A vitamina D é un grupo de substancias esteroides cun anel da molécula roto (secosteroides) liposolubles. Nos humanos a vitamina D é única entre as vitaminas, porque funciona como unha prohormona e porque o corpo pode sintetizala en forma de vitamina D3 cando a nosa pel se expón ao sol.
As medidas dos niveis séricos de vitamina D3 son un reflexo da síntese endóxena por exposición á luz solar e da inxestión da vitamina na dieta, e pénsase que a síntese pode en xeral manter niveis séricos axeitados da vitamina. As evidencias indican que a síntese de vitamina D por exposición ao sol funciona como un bucle de retroalimentación que impide a súa toxicidade por exceso, pero advírtese que a exposición ao sol tampouco debe ser excesiva debido aos riscos de cáncer de pel.
Cando se sintetiza nos riles, o calcitriol (ou 1,25-dihidroxicolecalciferol) circula polo organismo como unha hormona, regulando a concentración de calcio e fosfato na corrente sanguínea e favorecendo o crecemento saudable e a remodelación dos ósos. A vitamina D prevén o raquitismo nos nenos e a osteomalacia nos adultos, e, xunto co calcio, axuda a protexer aos anciáns da osteoporose. A vitamina D tamén afecta á función neuromuscular, a procesos de inflamación, e inflúe na acción de moitos xenes que regulan a proliferación celular, diferenciación celular e apoptose.[1]
As probas dos efectos saudables sobre a suplementación con vitamina D na poboación xeral son consistentes,[2][3][4] especialmente en canto aos beneficios sobre a saúde ósea [5] e o descenso da mortalidade en mulleres anciás.[6]
Nome | Composición química | Estrutura |
---|---|---|
Vitamina D1 | composto molecular de ergocalciferol con lumisterol, 1:1 | |
Vitamina D2 | ergocalciferol (feito a partir de ergosterol) | |
Vitamina D3 | colecalciferol (feito a partir de 7-deshidrocolesterol na pel). | |
Vitamina D4 | 22-dihidroergocalciferol | |
Vitamina D5 | sitocalciferol (feito a a partir de 7-deshidrositoesterol) |
Existen varias formas de vitamina D, que se indican na táboa. As dúas formas principais son a vitamina D2 ou ergocalciferol, e a vitamina D3 ou colecalciferol, polo que cando se indica vitamina D sen subíndice faise referencia á forma D2 ou á D3 ou a ambas as dúas. Estas formas son coñecidas colectivamente como calciferol.[7] A vitamina D2 foi caracterizada quimicamente en 1932. En 1936, determinouse a estrutura da vitamina D3 e viuse que se orixinaba pola irradiación ultravioleta do 7-deshidrocolesterol.[8]
Quimicamente, todas as formas de vitamina D son esteroides cun anel aberto (secosteroides).[9] A diferenza estrutural entre a vitamina D2 e a vitamina D3 está nas súas cadeas laterais, non na parte cíclica. A cadea lateral da D2 contén un dobre enlace entre os carbonos 22 e 23, e un grupo metilo no carbono 24.
A vitamina D3 (colecalciferol) prodúcese por irradiación ultravioleta do seu precursor 7-deshidrocolesterol. Esta molécula está presente de forma natural na pel dos animais e no leite. A vitamina D3 pode obterse por exposición da pel aos raios ultravioleta, ou por irradiación ultravioleta do leite para a súa produción comercial.
A vitamina D2 é un derivado do ergosterol, un esterol de membrana que recibiu o seu nome do fungo cornello do centeo (ergot en inglés), que é unha substancia producida polos fungos, algúns organismos do fitoplancto e invertebrados, os cales producen a vitamina por irradiación ultravioleta do ergosterol. As plantas terrestres e os vertebrados non producen a D2, porque carecen do precursor ergosterol.[10] Parece que A vitamina D2 é igual de efectiva ca a D en manter as concentracións circulantes de 25-hidroxivitamina D,[11] aínda que existe algunha discusión sobre se a D3 pode ou non substituír totalmente pola D2 na dieta humana.[12] [13]
A síntese fotoquímica da vitamina D evolucionou hai uns 750 millóns de anos; e o cocolitóforo do fitoplancto Emiliania huxleyi é un dos exemplos máis primitivos. A vitamina D xogou un papel crítico no mantemento do esqueleto calcificado dos vertebrados cando abandonaron o seu ambiente oceánico primixenio rico en calcio e colonizaron a terra hai uns 350 millóns de anos.
