Zante | |
---|---|
Localización da illa | |
Imaxe da illa | |
Situación | |
País | Grecia |
Periferia | Illas Xónicas |
Arquipélago | Illas Xónicas |
Mar | Mar Xónico |
Coordenadas | 37°48′N 20°45′L / 37.800, -20.750Coordenadas: 37°48′N 20°45′L / 37.800, -20.750 |
Xeografía | |
Superficie | 405´55 km² |
Perímetro | 123 km. |
Punto máis alto | 756 m Monte Vrachionas |
Demografía | |
Capital | Zante |
Poboación | 40.759 hab. (2011) |
Densidade | 100 hab./km² |
Zakynthos (grego: Ζάκυνθος, Zákynthos, italiano: Zacìnto) ou Zante (grego: Τζάντε, Tzánte /ˈzɑːnti, -teɪ, ˈzæn-/, italiano: Zante; do Veneciano), é unha illa do grupo das illas Xónicas que conforma unha prefectura de Grecia. A capital é a cidade de Zakynthos tamén chamada Chora, é dicir -a cidade-, que ten uns 15.000 habitantes. A illa e prefectura ten unha poboación de 42.000 persoas (102 hab./km²) e uns 405,55 km²[1]. A súa liña costeira mide 123 km e mide uns 40 km de longo por 20 de ancho. O seu punto máis alto é o monte Vrachionas, de 758 metros. O nome, como todos os nomes similares que terminan en -nthos, é premicénico ou Pelasgo en orixe. En mitoloxía grega dicíase que a illa debía o seu nome a Zakynthos, o fillo dun lendario xefe Dárdano de Arcadia.
O nome orixinal da illa sería Hyrie, pero recibiu o de Zakynthos (latín Zacynthus) porque foi colonizada por Zakynthos o fillo de Dardano, procedente de Psofis en Arcadia (polo que a acrópole da cidade de Zakynthos foi chamada Psofis). Tucídides di que a illa foi colonizada polos aqueos do Peloponeso no segundo milenio antes da nosa era. A tradición di que a cidade fundou unha colonia, que foi Sagunt, en colaboración con Rutulos de Ardea (supostamente antes da guerra de Troia). Os habitantes da illa foron hostís aos lacedemonios e a algúns fugitivos de Esparta que se refuxiaron en Zakynthos.
Na guerra do Peloponeso a illa foi aliada de Atenas e no 430 a.C. os espartanos atacaron a cidade. Pouco tempo despois os atenienses utilizárona de base naval na súa expedición a Pilos. No 415 a.C. foron aliados dos atenienses na expedición a Sicilia. Logo da guerra do Peloponeso a illa foi aliada de Esparta (404-373 a.C.).
No -374 Timoteo, comandante ateniense, de regreso de Corcira, deixou algúns exiliados de Zakynthos que se estableceron nun lugar fortificado para loitar contra o goberno proespartano que pediu axuda a Esparta, que enviou unha frota de 25 barcos a Zakynthos,[2][3] pero non puido impedir a toma do poder polos demócratas. A illa axudou a Dión na súa expedición a Siracusa para expulsar ao tirano Dionisio I (-357)
Caeu baixo dominio de Macedonia cara ao -217, co rei Filipo V de Macedonia. No -211 o pretor romano M. Valerio Lavino ocupou a cidade de Zakynthos con excepción da cidadela, pero foi devolta a Macedonia. Ene o -208 foi concluída en Atamania baixo o goberno conxunto de Filipo de Megalópole e Hierocles de Akragas, que durou ata o -191, en que se integrou na Liga Aquea, pero os macedonios cedérona entón a Roma. Durante as guerras mitridáticas foi atacada polo xeneral Arquelao, que foi rexeitado.
Pertenceu ao Imperio Romano e despois ao bizantino.
