Steven Paul Jobs, máis coñecido como Steve Jobs, nado o 24 de febreiro de 1955 e finado o 5 de outubro de 2011,[1] foi un magnate e empresario informático estadounidense. Foi o cofundador,[2] e presidente executivo de Apple Inc.[3][4] Jobs tamén foi durante un tempo presidente executivo de Pixar Animation Studios; e fíxose membro do consello de directores de The Walt Disney Company en 2006, despois da adquisición de Pixar por parte de Disney. Nos créditos de Toy Story (1995) aparece como un dos produtores executivos.[5]
A finais dos anos 70, Jobs, co cofundador de Apple Steve Wozniak, e xunto a Mike Markkula[2] e outros, deseñaron, desenvolveron e comercializaron unha das primeiras e exitosas liñas de ordenadores persoais, a serie Apple II. A principios dos 80, Jobs estaba entre os primeiros en ver o potencial comercial da interface gráfica controlada por rato da compañía PARC, que levou á creación do Macintosh.[6][7]
O 5 de outubro de 2011, Apple anunciou que Jobs falecera á idade de 56 anos[8][9][10][11] debido a un cancro neuroendocrino de páncreas[12].
Joanne Simpson foi a nai de Steve Jobs e Abdulfattah John Jandali foi o seu pai[13][14]. Nado en Green Bay (Wisconsin) foi adoptado, despois de nacer, por Paul e Clara Jobs procedentes de Mountain View (Santa Clara County, California). Neste lugar foi onde viviu toda a súa infancia.
O primeiro ordenador de Apple o Apple I foi construído e deseñado por Steve Wozniak para uso persoal, mais foi Jobs quen o convenceu de presentalo no Homebrew Computer Club e vendelo, nacendo así en 1976Apple Computer Inc. O prezo orixinal deste foi de 500$, mais o aumentaron a 666,66 $ para obter unha marxe de beneficio. As primeiras oficinas da Apple situáronse no garaxe dos pais de Steve Jobs.
A partir de entón, a empresa comezou a crecer e en tan só dez anos auntentou o número de empregados a 4000. Con 27 anos, Steve Jobs converteuse no millonario máis novo de 1982.
En 1985, despois dunha loita interna polo poder, Jobs foi destituído dos seus cargos na empresa e despedido por John Sculley, CEO da empresa. Logo da súa saída, Jobs fundou NeXT Computer. Semellante ó Apple Lisa, NeXT tiña unha tecnoloxía moi avanzada para a época, pero nunca foi moi popular. En 1986 comprou Pixar a LucasFilm, empresa que, posteriormente, se faría moi famosa polos seus filmes de animación feitos con ordenadores (coma Toy Story).
En xullo de 1997, Steve Jobs regresou a Apple. A situación da empresa nese momento non era boa pero, coa súa chegada, Steve Jobs conseguiu mellorar as vendas a base de novos modelos que marcan as tendencias no deseño dos ordenadores, como por exemplo o iMac.
O día 24 de agosto de 2011 presentou a súa renuncia como CEO de Apple.