A vitamina D pode sintetizarse só por un proceso fotoquímico, polo que os primeiros vertebrados que pasaron a vivir en terra tiñan que inxerir alimentos que contiñan vitamina D ou tiñan que expoñerse á luz solar para sintetizaren fotoquimicamente a vitamina D na súa pel para satisfaceren os seus requirimentos.[14]
A vitamina D3 prodúcese na pel cando o 7-deshidrocolesterol reacciona coa luz ultravioleta (UV) con lonxitudes de onda entre 270 e 300 nm, cun pico de síntese entre 295 e 297 nm.[15] Estas lonxitudes de onda están presentes na luz do sol cando o índice UV é maior de 3 e tamén na luz emitida polas lámpadas ultravioleta utilizadas para o bronceado. Estas lámpadas producen principalmente luz ultravioleta A (raios UVA), pero normalmente producen tamén entre un 4 e un 10% de UVB. Dependendo da elevación solar a vitamina D3 pode producirse na pel diariamente todo o ano nos trópicos, durante a primavera e verán nas rexións temperadas da Terra, e case nunca nos círculos polares. Porén, a latitude non predí consistentemente o nivel medio de 25OHD da poboación. A asunción de que os niveis de vitamina D na poboación seguen un gradiente latitudinal é especialmente cuestionable tendo en conta os informes de que os raios UVB que chegan á superficie terrestre en 24 horas durante o verán no norte do Canadá igualan ou exceden aos que chegan ao ecuador. En consecuencia, hai posibilidades máis que suficientes de que os seres humanos das latitudes altas produzan e almacenen vitamina D3 durante os meses de primavera, verán e outono.[16] Dependendo da intensidade da radiación UVB e dos minutos de exposición, pode establecerse un equilibrio na pel, de modo que a vitamina D se degrade tan rápido como se xera.[17]
A pel consta de dúas capas principais: a capa interna chamada derme, composta en boa parte de tecido conectivo, e a externa, máis delgada, a epiderme. A epiderme grosa da planta dos pés e palmas das mans consta de cinco estratos; que do máis externo ao máis interno son: o estrato córneo, estrato lúcido, estrato granuloso, estrato espiñoso, e estrato basal. A vitamina D prodúcese nos dous estratos máis internos da epiderme, o estrato basal (stratum basale) e o espiñoso (stratum spinosum).
O colecalciferol prodúcese fotoquimicamente na pel a partir do 7-deshidrocolesterol; o 7-deshidrocolesterol prodúcese en cantidades relativamente grandes na pel da maioría dos vertebrados, humanos incluídos.[18] A rata toupa espida (Heterocephalus glaber) parece ser deficiente en colecalciferol de forma natural, xa que os niveis séricos de 25-OH vitamina D son indetectables nela.[19] Nalgúns animais, a presenza de pelaxe espesa ou plumas impide que os raios ultravioleta cheguen á pel. Nos paxaros e animais con densa pelaxe, a vitamina D xérase a partir das secrecións aceitosas da pel depositadas en plumas e pelaxe e os animais incorpórana por vía oral durante o seu aseo co pico ou lambendo.[20]
A vitamina D3 (colecalciferol) prodúcese industrialmente expoñendo o 7-deshidrocolesterol aos raios ultravioleta B, e purificándoo.[21] O 7-deshidrocolesterol é unha substancia natural que aparece na graxa da la (lanolina) das ovellas e outros animais. A vitamina D2 (ergocalciferol) prodúcese de xeito similar utilizando ergosterol de lévedos ou cogomelos como material inicial.[21]
Na pel, o 7-deshidrocolesterol, un derivado do colesterol, sofre fotólise pola luz ultravioleta orixinando unha reacción electrocíclica conrotatoria de 6 electróns. O produto resultante é a previtamina D3. | |
A previtamina D3 isomerízase espontaneamente a vitamina D3 (colecalciferol). A temperatura moderada, a transformación da previtamina D3 a vitamin D3 leva uns 12 días.[14] | |
Tanto o colecalciferol formado na pel coma o inxerido na dieta é hidroxilado no fígado na posición 25 (na parte superior dereita da molécula) orixinando 25-hidroxicolecalciferol (calcidiol ou 25(OH)D). Esta reacción está catalizada polo encima vitamina D 25-hidroxilase,[22] presente nos hepatocitos. Unha vez sintetizado, o 25-dihidroxicolecalciferol (ou calcidiol) libérase no plasma, onde se une a unha α-globulina chamada proteína de unión á vitamina D.[23] | |
