Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1908 Lugo, España |
Morte | 3 de xuño de 1997 (88/89 anos) Madrid, España |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | físico |
Lingua | Lingua castelá |
Premios | |
Salvador Velayos Hermida, nado en Lugo en 1908 e finado en Madrid o 3 de xuño de 1997,[1] foi un físico e investigador galego que foi unha das maiores referencias no campo do magnetismo.
Fillo do director do Instituto de Lugo, Salvador Velayos González.[2] Estudou o bacharelato no Colexio dos Maristas e no Instituto de Lugo. En 1924 foi estudar Ciencias Físicas na Universidade de Madrid[3] aloxándose na Residencia de Estudiantes,[4] onde logo exerceu como titor e profesor de apoio das disciplinas científico experimentais. Licenciouse en 1928[3] e, dende 1930, foi profesor auxiliar da Facultade de Ciencias de Madrid e foi discípulo de Moles, Duperier e, especialmente, Blas Cabrera, con quen estivo de bolseiro no Instituto Nacional de Física e Química e que dirixiu a tese, Paramagnetismo de algunos compuestos de elementos de tierras raras, que foi defendida en 1934.[3] Especializouse en ferromagnetismo, disciplina que foi obxecto das súas investigacións.[4]
Xa como doutor, fixo varias viaxes a centros científicos de Alemaña pola súa conta e obtivo unha bolsa da Fundación Conde de Cartagena, xestionada pola JAE, para ampliar estudos na Universidade de Múnic con Walther Gerlach en 1934.[2][4][5]
Ao volver, en febreiro de 1936, gañou a cátedra de Física Teórica e Experimental da Facultade de Ciencias da Universidade de Valencia[4] e seguiu traballando no Instituto Nacional de Física e Química. Antes da guerra xa publicara traballos de investigación en revistas científicas españolas e alemás.
Republicano de esquerdas, durante a guerra traballou no Instituto Nacional de Física e Química para o exército republicano na fabricación de fonolocalizadores para a defensa antiaérea (sistema para a detección de bombardeos en distancia e dirección). Por este labor foi inculpado do “atraso” da vitoria dos sublevados.
Ao remate da guerra foi xulgado por rebelión en consello de guerra,[3] sendo absolto, e tamén como funcionario do Instituto Nacional de Física y Química, do que tamén librou de sanción. Pero foi sancionado polo Tribunal Especial da Universidade de Valencia:[4][6] pese á declaración favorable do seu colega Julio Palacios (Vicerreitor de Madrid), quen o descargaba das acusacións que era obxecto, o xuíz especial da súa causa solicitou a suspensión de emprego e soldo por dous anos e a inhabilitación, sanción que se viu temperada polo traslado forzoso á Universidade de Valladolid e á inhabilitación para cargos directivos e de confianza.[3][7] Logo de pasar quince anos en Valladolid explicando Física Xeral, onde fixo escola e creou un grupo de traballo sobre temas como magnetoquímica dalgunhas sales del níquel e magnetismo,[3] retornou a Madrid en 1956, mediante oposición a unha cátedra de Electromagnetismo.[4][8]
A interrupción da súa carreira por mor da guerra, a represión posterior e o exilio dos seus mestres impedirían a súa consolidación científica. Pese a isto, continuou co seu labor investigador no CSIC elaborando traballos que o situaron na vangarda da investigación. Así durante os anos 1946-1947, pasounos na Universidade Harvard, traballando ao carón de John van Vleck.[3]
En decembro de 1955, e aproveitando unha tímida apertura do réxime franquista a través das medidas do ministro de Educación Ruiz Jiménez, gañou mediante oposición a cátedra de Física Teórica e Experimental da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid[3] e puido retoma-la relación co CSIC coa creación dunha sección de magnetismo nun dos seus institutos. Permaneceu na cátedra até que se xubilou en 1978.[2]
Leva o seu nome o Instituto de Magnetismo Aplicado que rexentan RENFE e a Universidade Complutense de Madrid[9] e tamén no concello de Madrid, unha glorieta preto da Universidade Complutense leva o seu nome.[10][11]
O Club Español de Magnetismo (CEMAG), estableceu en 2008 o Premio de Magnetismo "Salvador Velayos", de carácter bianual, para as achegas nese campo.[12]
En 1997, recibiu a título póstumo, a Gran Cruz de Afonso X o Sabio[13]