A Xunta Suprema de Goberno foi un órgano de rexencia instituído o 10 de abril de 1808 polo rei Fernando VII de España, que sería a encargada de dirixir os asuntos do reino na súa ausencia, cando tivo que viaxar a Francia convocado por Napoleón, nomeando ao seu tío o infante Antonio Pascual como presidente.
Despois da fuxida deste cara a Baiona o 4 de maio de 1808, foi presidida polo xeneral Murat, Lugartenente de Napoleón en España, até a retirada do exército francés do país.
Cando o 10 de abril de 1808 o novo rei de España Fernando VII, non recoñecido polo seu pai Carlos IV, despois do golpe de Estado que pasou á historia co nome de Motín de Aranjuez, tivo que viaxar a Francia convocado por Napoleón (e onde foi un dos principais protagonistas do lamentábel espectáculo das abdicacións de Baiona) o seu tío Antonio Pascual quedou en Madrid como presidente da Xunta Suprema de Goberno encargada de dirixir os asuntos do reino na súa ausencia.[1][2]
Pero pouco tempo aguantou no cargo. Cando o infante veu que Madrid non era sitio seguro debido á agresividade das tropas francesas do mariscal Murat, gran duque de Berg, cuñado de Napoleón e o seu Lugartenente en España, na madrugada do día 4 de maio de 1808, fuxiu cara a Baiona a lume de carozo, abandonando as súas funcións de presidente da Xunta Suprema.[2] Ao fuxir, o infante deixou unha carta ao decano da Xunta, Gil y Lemos, na que dicía:
Al señor Gil. A la Junta para su gobierno le pongo en su noticia como me he marchado a Bayona, y digo a dicha Junta que ella sigue en los mismos términos como si yo estuviese en ella. Dios nos la de buena. A Dios señores, hasta el valle de Josafat.Antonio Pascual
No escaso tempo en que o infante Antonio exerceu a presidencia da Xunta Suprema (do 10 de abril ao 3 de maio) tomou algunhas decisións extravagantes que sorprenderon a varias xeracións de historiadores. Por exemplo, decretou que os empregados públicos andaran na punta dos pés por corredores e despachos dos seus departamentos para non distraer o traballo dos seus compañeiros, que os selos en seco de papel que se fixaban nos documentos, que eran redondos, fosen cadrados para que no recordaran ás Sagradas Formas, e que os calvos conservaran posto o sombreiro nos seus lugares de traballo (non considerou o infante que debera explicar os motivos desta última ocorrencia.[2]
Murat entrou en España en 1808 co rango de comandante do exército e gobernador de Madrid. Como tal, viviu como protagonista o levantamento do 2 de maio, verdadeira revolta popular antifrancesa que el reprimiría pola brava: ordenou disparar á multitude que se congregaba ante o Palacio Real e despois enviou ás tropas que se encontraban fóra de Madrid para que ocuparan a capital e sufocaran o levantamento. Deu instrucións para levar a cabo un castigo exemplar durante os días 2 e 3 de maio, incluíndo numerosos fusilamentos sen ningún tipo de xuízo. Finalmente, elaborou un detallado informe que sería enviado a Napoleón, que se encontraba en Baiona reunido co rei Carlos IV e o seu fillo Fernando; en dito informe analiza os feitos con tal crueza que Napoleón culpa a pai e fillo do derramamento de sangue e exix a abdicación de ambos os dous.
Cando o infante Antonio Pascual saíu de Madrid o 4 de maio, Murat presentouse na Xunta Suprema para pedir formar parte dela, recibindo unha negativa inicial; pero volveu presentarse sorpresivamente outra vez, nunha reunión na noite, e os restantes membros, querendo evitar males maiores, aceptárono.[3]
O 6 de maio a Xunta recibiu un decreto datado o día 4 polo que Carlos IV nomeaba a Murat como Lugartenente do Reino para que gobernara no seu propio nome (do rei Carlos),[4] en virtude da autoridade que outorgaba a protesta da renuncia ao trono do 19 de marzo; e o 10 de maio recibiu os decretos de 5 de maio de convocatoria de Cortes e de traslado da Xunta a lugares seguros, e o de 6 de maio de renuncia de Fernando VII, que revertía os seus dereitos no seu pai Carlos IV.[5]
A Xunta Suprema decidiu ignorar os de 5 de maio e publicar o de renuncia do 6 de maio. Porén, dado que Carlos IV xa renunciara, de novo, á coroa, Murat quedou como Lugartenente dun Reino sen rei, cuxos dereitos ostentaba o emperador dos franceses até o nomeamento dun novo rei (como o apreciamos nun decreto do 25 de maio).[6]
Murat, aproveitando a ocasión, chegou a propoñerse como candidato a rei e, de feito, comportouse como tal até que Napoleón designou o seu irmán Xosé, aínda que o consolaría dándolle, o 15 de xullo de 1808, o trono de Nápoles, que deixaba vacante Xosé,[7] e que ocuparía co nome de Joachim I Napoleón.[8]
España estaba, pois, nese momento, en interregno (termo que aparece no decreto de 6 de xuño proclamando a Xosé I rei de España).[9]
Unha vez conseguidas as renuncias reais e a submisión das autoridades, en maio, Napoleón, depositario dos dereitos do Trono, encomendou ao Lugartenente do Reino e á Xunta Suprema de Goberno a convocatoria dunha Deputación xeral ou Asemblea de notábeis, de 150 persoas, que se reuniría en Baiona para tratar do estado do reino de España.[10]
E o 25 de maio o propio Napoleón lanzou unha proclama aos españois na que indicaba que non ía a reinar en España, confirmando a convocatoria da Asemblea de notábeis en Baiona e, de paso, confirmando no seu posto a Murat.[6]
Españoles: después de una larga agonía vuestra nación iba a perecer. He visto vuestros males y voy a remediarlos... Vuestros príncipes me han cedido todos sus derechos a la corona de las Españas; yo no quiero reinar en vuestras provincias... y os haré gozar de los beneficios de una reforma sin que experimentéis quebrantos, desórdenes y convulsiones.
Españoles: he hecho convocar una asamblea general de las diputaciones, de las provincias y de las ciudades. Yo mismo quiero saber vuestros deseos y vuestras necesidades... asegurándoos al mismo tiempo una Constitución que concilie la santa y saludable autoridad del Soberano con las libertades y privilegios del pueblo.
Españoles: acordaos de lo que han sido vuestros padres, y mirad a lo que habéis llegado. No es vuestra la culpa, sino del mal gobierno que os regía. Yo quiero que mi memoria llegue hasta vuestros últimos nietos y que exclamen: es el regenerador de nuestra patria.
Bayona, 25 de mayo de 1808.
O 6 de xuño, ditou un decreto no que nomeaba ao seu irmán Xosé como rei de España.[9] Ao día seguinte, Napoleón pediulle ao seu irmán, que acababa de chegar a Baiona, que aceptara a coroa. Alí foi recoñecido como tal polas autoridades españolas presentes. Xosé aceptou a coroa o 10 de xuño, e confirmou a Murat como Lugartenente do reino.