O calcidiol transpórtase aos tubos proximais dos riles, onde se hidroliza na posición 1-α (parte inferior dereita da molécula) formando calcitriol (tamén chamado 1,25-dihidroxicolecalciferol e abreviado como 1,25(OH)2D). este produto é un potente ligando do receptor da vitamina D (VDR), que media a maioría das accións fisiolóxicas da vitamina. A conversión do calcidiol a calcitriol está catalizada polo encima 25-hidroxivitamina D3 1-alfa-hidroxilase, os niveis da cal son incrementados pola hormona paratiroide (e adicionalmente polos niveis baixos de calcio ou fosfato). |
A vitamina D transpórtase pola corrente sanguínea ao fígado, onde se converte na prohormona calcidiol. O calcidiol circulante pode despois ser convertido en calcitriol, a forma bioloxicamente activa da vitamina D, nos riles ou polos monocitos-macrófagos do sistema inmunitario. O calcitriol sintetizado polos monocitos-macrófagos actúa localmente como unha citocina, defendendo o corpo contra os microbios invasores.[24] O calcitriol producido nos riles, que é a forma activa fisioloxicamente da vitamina D, libérase na circulación sanguínea. Únese no sangue á proteína de unión á vitamina D (VDBP), unha proteína transportadora do plasma sanguíneo, que transporta o calcitriol a varios órganos diana.[9]
O calcitriol media os seus efectos biolóxicos uníndose ao receptor da vitamina D (VDR), que está localizado principalmente no núcleo celular das células diana [9] A unión do calcitriol a dito receptor permite que este actúe como un factor de transcrición que modula a expresión xénica de certas proteínas de transporte (como a TRPV6 e a calbindina), que están implicadas na absorción do calcio nos intestinos.
O receptor da vitamina D pertence á superfamilia de receptores nucleares dos receptores das hormonas esteroides e tiroides, e o VDR exprésase nas células da maioría dos órganos do corpo, como o cerebro, corazón, pel, gónadas, próstata, e mama. A activación do VDR nas células do intestino, óso, riles, e glándulas paratiroides vai ligada ao mantemento dos niveis de calcio e fósforo no sangue (coa colaboración da hormona paratiroide e a calcitonina) e ao mantemento do contido do óso.[25]
A vitamina D incrementa a expresión do xene da tirosina hidroxilase nas células da medula adrenal. Tamén está implicada na biosíntese de factores neurotróficos, síntese da óxido nítrico sintase, e incemento dos niveis de glutatión.[26]
Sábese que o receptor da vitamina D (VDR) está implicado na proliferación e diferenciación celular. A vitamina D tamén afecta ao sistema inmunitario, e os VDRs exprésanse en varios leucocitos, como monocitos e células T e B.[27]
Ademais da activación do VDR, coñécense outros mecanismos alternativos de acción. Un moi importante é o seu papel como un inhibidor natural do sinal de transdución pola vía da proteína denominada hedgehog (unha hormona implicada na morfoxénese).[28][29]
Unha das funcións máis importantes da vitamina D é manter o balance de calcio no esqueleto promovendo a absorción de calcio no intestino, favorecendo a reabsorción ósea ao incrementar o número de osteoclastos, mantendo os niveis de calcio e fosfato necesarios para a formación do óso, e permitindo o funcionamento axeitado da hormona paratiroide, que mantén os niveis séricos de calcio. A deficiencia de vitamina D pode orixinar unha densidade mineral ósea máis baixa e un aumento do risco de perda de masa ósea (osteoporose) ou de fracturas óseas, porque a falta de vitamina D altera o metabolismo mineral no corpo.[30]
Os efectos da suplementación con vitamina D sobre a saúde son controvertidos.[2] Un informe do Institute of Medicine (IOM) dos Estados Unidos sinalou o seguinte: "Os resultados referidos ao cáncer, doenzas cardiovasculares e hipertensión, diabetes e síndrome metabólica, caídas e o rendemento físico, funcionamento inmunitario e trastornos autoinmunes, infeccións, funcionamento neuropsicolóxico, e preeclampsia non se poden asociar de forma fiable co consumo de calcio ou vitamina D e son a miúdo contraditorios."[5] Algúns investigadores non están de acordo con estas conclusións e parécelles que o IOM foi demasiado definitivo nas súas recomendacións e cometeu algúns erros matemáticos ao calcular os niveis sanguíneos de vitamina D asociados coa saúde ósea.[31] Porén, os membros do grupo do IOM manteñen que usaron un "procedemento estándar para as recomendacións dietarias" e que o informe está solidamente baseado nos datos. A investigación sobre a suplementación con vitamina D, incluíndo os ensaios clínicos a longa escala, aínda continúa.[31]
