Mancini | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Roberto Mancini | ||
Nacemento | 27 de novembro de 1964 | ||
Lugar de nacemento | Jesi | ||
Altura | 1,79 m. | ||
Posición | Centrocampista, dianteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Italia | ||
Carreira xuvenil | |||
1977–1981 | Bologna | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1981–1982 | Bologna | 30 | (9) |
1982–1997 | Sampdoria | 424 | (132) |
1997–2000 | Lazio | 87 | (15) |
2001 | Leicester | 4 | (0) |
Total | 545 | (156) | |
Selección nacional | |||
1982–1986 | Italia sub-21 | 26 | (9) |
1984–1994 | Italia | 36 | (4) |
Adestrador | |||
2001–2002 | Fiorentina | ||
2002–2004 | Lazio | ||
2004–2008 | Inter de Milán | ||
2009–2013 | Manchester City | ||
2013–2014 | Galatasaray | ||
2014–2016 | Inter de Milán | ||
2017–2018 | Zenit San Petersburgo | ||
2023– | Arabia Saudita | ||
Na rede | |||
http://www.robertomancini.com | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Roberto Mancini, nado en Jesi, Ancona, o 27 de novembro de 1964, é un exfutbolista e adestrador italiano, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Dende 2023 dirixe a selección saudita.
Alcumado il Mancio, está considerado un dos mellores centrocampistas ofensivos da historia do fútbol italiano.[1][2] Debutou na Serie A co Bologna en 1981, con só 16 anos, fichando ao ano seguinte pola Sampdoria, club do que se converteu nun símbolo. Xogou durante 15 tempadas no equipo xenovés, sendo o futbolista con máis partidos disputados da súa historia (566), así como o seu máximo goleador histórico (173 goles). Na tempada 1990/91 participou na conquista do primeiro e único scudetto na historia do club,[3] co que gañou tamén catro Copas Italia, unha Supercopa italiana e unha Recopa de Europa, ademais de disputar a final da Copa de Europa en 1992. Tras deixar a Sampdoria militou durante tres anos na Lazio, coa que gañou un segundo título de liga (o primeiro do club en 26 anos) así como a Recopa de Europa e a Supercopa de Europa (os dous únicos títulos europeos da historia do club). Pechou a súa carreira como futbolista tras unha breve etapa no Leicester City.
Entre 1984 e 1994 formou parte da selección italiana, coa que disputou a Eurocopa de 1988 e acudiu ao Mundial de 1990, no que non chegou a xogar. Coa camisola azzurra sumou 36 partidos e 4 goles.
Gañou seis veces a Copa Italia, rexistro só igualado polo gardameta Gianluigi Buffon. É ademais o xogador con máis partidos disputados na historia do torneo (120).[4]
Despois de retirarse do fútbol, iniciou unha carreira como adestrador que o levou a ser considerado un dos mellores técnicos da súa xeración.[5][6][7] Gañou dende os bancos tres campionatos da Serie A, catro Copas Italia (récord compartido con Massimiliano Allegri e Sven-Göran Eriksson), dúas Supercopas de Italia, unha Premier League, unha FA Cup, unha FA Community Shield, unha Copa de Turquía e a Eurocopa de 2020 á fronte da selección italiana. En 2015 foi incluído no Salón da Fama do Fútbol Italiano.[8]
Aos trece anos foi recomendado a Marino Perani, naquel momento responsable da canteira do Bologna, que o contratou por 700.000 liras tras unha pequena proba.[9]
Debutou co primeiro equipo aos 16 anos, o 6 de setembro de 1981, nun partido da Copa Italia contra a Reggina, substituíndo ao comezo da segunda metade a Chiorri.[10] Unha semana despois debutou na Serie A, na primeira xornada, nun empate a un gol diante do Cagliari, converténdose así no sexto xogador máis novo da historia en debutar na Serie A. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría en Como o 4 de outubro de 1981, facendo o último gol do partido no empate 2-2 fronte ao Como.[11] Durante a súa primeira tempada na Serie A, disputou os 30 partidos e marcou 9 goles. Con todo, o Bologna non puido evitar o seu primeiro descenso á Serie B.