No 1185 foi ocupada polo pirata Margaritone de Brindisi, ao servizo dos normandos de Sicilia pero nacido na illa. No 1194 o emperador Henrique IV ocupou Nápoles e Margaritone, que desde o 1192 fora chamado conde de Malta, foi encarcerado. Henrique IV recoñeceu a soberanía bizantina de Zante (e Cefalonia), pero a posesión da illa (e de Cefalonia e Corfú) foi conservada polos xenros de Margaritone (en Cefalonia e Zante por Ricardo Orsini e en Corfú por Leone Vetrano). Os Orsini foron recoñecidos no 1205 como condes de Cefalonia e señores de Zante ao caer o Imperio como feudatarios de Venecia, e impuxéronse logo de loitar cun pretendente feudataria do Imperio Latino no 1224. Despois foron déspotas de Epiro, e no 1324 Margarita Orsini recibiu a metade da señoría da illa en feudo de Nápoles e no 1328 o seu marido Guillerme II Tocco (un nobre napolitano co que casou cara ao 1311) recibiu a investidura por dereito uxor e gobernou a illa ata o 1357; no 1358 á morte de Nicéforo II Orsini (fillo de Xoán II Orsini, que tiña a outra metade de Zante e toda Cefalonia) os seus dereitos pasaron a Leonardo I Tocco, fillo de Guillerme II e de Margarida. No 1386 a soberanía retornou a Venecia e os Tocco continuaron como señores con Carlos I Tocco (1381-1429), Carlos II Tocco (1429-1448), Leonardo III Tocco (1448-1479, baixo rexencia da nai de 1448 ao 1460) e Antonio Tocco (1481-1485), mentres desde o 1479 ao 1481 en que foi ocupada polos otománs. Venecia anexionouse a illa e dominouna despois do 1485.
Do 1797 ao 1799 foi ocupada por Francia á que estivera cedida polo Tratado de paz de Campo Formio o 17 de outubro de 1797 e foi incluída (7 de novembro de 1797) no departamento do mar Exeo (que incluía tamén as illas Kythira, Stofadhes, e Karaiskakis). O 23 de outubro de 1798 foi ocupada polos rusos con axuda dos otománs. O xefe local Antonio Martinegos asumiu o control da illa e cando se proclamou a República das Sete Illas baixo protección conxunta de rusos e otománs (2 de abril de 1800), non a quixo recoñecer e permaneceu rebelde na illa ata 1807. O 20 de xullo de 1807 a illa, xunto coas outras illas Xónicas e os portos continentais, foi cedida a Francia que a anexionou o 13 de setembro de 1807 e o 8 de outubro de 1809 uniuna ás Provincias Ilíricas. O 16 de outubro de 1809 os británicos ocuparon Zante e despois as outras illas (1809-1810) e o 5 de novembro de 1815 proclamouse a república federal das Illas Xónicas baixo protectorado dos poderes e de facto protectorado británico. Como o resto das illas Xónicas pasou a Grecia o 1 de xuño de 1864.
Foi ocupada polos italianos o 28 de marzo de 1941, aos que substituíron os alemáns o 8 de setembro de 1943, e abandonaron a illa o 12 de outubro de 1944.
Foi parcialmente destruída por un terremoto o 12 de agosto de 1953. Terremotos de menos intensidade producíronse en abril de 2006.
A illa componse de chairas fértiles ao sur e de montañas ao oeste. O clima é mediterráneo. Posúe vexetación densa. Produce aceite de oliva, uva e cítricos. A illa ten aeroporto e chámase Aeroporto de Dionisos Solomos e está situado ao sueste. Tamén ao suroeste está o parque nacional mariño da illa de Zante coas famosas tartarugas da illa, as Caretta caretta unha especie en perigo de extinción que se atopa principalmente na Baía de Laganas. É famosa a uva doce da illa coa cal prodúcese a Zante currant ou pasa de Zante.
Os puntos principais de interese son a baía Shipwreck, o cabo Skinari e a cova azul. Na parte montañosa, as Anafontria, desde onde hai unha espléndida vista, cun mosteiro próximo. A vila montañesa de Keri, ao sur, ten un faro. As mellores praias son Porto Limnionas, Porto Vromi e Porto Zoro. Na illa dáse un fenómeno natural que son uns pozos ou fontes do que fornece auga gasificada a presión. Están a uns 20 km da capital na baía de Chieri nun val húmido. Hai na illa outras fontes minerais, probablemente de orixe volcánica.
A cidade de Zante ou Zakynthos está na costa oriental. Non ten restos da antiga cidade excepto algunhas columnas e inscricións. Está nunha baía semicircular. A acrópole estaba no lugar onde despois se construíu o castelo veneciano que aínda está.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zante |