Os principais efectos sobre a saúde que se alegou que ten a suplementación con vitamina D son os seguintes:
Niveis baixos de vitamina D están asociados cun incremento da mortalidade.[32] A suplementación con vitamina D3 parece facer decrecer nalgúns estudos a mortalidade especialmente en mulleres anciás.[6] A vitamina D2, o alfacalcidol, e o calcitriol non parecen ser efectivos.[6]
En conxunto, o exceso ou deficiencia no sistema do calciferol parecen causar un funcionamento anormal do oganismo e un envellecemento prematuro.[33][34][35][36] Os datos suxiren que se produce unha curva de risco con forma de U na gráfica dos niveis séricos de 25OHD comparados coa mortalidade por calquera causa; o aumento do risco con niveis altos aparece nun limiar máis baixo na poboación negra.[37]
Baixos niveis séricos de vitamina D están asociados coa aparición de raquitismo, fracturas por caídas, e densidade mineral ósea baixa.[39] Algúns estudos mostran que a suplementación con vitamina D e calcio mellora a densidade mineral ósea lixeiramente, fai decrecer o risco de fracturas nas caídas en certos grupos de poboación.[39] Porén, a calidade das probas non é moi grande.[40]
As evidencias sobre os efectos da suplementación con vitamina D sobre as enfermidades vasculares son tamén pobres.[3] Doses altas ou moderadas poden reducir o risco de enfermidades cardiovasculares pero a súa significancia clínica é cuestionable.[3][41]
Niveis baixos de vitamina D están asociados con algúns cánceres. Porén, cando se fai unha suplementación da dieta con vitamina D para tratar casos de cáncer de próstata, non parece que se obteñan beneficios.[42] Os resultados sobre os efectos protectores ou prexudiciais da suplementación con vitamina D noutros tipos de cáncer non son concluíntes.[4]
A vitamina D parece ter un efecto protector contra a esclerose múltiple.[43] A hipótese inicial para explicalo estaba baseada no feito de que a esclerose múltiple dáse nunha alta proporción nas rexións do mundo nas que hai longos períodos con poucas horas de luz solar (pero parece que a síntese de vitamina D non está ligada coa latitude na que se viva), pero agora hai outras evidencias que o apoian.[43] Porén, non se sabe se a suplementación con vitamina D durante a preñez pode diminuír a probabilidade de que os nenos desenvolvan máis tarde esclerose múltiple.[44][45]
Os niveis adecuados de vitamina D poden tamén estar asociados cos ciclos de crecemento saudables dos folículos pilosos.[46] Tamén se teñen sinalado asociacións entre os niveis baixos de 25(OH)D e as enfermidades vasculares periféricas,[47] certos cánceres, esclerose múltiple, artrite reumatoide, diabetes mellitus tipo 1 (xuvenil),[25] enfermidade de Parkinson e enfermidade de Alzheimer.[48] Porén estas asociacións atopáronse en estudos observacionais e a suplementación con vitamina D vitamin supplements non demostrou que reduza o risco de padecer estas doenzas.[49]
A vitamina D parece ter efectos sobre o funcionamento do sistema inmunitario [50]. Postulouse que inflúe no contaxio da gripe, e a falta de síntese de vitamina D durante o inverno é unha explicación das altas taxas de infección gripal durante o inverno.[51] Nas infección virais outros factores implicados son os niveis de humidade relativamente baixos producidos polas calefaccións e as temperaturas frías que favorecen o espallamento do virus.[52] Os niveis baixos de vitamina D parecen ser un factor de risco para a tuberculose [53] e historicamente, utilizouse como tratamento.[54] En 2011 están facéndose ensaios clínicos sobre este punto.[54] Algúns estudos indican que a vitamina D pode tamén xogar un papel na infección por VIH.[55]
Os niveis sanguíneos baixos de calcidiol (25-hidroxi-vitamina D) poden ser o resultado dunha escasa exposición ao sol.[56] A deficiencia en vitamina D afecta á correcta mineralización dos ósos, e foi asociada con doenzas que teñen que ver co debilitamento dos ósos [57], entre as cales as principais son o raquitismo e a osteomalacia.