No verán de 1982 o presidente da Sampdoria, Paolo Mantovani, pagou ao Bologna 4.000 millóns de liras polos servizos de Mancini,[12] así como os pases de Galdiolo, Roselli, Brondi e Logozzo, que pasaron a ser xogadores do club boloñés. Militou na Sampdoria durante os seguintes 15 anos, ata a tempada 1996/97. Marcou o seu primeiro gol oficial co club na Copa Italia o 1 de setembro de 1982, ante o Brescia.[13]
No club xenovés, Mancini e Gianluca Vialli formaron unha das parellas ofensivas máis prolíficas da historia do fútbol italiano, sendo inmediatamente alcumados os "xemelgos do gol".[12][14] Na tempada 1984/85, despois de derrotar ao Milan na final, Mancini conquistou a súa primeira Copa Italia, que foi tamén o primeiro título na historia do club. Baixo a dirección técnica de Vujadin Boškov, que chegou a Xénova no verán de 1986, gañou de xeito consecutivo dúas Copas de Italia máis nas campañas 1987/88 e 1988/89 e un histórico campionato da Serie A na tempada 1990/91 (o único do club). A estes trofeos súmase unha Supercopa de Italia, gañada en 1991 ante a Roma, grazas a un gol seu no minuto 75. Con Eriksson no banco da Sampdoria chegou a cuarta Copa Italia na 1993/94.
Nas competicións europeas, a Sampdoria de finais dos oitenta e principios dos noventa estivo entre os grandes protagonistas. Despois de ser derrotada na final da Recopa de Europa 1988/89 polo Barcelona, gañou a competición na campaña seguinte, derrotando na final ao Anderlecht por 2-0, os dous tantos anotados por Vialli. Na tempada 1991/92 Mancini capitaneou a Sampdoria ata a súa terceira final europea en catro anos, pero desta vez, na máxima competición continental, a Copa de Europa. O equipo italiano foi derrotado de novo polo Barcelona, grazas a un gol de Koeman no minuto 112 da prórroga.[15]
No verán de 1997 fichou pola Lazio. As chegada de Mancini e outros exfutbolistas da Sampdoria como Verón, Mihajlović e Lombardo, así como a do adestrador Eriksson, coincidiron co inicio dunha época triunfante do equipo romano presidido por Cragnotti a finais da década de 1990.
Mancini debutou ante os afeccionados da Lazio cun gol contra o Napoli no estadio Olímpico o 31 de agosto de 1997. Un mes despois marcou o primeiro dos catro goles que lle fixo á Roma nos derbis romanos. O 29 de novembro de 1998 anotoulle dous goles ao máximo rival da Lazio, un deles co tacón.[16] Tamén de tacón logrou un dos seus goles máis recordados, batendo a Gianluigi Buffon nunha vitoria por 1-3 sobre o Parma en xaneiro de 1999.[17] O 14 de maio de 2000, con 35 anos, xogou o seu último partido coa camisola biancoceleste no Olímpico.[18]
Na súa última campaña en Roma, gañou un histórico campionato de liga, o segundo para as vitrinas do club, que celebraba ese ano o seu centenario. Sumou ese título aos da Recopa de Europa 1998/99, a Supercopa de Europa 1999, ás Copas Italia de 1998 e 2000 e á Supercopa italiana de 1998.
A pesar de anunciar o 23 de maio de 2000 a súa retirada dos terreos de xogo,[19] e de aceptar o cargo de segundo adestrador da Lazio,[20] en xaneiro de 2001 deu volta atrás e asinou un contrato de seis meses como xogador do Leicester City, da Premier League.[21][22] A súa estancia en Inglaterra durou só un mes, durante o que disputou un total de catro partidos da Premier e un da FA Cup. O 22 de febreiro de 2001 colgou definitivamente as botas, unha vez se lle presentou a oportunidade de adestrar a Fiorentina.[23]
Debutou coa selección italiana sub-21 de Azeglio Vicini cando aínda contaba 17 anos, o 10 de outubro de 1982, nun empate ante Austria (1-1). Militou na sub-21 durante catro anos, coincidindo con xogadores como Gianluca Vialli, Walter Zenga, Riccardo Ferri, Giuseppe Giannini, Roberto Donadoni, Nicola Berti ou Fernando De Napoli. Con este equipo alcanzou a final da da Eurocopa sub-21 de 1986, disputada en Valladolid, onde os italianos caeron na quenda de penaltis fronte a España.
