Treixadura | |
---|---|
Treixadura en directo | |
Orixe | Redondela, Galiza |
Período | 1990–actualidade |
Xénero(s) | Folk , Música galega |
Membros | Antón López César Longa Pablo Nogueira Magoia Bodega Xaquín Xesteira |
Antigos membros | Antón Cabaleiro Millares |
Na rede | |
https://treixadura.gal/ | |
Treixadura é grupo de música galega creado en Redondela en 1990.
A andaina da agrupación comezou en xullo de 1990 cos gaiteiros Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez como membros orixinais. Ó ano seguinte súmaselles Ramón Vázquez, "O Chilro", e comezan a desenvolver un estilo propio que ten como eixo fundamental a música, os ritmos, as cantigas e os instrumentos tradicionais galegos.
O 30 de xuño de 1992 dan o seu primeiro concerto no muíño vello de Redondela e comezan a realizar actuacións por toda a xeografía galega e tamén no resto do estado. En 1995, Paulo Nogueira substitúe a Xabier Martínez, e en 1996 publícase o seu primeiro álbum chamado Obrigado. En 1998, Ramón Vázquez abandona o grupo e César Longa entra como acordeonista. En 1999 presenta o seu segundo disco Unha noite no muíño e no 2000 fai unha colaboración con Rodrigo Romaní en Albeida, primeiro disco do que fora membro de Milladoiro e acompáñano na súa xira de presentación.
O seu terceiro traballo discográfico foi presentado no 2003 baixo o título de Unha noite non é nada, sendo tamén o xermolo do Orfeón Treixadura. Entre os anos 2004 e 2005, Treixadura formou parte do espectáculo Son de Aquí, xuntos con outras agrupacións como Leilía, Tanxarina e Quico Cadaval. Tamén no 2005 participa con Donicelas no seu traballo Que nunca foi abalada e xa no 2006 bota a andar o álbum Unha semaniña enteira, no que o Orfeón Treixadura participou de cheo.
No 2008, Xan López deixa o grupo e é substituído por Magoia Bodega, quedando así o grupo constituído polos cinco membros cos que conta na actualidade. Este mesmo ano, o grupo participa na Festa Marítima Internacional de Brest, considerado o maior evento de cultura marítima do mundo.
No 2010 participa nun traballo colectivo de música galega titulado Cantigas do camiño, e no 2011 o orfeón queda definitivamente encadrado dentro da agrupación. Nese mesmo ano publican o seu último disco titulado Esa si que é muiñada.
En 2015, polo seu 25 aniversario publican o disco Vendima Tarda o cal foi gravado en directo no Teatro García Barbón en Vigo xunto co coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.
En 2018 o grupo publica o álbum Inda canto!, que presenta por unha xira arredor de todo o país chegando a máis de 30 cidades, vilas e aldeas, cunha grande acollida por parte do público e das críticas.
No ano 2020, o grupo fixo 30 anos sobre os escenarios, entre as celebracións tiña prevista a edición dun novo disco: Camiño longo, recompilando a súa andaina profesional. Porén, a pandemia de COVID-19 fixo que a presentación do traballo se adiase até o ano 2022.[1]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Treixadura |