Georgios "Yorgos" Lanthimos (en grego: Γιώργος Λάνθιμος, Giorgios Lanthimos), nado en Pangrati (Atenas) o 23 de setembro de 1973, é un director de cinema e teatro, produtor e guionista grego.
Lanthimos naceu en Atenas e foi criado principalmente pola súa nai.[1] O seu pai, Antonis Lanthimos, era un xogador profesional de baloncesto que xogou no Pagrati B.C. e na selección grega e tamén adestrou na escola Moraitis.[2] Tras graduarse na escola Moraitis, pasou a estudar administración de empresas e xogou un tempo no Pagrati B.C.[3] Posteriormente deixouno para estudar dirección de cinema e televisión na Escola Stavrakos (HCTSS) de Atenas.[1]
Durante a década de 1990 dirixiu vídeos para compañías de teatro e danza de Grecia. Dende 1995 dirixiu numerosos anuncios televisivos, videoclips, curtametraxes e obras de teatro experimental.[4] Foi tamén membro do equipo creativo que deseñou as cerimonias de apertura e clausura dos Xogos Olímpicos de 2004 en Atenas.[4][5]
O debut de Lanthimos na longametraxe foi co filme comercial O kaluteros mou psilos onde compartía créditos con Lakis Lazopoulos e ao que seguiu o filme experimental Kinetta, estreado no Festival de Cinema de Toronto de 2005.[6] O seu terceiro filme, Kynodontas, gañou o premio da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes de 2006[7][8] e foi candidato ao Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa.[9] O seu cuarto filme, Alpeis (2011) gañou o premio Osella ao mellor guión no Festival de Venecia.[10]
O seu filme The Lobster foi seleccionado para competir no Festival de Cannes de 2015,[11] onde gañou o premio do xurado.[12][13] No 75.º Festival de Venecia estreou The Favourite (2018), que gañou o premio do xurado e recibiu dez candidaturas aos Óscar na 91.ª edición dos premios, incluídos os de mellor filme e mellor director para Lanthimos.[14]
Ano | Título | Director | Guionista | Produtor | Notas |
---|---|---|---|---|---|
2001 | O kaluteros mou psilos | Si | Non | Non | Debut na dirección Codirector, con Lakis Lazopoulos[6] |
2005 | Kinetta | Si | Si | Non | Debut como director en solitario |
2009 | Kynodontas | Si | Si | Si | |
2010 | Attenberg | Non | Non | Si | Tamén actor |
2011 | Alpeis | Si | Si | Si | |
2015 | The Lobster | Si | Si | Si | |
2017 | The Killing of a Sacred Deer | Si | Si | Si | |
2018 | The Favourite | Si | Non | Si |