A primeira convocatoria de Mancini á selección italiana absoluta produciuse da man do seleccionador Enzo Bearzot, quen o chamou por primeira vez en 1984, con 19 anos, con motivo dunha xira amigable por América do Norte. Debutou o 26 de maio en Toronto, na vitoria por 2-0 ante o Canadá, substituíndo a Bruno Giordano no segundo tempo.[24] Con todo, durante esa mesma viaxe, Bearzot expulsouno da selección por motivos disciplinarios e non o volveu convocar mentres el estivo ao mando.[25] Foi o primeiro episodio da problemática relación de Mancini coa azzurra, marcada por unha falta de entusiasmo no terreo de xogo e as friccións con adestradores e medios.[25]
En 1986, cumprida a idade máxima para a selección sub-21 e trala chegada ao banco da absoluta de Vicini, volveu ser convocado para o equipo principal. Na Eurocopa de 1988 marcou o seu primeiro gol como internacional, no partido inaugural en Düsseldorf e contra a selección anfitrioa, Alemaña Occidental.[26][27] A selección italiana acabou caendo en semifinais contra a Unión Soviética.
Trala Eurocopa perdeu a titularidade a favor de Giuseppe Giannini e a relación co seleccionador Vicini acabou por deteriorarse.[25] Con todo, foi convocado para o Mundial de 1990, no que Italia chegou ás semifinais, pero non chegou a debutar no torneo.[25]
Aínda que continuou na selección trala chegada ao banco de Arrigo Sacchi, non se adaptaba especialmente aos esquemas do técnico romañolo,[28] que, aínda que o estimaba e en ocasións o utilizaba como dianteiro centro xunto a Roberto Baggio, considerábao como o suplente do atacante véneto.[29] Durante a clasificación para o Mundial de 1994, marcou os seus últimos 3 goles coa camisola azzurra, pero non foi convocado para a fase final do torneo nos Estados Unidos, elixindo Sacchi no seu lugar a Gianfranco Zola.[30]
O seu paso pola selección, non tan brillante como a súa traxectoria en clubs,[17] chegou á súa fin o 23 de marzo de 1994, cando disputou o último dos seus 36 partidos internacionais, un amigable contra Alemaña no Mercedes-Benz Arena de Stuttgart.
Trala súa retirada continuou formando parte da Lazio e en xullo do 2000 comezou a súa carreira como adestrador como asistente de Eriksson,[31][17] gañando inmediatamente a Supercopa italiana xunto ao adestrador sueco.
O 26 de febreiro de 2001, aos 36 anos e tras o seu breve regreso aos campos de fútbol co Leicester, foi contratado pola Fiorentina para substituír o turco Fatih Terim no posto de adestrador.[32] Co equipo 10º en liga e xa clasificado para a final da Coppa Italia, Mancini logrou proclamarse campión do torneo copeiro na dobre final ante o Parma que adestraba Renzo Ulivieri. Foi o seu primeiro título como adestrador, pouco máis de 3 meses despois de iniciar a súa carreira, así como o sexto triunfo do equipo violeta no torneo. Mentres tanto, rematou a liga no noveno posto.
No verán seguinte, o club atravesaba grandes problemas económicos e Mancini tivo que xestionar unha base de xogadores considerablemente debilitada, co obxectivo mínimo para o ano seguinte e dende o punto de vista deportivo, de manterse na Serie A. Comezou a campaña 2001/02 perdendo a Supercopa italiana diante da Roma de Fabio Capello. Debutou como adestrador en Europa na Copa da UEFA, competición na que o seu equipo foi eliminado en oitavos de final. O 11 de xaneiro de 2002, trala 17ª xornada de liga e despois dunha derrota na casa fronte ao Perugia, dimitiu como adestrador do equipo toscano.[33][34][35] Deixou o equipo en postos de descenso, e os seus sucesores no banco tampouco conseguiron endereitar o rumbo do equipo, que acabou descendendo esa mesma tempada e declarándose en bancarrota.
