Esta páxina contén material de prensa.
A enciclopedia colaborativa galega feita por ducias de galegos de todo o mundo duplica o seu tamaño en só un ano.
Galipedia, 6 de decembro de 2006
En apenas un ano e uns días a Galipedia duplicou o seu tamaño. Galegos de todo o mundo uniron os seus esforzos para acadar os 20.000 artigos actuais. Son poucos en comparación co millón e medio da Wikipedia en inglés, non obstante son resultado dun esforzo moito maior. A Wikipedia en galego é dese tipo de proxectos que sen facer ruído van creando o substrato dunha iniciativa moito máis fonda. Persoas con distintas opinións, ideoloxías, crenzas na procura dun obxectivo común. Habituados a certo individualismo, pode sorprender que unha chea de persoas dediquen o seu tempo a contribuír nun mesmo proxecto coa única recompensa de construír unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa en galego.
Lonxe queda aquel 22 de xullo de 2003 en que un colaborador de Ribadeo nun esforzo en solitario comezou a crear contidos para a Wikipedia en galego. Pasados 1231 días, ducias de editores acrecentaron a Galipedia xunto cos outros proxectos irmáns: Wikisource para textos orixinais, o Galizionario para entradas de dicionario, Galicitas para citas textuais e Galilibros para a publicación de libros. Neste momento ata hai unha extensión da comunidade galega en Commons un repositorio de imaxes común a todos os wikis, que desde o pasado 30 de novembro alberga máis dun millón de ficheiros multimedia.
Do grande avance da Galipedia son testemuñas os resultados dos motores de busca, os directorios e o gran número de webs que enlazan coas páxinas da enciclopedia. Neste tempo demostrouse a utilidade dos wikis —un tipo de sitios web que permite aos visitantes engadir, eliminar ou editar o contido— como unha efectiva ferramenta de colaboración e autoría colectiva.
Nun principio semellaba que o obxectivo único era producir contidos libres en galego, conforme maduraba o wiki, albiscouse un horizonte máis amplo. Na educación a Wikipedia supón un valioso instrumento tanto en proxectos puntuais dirixidos polos propios mestres como en accións concretas coordenadas cos editores do wiki. Estamos ante un sistema simple para que se exerciten os estudantes no mundo virtual e no manexo das ferramentas informáticas, na busca de información e na comprobación das fontes.
Ademais a Wikipedia en galego revelouse como un efectivo medio de conexión entre a cultura tradicional e o mundo tecnolóxico, un camiño directo entre o saber inmaterial da cultura galega e as tendencias do mundo moderno. Nunha sociedade en profunda mudanza un dos aspectos destacados desta iniciativa e asistir a xestación, nacemento e evolución dunha comunidade virtual. Un lugar onde se aprende a interaccionar con persoas que non teñen rostro nin corporeidade física, que se van materializando a medida que a comunidade medra. Onde se redescobre a arte de falar e escoitar a través dos textos.
Non deixa de ser curioso que o papel dos galegos nalgúns dos proxectos multilingües da Fundación Wikipedia sirva de ponte entre comunidades lingüísticas (galego, castelán, portugués) e o paralelismo cos galegos espallados polo mundo físico.
Custou un ano lograr os primeiros 1.000 artigos, un ano e oito meses sumar 10.000, outro ano chegar aos 20.000 artigos. O resultado desta experiencia colaborativa apunta que isto só é o comezo dun ilusionante proxecto que espera ser útil para Galicia e os galegos.
Título: Picaportes de Compostela - Autor: Lmbuga Quenquera que se achegue á Galipedia pode abrir, gratuitamente, cada unha das portas dos 20.000 artigos enciclopédicos que se poñen a disposición da comunidade galega. | |
Título: Delta do río Lena (Siberia) - Autor: Nasa O labor desinteresado dos usuarios permitiu que a Wikipedia galega se expandise e o coñecemento se esparexese como as augas dun delta fluvial. | |
Título: A imprenta no ano 1520 - Autor: User:Haabet A información presente en cada artigo da Galipedia é produto da colaboración de todos. Todo o mundo, calquera que o desexe, pode converterse en editor. | |
Título: Gota de auga - Autor: User:AlMare Cada artigo da Galipedia vaise enchendo de información coas múltiplas aportacións dos usuarios. A continua revisión de artigos permite a inmediata actualización da información. | |
Título: O agro en 1945 - Autor: Xelo2004 Composta palla a palla, coma unha meda, a Galicia de antano embébese neste proxecto de futuridade superando a dicotomía entre o urbano e o rural. | |
Título: Cyanocitta cristata - Autor: User:Mdf Coma os paxaros que pousan nas gallas, a Galipedia ten moitas pólas nas que pousar, moitos proxectos ós que dedicar esforzos. Sirva de exemplo o índice de paxaros en lingua galega (en desenvolvemento). |