O raquitismo, unha enfermidade infantil caracterizada pola falta de crecemento e deformidade dos ósos longos, pode ser causada por deficiencia de calcio e fósforo e por falta de vitamina D. Esta deficiencia é hoxe moi común en moitos países de África, Asia e Próximo Oriente [58] e naquelas persoas que teñen trastornos xenéticos como o raquitismo por deficiencia en pseudovitamina D.[59] O papel desempeñado pola dieta no desenvolvemento do raquitismo [60][61] foi determinado por Edward Mellanby entre 1918–1920.[62] O raquitismo nutricional existe en países con intensa insolación como Nixeria e pode aparecer sen que haxa deficiencia de vitamina D.[63][64] En países como Gran Bretaña, onde o raquitismo e a osteomalacia son hoxe raros, houbo estalidos destas doenzas nalgunhas comunidades inmigrantes, mesmo en mulleres que aparentemente tiñan unha exposición á luz solar axeitada e usaban roupas que non lles tapaban todo o corpo.[65] O feito de ter pel escura e ter unha escasa exposición ao sol non produce raquitismo a non ser que a dieta se desvíe do patrón omnívoro occidental caracterizado por consumos altos de carne, perixe, ovos e baixos de cereais.[66][67][68] Os factores de risco dietarios do raquitismo inclúen o non consumo de alimentos de orixe animal.[65][69] A deficiencia da vitamina D segue sendo a principal causa do raquitismo entre os nenos pequenos na maioría dos países, porque o leite materno é pobre en vitamina D e certos costumes sociais e as condicións climáticas poden impedir unha exposición adecuada aos raios ultravioleta da luz solar. En países soleados como Nixeria, Suráfrica, e Bangladesh, onde a enfermidade aparece entre nenos pequenos e nenos maiores, a doenza atribúese ao consumo baixo de calcio na dieta, o cal é característico das dietas baseadas principalmente nos cereais e con pouco consumo de produtos lácteos.[68] O raquitismo era antes un problema de saúde importante nos Estados Unidos, e en zonas como Denver, onde os raios ultravioleta son aproximadamente un 20% máis fortes ca en zonas a nivel do mar da mesma latitude,[70] nalgúns estudos case 2/3 de 500 nenos estudados tiñan raquitismo lixeiro a finais da década de 1920.[71] O incremento no consumo de proteína animal [69][72] que se produciu no século XX na dieta norteamericana e un aumento do consumo de leite [73][74] fortificado con pequenas cantidades de vitamina D coincidiu cun enorme descenso nos casos de raquitismo.[25]
A osteomalacia, un trastorno que debilita e adelgaza os ósos e que se dá exclusivamente en adultos, caracterzase pola debilidade dos músculos proximais (da parte inicial da extremidade) e a fraxilidade ósea. Os efectos da osteomalacia crese que contribúen a producir dor crónica dos músculos esqueléticos,[75][76] pero non hai evidencias concluíntes de que haxa baixos niveis de vitamina D nos pacientes con dores crónicas.[77]