O 1 de xullo de 2002 regresou á Lazio cun contrato por dous anos,[36] obtendo bos resultados, pero o seu traballo viuse afectado por diversas vicisitudes económicas, que culminaron coa dimisión do entón presidente Sergio Cragnotti e coa inclusión do mesmo Mancini no consello de administración da sociedade.[37] Acabou cuarto na liga no seu primeiro ano, alcanzando así a Liga de Campións, e chegou ás semifinais tanto na Copa Italia como na Copa da UEFA, perdendo nesta última por un global de 4-1 ante o Porto de José Mourinho, posterior vencedor do torneo.[38]
Na campaña seguinte (2003/04) a Lazio realizou un gran papel na Copa Italia e despois de eliminar ao Modena, ao Parma e ao Milan, enfrontouse na final á Juventus de Lippi, á que derrotou por un resultado total de 4-2, facéndose así Mancini co seu segundo título de Copa como adestrador. No campionato de liga quedou sexto. O 7 de xullo de 2004 deixou o club capitolino para fichar polo Inter de Milán.[39]
A súa primeira tempada no banco nerazzurro marcou o regreso do club á senda do triunfo, despois de máis dun lustro sen títulos, ao proclamarse campión da Copa Italia na final contra a Roma.
[40] Na liga rematou no terceiro posto,[41] mentres que na Liga de Campións o equipo chegou aos cuartos de final, sendo eliminado polo Milan de Carlo Ancelotti (sendo esta a segunda vez que se disputaba un derbi de Milán na máxima competición europea). A tempada 2005/06 comezou coa conquista da Supercopa italiana,[42] e pechouse repetindo título de Copa, de novo tras derrotar na final á Roma, á que adestraba Luciano Spalletti. Na Serie A, o Inter volveu quedar terceiro, pero a mediados do verán a FIGC adxudicoulle o título ao club lombardo por mor do Calciopoli, o caso de corrupción deportiva que afectou a varios equipos, entre eles os dous primeiros clasificados da liga, Juventus e Milan.
No campionato de liga 2006/07, o Inter colocouse rapidamente en cabeza e acadou unha xeira de 17 vitorias consecutivas (incluído un triunfo por 4-3 no derbi de Milán). Proclamouse campión de liga a falta de cinco xornadas e rematou cun total de 97 puntos, 22 máis que o segundo clasificado, a Roma.[43] Foi o segundo título interista da tempada, despois da conquista da Supercopa, na que conseguiu remontar na prórroga do partido de volta a derrota inicial por 0-3 diante da Roma.[44] O ciclo vitorioso continuou na campaña 2007/08, na que o club gañou o seu 16º scudetto.[45]
A pesar dos seus éxitos, o 29 de maio de 2008 foi despedido polo presidente Massimo Moratti. No comunicado oficial, a entidade indicou como motivo da destitución as declaracións realizadas polo técnico o 11 de marzo anterior, trala eliminación da Liga de Campións a mans do Liverpool ("Non sei se aínda estarei aquí dentro de dous meses").[46][47] Recibiu un pago de 8 millóns de euros como liquidación.[48][49] O balance da súa primeira experiencia nerazzurra foi de 140 vitorias, 60 empates e 26 derrotas en 226 partidos. O portugués José Mourinho ocupou o seu lugar no banco do equipo milanés.
O 19 de decembro de 2009 asinou co Manchester City por 3,5 millóns de euros por tempada, en substitución do despedido Mark Hughes.[50][51] Pechou a tempada na quinta posición, clasificándose así para a Europa League.
Para a tempada 2010/11 o club reforzouse no mercado de verán coas fichaxes de Mario Balotelli, David Silva e Yaya Touré, así como co regreso de Joe Hart. O 14 de maio de 2011 gañou a FA Cup, derrotando por 1-0 na final de Wembley ao Stoke City cun gol de Yaya Touré. Foi o primeiro título en 35 anos para o club de Manchester, que culminou a tempada cunha terceira posición en liga, clasificándose para a Liga de Campións por primeira vez dende 1968.
Na tempada 2011/12 Mancini guiou o Manchester City ata o seu terceiro título de liga (o primeiro en 44 anos), ao gañar ao Queens Park Rangers por 3-2 na última xornada. Dous goles de Edin Džeko e Sergio Agüero no tempo de desconto déronlle a volta ao marcador e fixeron que o título acabase nas vitrinas do City cando parecía que iría parar ás do seu máximo rival, o Manchester United.[52] O 12 de agosto gañou o terceiro e último título da súa experiencia inglesa, vencendo ao Chelsea por 3-2 na final da Community Shield disputada no Villa Park de Birmingham.[53]
O 13 de maio de 2013, dous días despois de perder a final da FA Cup ante o Wigan (0-1), e xa sen posibilidades na liga, foi destituído polo club.[54] O seu lugar foi ocupado, durante os dous últimos partidos de liga, polo seu axudante, Brian Kidd.
