conceição, Djalminha, Rivaldo e Luizão, o Palmeiras comezou marcando 13 goles nos dous primeiros partidos do Campionato Paulista, un preludio do que sería a tempada. O equipo verde completou un campionato para a historia, rematando en primeira posición con 83 puntos (récord aínda non superado), 28 máis que o segundo clasificado, o São Paulo. Marcaron a cifra récord de 102 goles en 30 partidos, 2 deles anotados por Cafu.[17]
En xullo de 1997 volveu a Europa, onde asinou contrato coa Roma. Militou durante os seguintes seis anos no club lacial, disputando máis de 200 encontros e gañando un campionato da Serie A e unha Supercopa italiana.[18] Foi durante a súa época na Roma cando recibiu o alcume de Pendolino, en referencia á familia de trens italianos de alta velocidade. En 2003 perdeu a final da Copa Italia contra ao Milan, club polo que fichou xusto despois.
Co club lombardo gañou o seu segundo scudetto na tempada 2003/04, seguido da súa segunda Supercopa italiana, e en 2005 disputou a súa primeira final da Liga de Campións, caendo na quenda de penaltis ante o Liverpool.[19] Na tempada 2006/07 o Milan clasificouse en primeiro lugar no grupo H da Liga de Campións, e a continuación eliminou sucesivamente a Celtic de Glasgow, Bayern de Múnic e Manchester United, para acadar unha nova final, outra vez contra o Liverpool, ao que desta vez conseguiu derrotar por 2-1.
Na seguinte tempada gañou a súa segunda Supercopa de Europa e tamén a Copa Mundial de Clubs da FIFA, o seu terceiro título mundial a nivel de clubs. O 18 de maio de 2008 disputou en San Siro o seu derradeiro partido como futbolista, marcando contra o Udinese o terceiro dos catro goles do seu equipo (4-1).[20]
É membro dos Salóns da Fama tanto do Milan como da Roma.
Cafu é o futbolista con máis partidos na historia da selección brasileira (142) e o xogador brasileiro con máis partidos nas Copa do Mundo (20). Disputou catro Mundiais (1994, 1998, 2002 e 2006), portando o brazalete de capitán nos dous últimos e proclamándose campión dúas veces, en 1994 e 2002. É ademais o único futbolista que participou en tres finais da Copa do Mundo. Tamén ostentou o récord de máis partidos gañados nos Mundiais (15), antes de ser superado polo alemán Miroslav Klose no Mundial de 2014.
Debutou coa selección brasileira nun amigable contra España o 12 de setembro de 1990 e chegou ao Mundial de 1994 como suplente. Na final disputada contra Italia en Pasadena, comezou o encontro dende o banco, pero entrou ao campo no minuto 21 para substituír o lesionado Jorginho. O equipo brasileiro acabou conquistando o título na quenda de penaltis despois de que non se marcasen goles no tempo regulamentario nin na prórroga.
Tralo Mundial dos Estados Unidos, Cafú pasou a ser un habitual nos onces iniciais do Brasil e participou da conquista de dúas Copas América (1997 e 1999) e da Copa Confederacións de 1997. Foi o lateral dereito titular na final do Mundial de 1998 no Stade de France, na que a vitoria foi para a selección francesa con dous goles de Zidane e outro de Petit.
Brasil sufriu para lograr a clasificación para o Mundial de 2002, durante a cal Cafú foi obxecto de fortes críticas por parte do seleccionador Vanderlei Luxemburgo, que o desposuíu da capitanía do equipo tras ser expulsado nun encontro diante de Paraguai. Pouco despois Luxemburgo foi substituído por Luiz Felipe Scolari, que lle deu o brazalete de capitán a Emerson. Este, con todo, acabou perdendo o Mundial ao dislocar un ombreiro pouco antes do comezo, polo que Cafú recuperou o brazalete. Disputou completos tódolos encontros do Mundial e fixo historia ao converterse no primeiro e único futbolista en disputar tres finais dun Mundial.[21] Tras derrotar a Alemaña por 2-0 con dous goles de Ronaldo, ergueu o trofeo mundial mentres berraba para a súa muller as palabras "Regina, eu te amo!".[22]
Catro anos máis tarde, Cafú e o Brasil non alcanzaron as altas expectativas creadas, ao caer nos cuartos de final ante Francia.[23] O adestrador Carlos Alberto Parreira foi criticado por apostar demasiado por xogadores veteranos como Cafu e Roberto Carlos no lugar de xogadores máis novos. Cafu foi un dos poucos xogadores do equipo que falou coa prensa tras o regreso do equipo ao país no medio dunha sarabiada de críticas por parte dos afeccionados e dos medios brasileiros.[24] O encontro ante Francia no Mundial foi a súa última aparición coa camisola da canarinha.
Considerado como un dos mellores laterais de todos os tempos, un dos mellores futbolistas da súa xeración e un dos mellores xogadores brasileiros da historia,[1] Cafu era un lateral dereito de corte ofensivo moi dinámico, traballador e enérxico, lembrado principalmente pola súa velocidade, resistencia, intelixencia táctica, distribución e habilidades técnicas, así como pola súa habilidade para subir pola banda dereita e colocar precisos centros aos compañeiros da área.[25][26][27][28][29]
Ademais das súas habilidades futbolísticas, tamén era coñecido pola súa disciplina, liderado e polo seu carácter alegre.[30][31][32] Aínda que adoitaba xogar como lateral dereito, tamén era capaz de xogar como central ou en posicións máis avanzadas, e moitas veces foi despregado como extremo dereito. Durante a súa estancia en Italia, recibiu o alcume de Pendolino, en referencia aos trens de alta velocidade do país.[33][34][35][36][37][38]
Casou con Regina Feliciano de Moraes, coa que tivo dous fillos, Wellington e Danilo Feliciano de Moraes, este último falecido aos 30 anos en 2019, vítima dun infarto.[39]