As investigacións indican que as persoas de pel escura que viven en climas temperados teñen menores niveis de vitamina D.[78][79][79] Suxeriuse que as persoas de pel escura son menos eficientes na produción de vitamina D porque a melanina da pel dificulta a síntese de vitamina D, aínda que un recente estudo atopou novas evidencias de que os niveis baixos de vitamina D entre os africanos poden deberse a outras razóns distintas da cor da pel.[80] As evidencias recentes implican a hormona paratiroide (PTH).[81] Un estudo a grande escala dos determinantes xenéticos da insuficiencia de vitamina D nos individuos brancos non atopou asociación coa súa pigmentación.[82][83]
O Director Xeral de Investigación e Desenvolvemento e Xefe do Consello Científico do Departamento Británico de Saúde e o Servizo Nacional de Saúde (NHS) indicou que os nenos desde seis meses a cinco anos deberían recibir suplementación con vitamina D, especialmente durante o inverno. Porén, á xente que toma suficiente vitamina D nas súas dietas e está suficientemente ao sol non se lle recomenda suplementación con vitamina D.[84]
Un grupo de expertos publicou en 2011 unha guía clínica, facendo énfase nos tratamentos e o consumo de vitamina D recomendados para os pacientes con risco de deficiencia que se listaban, na que se establecía que as fontes de vitamina D2 e D3 son equivalentes.[11]
Nos adultos sans, un consumo sostido de máis de 1250 microgramos/día (50,000 Unidades Internacionais ou IU) pode producir toxicidade ao cabo de varios meses.[85] Persoas que presentan certas condicións médicas, como hiperparatiroidismo primario,[86] son moito máis sensibles á vitamina D e desenvolven hipercalcemia en resposta a un incremento na inxestión de vitamina D, e a hipercalcemia materna durante a preñez pode incrementar a sensibilidade fetal aos efectos da vitamina D e orixina unha síndrome caracterizada por retardo mental e deformidades faciais.[86][87] As mulleres embarazadas ou en período de lactación deberían consultar ao médico antes de tomar suplementos de vitamina D. Para os nenos de ata 12 meses, o límite máximo tolerable (cantidade máxima que pode tolerarse sen causar dano) está establecido en 25 microgramos/día (1.000 IU). Unha cantidade de 1.000 microgramos (40.000 IU) diarias nos bebés produce toxicidade nun mes.[85] O Instituto de Medicina (IOM), que foi comisionado para o efecto polos gobernos dos Estados Unidos e o Canadá, incrementou o límite máximo tolerable a 2.500 IU diarias para as idades entre 1 e 3 anos, a 3.000 IU diarias para as idades entre 4 a 8 anos e a 4.000 IU diarias para as idades entre 9 e 71+ anos (incluídas mulleres preñadas ou en lactación).[88] A sobredose de vitamina D causa hipercalcemia, e os principais síntomas da sobredose de vitamina D son precisamente os da hipercalcemia: anorexia, náusea, e vómitos, e frecuentemente poliúria, polidipsia, debilidade, nerviosismo, prurito, e, finalmente, insuficiencia renal. Poden tamén aparecer proteinuria, formación de cilindros urinarios (depósitos proteicos con forma cilíndrica), azotemia (exceso de produtos nitroxenados no sangue), e calcificación metastática (especialmente nos riles). Os danos nos riles poden ser irreversibles.[85] A toxicidade da vitamina D trátase interrompendo a suplementación con vitamina D e restrinxindo a inxestión de calcio.