O 30 de setembro de 2013 foi contratado polo Galatasaray turco. Substituíndo por segunda vez a Terim e co equipo na novena posición en liga, conseguiu unha inesperada clasificación para os oitavos de final da Liga de Campións, tras unha vitoria por 1-0 na derradeira xornada fronte a Juventus de Antonio Conte en Istambul, cun gol de Wesley Sneijder que ademais deixou fóra ao equipo italiano. Nos oitavos de final enfrontouse a outro dos seus rivais históricos, José Mourinho, agora adestrador do Chelsea. O equipo inglés puxo fin á aventura do Galatasaray no torneo cun contundente 2-0 en Stamford Bridge, tras o empate 1-1 na casa dos turcos. O 6 de maio proclamouse campión da Copa de Turquía, vencendo na final ao Eskişehirspor por 1-0 grazas a outro gol de Sneijder.[55]
Pola súa banda, na liga turca non conseguiu superar ao Fenerbahçe, que se proclamou campión turco, pero logrou manterse por diante do Beşiktaş, conquistando así o subcampionato e a clasificación directa para a Liga de Campións. O 11 de xuño de 2014 abandonou o equipo turco, facendo uso dunha cláusula liberatoria.[56]
O 14 de novembro de 2014 foi reclamado de novo polo Inter para ocupar o lugar de Walter Mazzarri, destituído co equipo na novena posición da liga.[57][58] Iniciou a súa segunda etapa no club cun empate no derbi de Milán,[59] seguido da clasificación para os oitavos de final da Europa League o día en que cumpriu 50 anos.[60] Eliminado polo Napoli nos cuartos de final da Copa Italia, foi a primeira vez que como adestrador do Inter, quedou fóra da final do torneo.[61] O 15 de febreiro de 2015, conseguiu ante o Atalanta a súa centésima vitoria na liga á fronte do club.[62] Acabou caendo nos oitavos de final da Europa League diante do VfL Wolfsburg,[63] e pechou a liga na oitava posición.[64]
Na tempada 2015/16 o equipo de Mancini rematou a primeira volta como líder,[65][66] pero na segunda viuse inmerso nunha crise que, ademais de afastar o equipo da primeira praza,[67] levou o club a reconsiderar a súa posición.[68][69] Tras non entrar na final da Copa Italia,[70] o Inter acabou a liga no cuarto lugar, clasificándose para a Europa League.[71] No verán, Mancini anunciou que quería seguir no banco do equipo, pero as friccións cos novos donos do club convencérono para rescindir o seu contrato en agosto.[72][73]
Despois de pasar unha tempada sen adestrar, asinou co Zenit San Petersburgo o 1 de xuño de 2017.[74] Eliminado nos oitavos de final da Copa de Rusia polo Dinamo San Petersburgo, que gañou 3-2 na prórroga, clasificouse primeiro do seu grupo da Europa League e eliminou en dezaseisavos de final ao Celtic, pero caeu nos oitavos diante do RB Leipzig. Rematou a Liga Premier de Rusia na quinta posición. O 13 de maio de 2018 rescindiu o contrato de común acordo co club ruso.[75]
O 14 de maio de 2018 Mancini foi nomeado adestrador da selección italiana,[76] poñendo fin ao que varios xornais definiron como un período de "transición" do equipo azzurro, marcado polo inesperado fracaso na clasificación para o Mundial de 2018 e polas tormentosas despedidas do seleccionador Gian Piero Ventura e do presidente da Federación Carlo Tavecchio.[77][78][79] Chamado para revitalizar unha selección nacional en graves dificultades,[80] Mancini iniciou desde o primeiro momento un gran relevo xeracional, excluíndo a moitos dos veteranos do equipo e dando máis protagonismo aos novos talentos do fútbol italiano.[81][82]
O 28 de maio de 2018 debutou no banco de Italia con vitoria, ao vencer a Arabia Saudita nun partido amigable (2-1).[83] A continuación disputou outros dous amigables (unha vitoria ante Francia por 3-1 e un empate a un gol cos Países Baixos),[84][85] antes da súa primeira competición oficial, a primeira edición da Liga das Nacións. Italia, encadrada no grupo 3 da Liga A xunto a Portugal e Polonia, debutou ante esta última cun empate (1-1).[86] A pesar da derrota ante Portugal no seguinte encontro (1-0),[87] Italia sumou unha vitoria na segunda volta ante Polonia (0-1) e finalmente un empate ante os lusos (0-0), resultados que lle serviron para rematar segunda do seu grupo e evitar o descenso á Liga B, aínda que quedou fóra da fase final do torneo.[88][89]