A exposición ao sol por longos períodos de tempo non causa normalmente toxicidade por vitamina D.[86] Nos individuos de pel clara en aproximadamente 20 minutos de exposición á luz ultravioleta as concentracións de precursores da vitamina D producidos na súa pel chegan a un equilibrio (este tempo é de 3 a 6 veces maior para as persoas de pel pigmentada), e toda a vitamina D que se produza de máis é degradada.[17] De acordo con algunhas fontes, a produción endóxena cunha exposición corporal completa ao sol é de aproximadamente 250 µg (10.000 IU) diarias.[86] Segundo Holick, "a pel ten unha gran capacidade de produción de colecalciferol"; e cando a pel se empeza a broncear a vitamina D producida "é comparable con tomar unha dose oral de entre 250 e 625 microgramos (10.000-25.000 IU)".[17]
Baseándose na non observación de toxicidade con consumos diarios de 50.000 IU diarias, que orixinan niveis de calcidiol de máis de 600 nmol/L, e o efecto similar da suplementación e a exposición corporal completa ao sol ata o inicio do bronceado, algúns investigadores sostiñan en 2007 que 250 microgramos/día (10.000 IU) nos adultos sans era unha dose segura e podía tomarse como un valor de límite máximo tolerable.[89] Nos casos publicados de toxicidade por hipercalcemia nos que se coñecían as doses de vitamina D e os niveis de 25-hidroxi-vitamin D o consumo era en todos eles ≥40.000 IU (1.000 mcg) diarios.[86] A recomendación da suplementación en persoas sans é bastante controvertida, e existen dúbidas sobre os efectos a longo prazo de atinguir e manter concentracións séricas de 25(OH)D de 80nmol/L ou máis por suplementación.[90]
O Consumo Dietético de Referencia (Dietary Reference Intake) de vitamina D[91] facilitado polo Institute of Medicine en 2010 supera as recomendacións previas de Consumo Adecuado (Adequate Intake). Estas recomendacións calcúlanse asumindo que non se produce síntese de vitamina D na pel por unha escasa exposición ao sol e que toda a vitamina D procede da dieta. Os valores refírense ao consumo total de vitamina D procedente dos alimentos, bebidas e suplementación, e foi calculado para a poboación norteamericana (danse datos para a Unión Europea máis abaixo).[92]
Os novos consumos de referencia para a vitamina D son:
O Consumo Adecuado para os bebés segue sendo:
A cantidade diaria recomendada de vitamina D na Unión Europea é de 5 µg.[93] 1 µg = 40 IU and 0.025 µg = 1 IU.[94]
Nalgúns países diversos alimentos (leite, cereais) están suplementados artificialmente con vitamina D.[95] Son fontes importantes de vitamina D os seguintes alimentos:[1]
En 1913 os investigadores norteamericanos Elmer McCollum e Marguerite Davis descubriron unha substancia no aceite de fígado de bacallau , que máis tarde recibiría o nome de "vitamina A". O doutor británico Edward Mellanby decatouse de que os cans que eran alimentados con aceite de fígado de bacallau non desenvolvían o raquitismo, e concluíu que a vitamina A, ou algún factor estreitamente asociado, podía previr esta doenza. En 1921, Elmer McCollum ensaiou con aceite de fígado de bacallau no cal fora previamente destruída a vitamina A. Ese aceite modificado curaba igualmente aos cans enfermos, polo que McCollum concluíu que o factor presente no aceite de fígado de bacallau era o responsable da curación do raquitismo e distinto da vitamina A. Chamoulle vitamina D porque era a cuarta vitamina á que se lle daba nome.[99][100][101] Non se sabía inicialmente que, a diferenza doutras vitaminas, a vitamina D podía ser sintetizada polos humanos expoñéndose á luz ultravioleta.
En 1923, estableceuse que cando o 7-deshidrocolesterol é irradiado con luz, producíase unha forma de vitamina liposoluble (agora coñecida como D3). Alfred Fabian Hess dixo que "luz igual a vitamina D."[102] Adolf Windaus, da Universidade de Göttingen en Alemaña, recibiu o Premio Nobel de Química en 1928, polo seu traballo sobre os esterois e a súa conexión coas vitaminas.[103] Na década de 1930 clarificou máis a estrutura química da vitamina D.
En 1923, Harry Steenbock na Universidade de Wisconsin demostrou que a irradiación con luz ultravioleta incrementaba o contido en vitamina D dos alimentos e outros materiais orgánicos.[104] Despois de irradiar comida para roedores, Steenbock descubriu que os roedores se curaban do raquitismo. O déficit de vitamina D era a causa do raquitismo. Steenbock patentou a súa técnica de irradiación, que foi utilizada cos alimentos, especialmente co leite. Cando expirou a súa patente en 1945, o raquitismo fora erradicado nos Estados Unidos.[105]
Vitamin D