Encadrada no grupo J da fase de clasificación para a Eurocopa de 2020, a Italia de Mancini comezou o seu camiño cara ao torneo cunha vitoria ante Finlandia (2-0).[90] A posterior goleada por 6-0 sobre Liechtenstein colocou ao equipo no liderado,[91] achegándose á clasificación matemática xa en setembro.[92] O 12 de outubro de 2019, coa vitoria na casa ante Grecia (2-0), o equipo transalpino logrou o acceso á Eurocopa a falta de tres xornadas, un resultado nunca acadado na historia da selección italiana.[93] A posterior vitoria ante Liechtenstein (5-0), a novena dunha xeira iniciada coa vitoria nun amigable contra os Estados Unidos (1-0), permitiu a Mancini igualar o récord de vitorias consecutivas rexistrado en 1938 por Vittorio Pozzo,[94] récord superado pouco despois cos triunfos sobre Bosnia e Hercegovina (0-3)[95] e sobre Armenia (9-1). Este último partido supuxo a maior goleada nun partido de clasificación para a Eurocopa da historia da selección italiana.[96][97]
Trala irrupción da pandemia de COVID-19, a Eurocopa 2020 adiouse un ano.[98] Antes da disputa do torneo, o equipo italiano participou na edición 2020/21 da Liga das Nacións da UEFA, onde quedou encadrado nun grupo con Polonia, Bosnia e Hercegovina e os Países Baixos. A primeira fase do torneo, na que tamén pasou polo banco italiano Alberico Evani, por mor do positivo en COVID-19 do propio Mancini,[99][100] culminou coa consecución do primeiro posto do grupo, clasificándose así o equipo azzurro para a fase final.[101] Mentres tanto, a finais de marzo de 2021, Italia xogou os seus tres primeiros partidos de clasificación para o Mundial de 2022, contra Irlanda do Norte, Bulgaria e Lituania, gañando os tres por 2-0.[102]
O 17 de maio de 2021 asinou unha renovación de cinco anos coa selección nacional, ata 2026. En xuño comandou o equipo italiano na Eurocopa de 2020, superando a fase de grupos como líder invicto e coa portería a cero, un fito nunca acadado antes por ningunha outra selección. O 26 de xuño de 2021, coa vitoria sobre Austria nos oitavos de final (2-1 na prórroga), Mancini bateu o récord de 30 partidos invicto da selección italiana, que estaba en posesión de Vittorio Pozzo dende os anos 1935-1939, así como o de maior número de vitorias consecutivas (que era ata entón de 11, logradas polo propio Mancini entre 2018 e 2019). Ademais superou a marca mundial de 1143 minutos sen encaixar gol, que tiña a propia selección italiana da década de 1970, con Dino Zoff na portería, deixando o novo récord en 1168 minutos.[103][104] O 2 de xullo, a vitoria nos cuartos de final ante Bélxica (1-2) deulle a Mancini o récord absoluto de vitorias consecutivas na Eurocopa (15 incluíndo os partidos da fase de clasificación) e supuxo tamén superar o récord mundial de 31 partidos invicto dos seleccionadores Alfio Basile e Javier Clemente.[105][106] Nas semifinais, Italia conseguiu derrotar á España de Luis Enrique na quenda de penaltis despois de empatar a un gol, e certificou así o pase á final da Eurocopa por cuarta vez na historia da selección italiana.[107] O 11 de xullo, o equipo proclamouse campión de Europa 53 anos despois do seu único título, tras derrotar por 3-2 na prórroga a Inglaterra de Gareth Southgate.[108]
O 8 de setembro de 2021, tralos empates diante de Bulgaria e Suíza e a goleada por 5-0 sobre Lituania, Mancini ampliou a cifra de encontros consecutivos sen perder de Italia ata 37 (30 vitorias e 7 empates), superando os rexistros históricos do Brasil e España (35).[109] A xeira de partidos invicto rematou o 6 de outubro de 2021, cando Italia perdeu por 1-2 en Milán ante España nas semifinais da Liga das Nacións da UEFA.[110] Catro días despois, gañou a Bélxica no partido polo terceiro posto.[111]
Nos dous últimos partidos de clasificación para o Mundial de 2022, Italia obtivo dous inesperados empates ante Suíza e Irlanda do Norte, perdendo a primeira praza a favor dos suízos e quedando sen opcións de clasificación directa.[112] Accedeu no canto diso aos play-off, caendo nas semifinais diante de Macedonia do Norte por 0-1, cun gol no tempo de desconto, e quedando así por segunda vez consecutiva fóra do Mundial.[113]
En xuño de 2022 disputou a fase de grupos da Liga das Nacións, na que tivo un inicio dubidativo, cunha soa vitoria nos catro primeiros partidos, que incluíron unha derrota por 5-2 ante Alemaña. Con todo, o equipo de Mancini conseguiu gañar os dous últimos encontros, ante Inglaterra e Hungría, obtendo o primeiro posto do grupo.[114] Na fase final do torneo, disputada en 2023, foi eliminado nas semifinais, ao caer por 2-1 contra España. En agosto anunciou a súa dimisión, despois de cinco anos no cargo.[115]
O 27 de agosto de 2023 foi anunciado como novo seleccionador de Arabia Saudita, coa que asinou un contrato cun salario de 25 millóns de euros anuais.[116]
Destacado na creación de xogo,[117][118] era capaz de ocupar tanto a posición de centrocampista ofensivo como a de segundo dianteiro. Prefería dar asistencias que rematar el mesmo a portería,[119][120] pero tamén era hábil como goleador,[16][119] ata o punto de ser utilizado, en ocasións, como dianteiro centro.[29] Segundo o seu antigo adestrador Renzo Ulivieri, Mancini podería ter sido o herdeiro de Roberto Boninsegna se xogase constantemente como primeiro dianteiro.[119] Xogador carismático e cun carácter animado,[1][121][122] é considerado un dos maiores especialistas en caneos da súa época.[123] As súas notables habilidades técnicas permitíanlle dar un cambio repentino aos partidos,[2] a pesar de que o seu rendemento era inconsistente.[124]
Unha vez iniciada a súa carreira como adestrador, ao principio mostrou afinidade coa filosofía futbolística do seu mentor Vujadin Boškov, impulsando a innovación e preferindo un fútbol baseado "máis no xogo que nos resultados", apostando moitas veces por xogadores de talento en vez de xogadores con máis fondo físico.[125] Isto traduciuse en equipos que non eran capaces de canalizar a gran cantidade de xogo producida, de modo que pronto o adestrador aceptou a idea do "dominio físico dos partidos" construíndo "un encoro musculoso no medio do campo", unha solución que tomou prestada doutro dos seus mestres, Sven-Göran Eriksson.[125]
O estilo de dirección de Pep Guardiola (supremacía da técnica, busca da identidade táctica e valor da planificación a longo prazo) tamén influíu na proposta futbolística de Mancini que ata entón tiña fama de "adestrador pragmático", pouco espectacular e "caro" polos enormes investimentos que esixía dos seus clubs no mercado de fichaxes.[125] Entre as tácticas máis empregadas pola selección italiana dirixida por el está un reaxuste do chamado "falso nove" concibido polo propio Guardiola,[126] con preferencia polo uso de dianteiros externos mesmo en posición central co obxectivo de crear grandes espazos máis facilmente atacables, intentando ao mesmo tempo non dar puntos de referencia á defensa contraria.[127]
Casou con Federica Morelli, coa que tivo tres fillos: Filippo (nacido en Xénova o 13 de outubro de 1990), Andrea (nacido na mesma cidade o 13 de agosto de 1992) e Camilla (nada en Roma o 6 de febreiro de 1997). O 26 de xuño de 2015 anunciou que iniciara os trámites para se divorciar da súa muller.[128] O seu fillo Filippo xogou nas categorías inferiores do Inter de Milán, do Entella e do Manchester City (adestrado polo seu pai naquel entón) sen ter chegado ao primeiro equipo. Andrea tamén xogou nos equipos xuvenís do Inter e do City e, tras xogar en ligas menores, rematou a súa carreira en 2017 co New York Cosmos.[129]
En maio de 2021 publicou La bella stagione, un libro escrito xunto con Gianluca Vialli no que relatan a conquista da liga coa Sampdoria en 1991.[130] O 23 de xullo do mesmo ano a Universidade de Urbino "Carlo Bo" concedeulle o título de doutor honoris causa en Ciencias do Deporte.[131]