Hƿicce (ang) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | Worcester (pt) | |||
Poboación | ||||
Relixión | paganismo anglo-saxão (pt) | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 577 | |||
Disolución | década de 780 | |||
Sucedido por | Mercia | |||
Hwicce foi un reino tribal da Inglaterra anglosaxoa. Segundo a Crónica anglosaxoa, o reino foi creado en 577, tras a batalla de Deorham. Despois de 628, o reino converteuse en vasalo de Mercia por mor da batalla de Cirencester.
O Tribal Hidage valorou a Hwicce en 7000 hides, o que implicaría unha economía de tamaño similar á dos reinos de Essex e Sussex.
As fronteiras exactas do reino permanecen incertas, aínda que probabelmente coincidisen coas da antiga diocese de Worcester, fundada en 679–80 e cuxos primeiros bispos utilizaron o título de Episcopus Hwicciorum "bispo dos Hwicce". O reino, por tanto, incluiría Worcestershire excepto o extremo noroccidental, Gloucestershire excepto o Bosque de Dean, a metade suroccidental de Warwickshire, os arredores de Bath, ao norte do Avon e pequenas partes de Herefordshire, Shropshire, Staffordshire e o noroeste de Wiltshire[1][2].
A etimoloxía do nome Hwicce "os hwiccianos" é incerta. Pode ser un plural para "os hwiccianos", ou quizais provén dun nome de clan.
Unha etimoloxía provén do nome común hwicce "arca, baúl", en referencia á aparencia do territorio como un val plano bordeado polos Montes Cotswold e os outeiros Malvern[3]. Outra posibilidade podería ser que derivase dun nome concreto, "as xentes dun home chamado Hwicce", pero non hai rexistro dese nome[4][5]. Eilert Ekwall conectou o nome, baseándose na lingüística, co dos Gewisse, os antecesores dos Saxóns Occidentais[6]. Smith suxeriu que este nome tribal tiña unha orixe pexorativa, co significado de "os covardes", relacionado con quake, nórdico antigo hvikari "covarde". É tamén probábel que "Hwicce" denominase ás tribos nativas que vivían a beiras do río Severn, no actual Worcester, que se dedicaban a fabricar cestos a partir dos xuncos. A palabra moderna 'wicker', que se cre ten orixe escandinava, describe o tipo de cestos fabricados por estes antigos poboadores.
Stephen Yeates (2008, 2009) interpretou o nome co significado de "caldeiro; vasilla sacra" e relacionou a forma do Val de Gloucester e o culto rexional britano a unha deusa cun caldeiro ou marmita, identificada cunha Mater Dobunna, supostamente asociada con lendas relacionadas co Santo Graal[7].
O topónimo Hwicce pervive en Wychwood en Oxfordshire, Whichford en Warwickshire, Wichenford, Wychbury Hill e Droitwich en Worcestershire.
O territorio dos Hwicce debeu de corresponder ao da antiga civitas romana dos Dobunni[8]. A zona parece permanecer amplamente britana durante o primeiro século despois do fin da Britania romana, pero os enterramentos e topónimos pagáns na zona nororiental suxiren un crecente fluxo anglo desde o Avon e poida que outras rutas; pode que recibisen tributo dos líderes britanos[9][10].
Segundo a Crónica Anglosaxoa, en 577 tivo lugar unha batalla en Dyrham na que os Gewisse (saxóns occidentais) dirixidos por Ceawlin mataron a tres reis britanos e capturaron Gloucester, Cirencester e Bath. A ocupación saxoa da zona non durou moito e concluíu posibelmente en 584, data da batalla de Fethanleag, segundo a Crónica, na que Cutha morreu e Ceawlin regresou enfadado á súa casa, e con seguridade en 603 cando, segundo Beda, San Agostiño asistiu a unha reunión de bispos galeses "no Carballo de San Agostíño, na fronteira entre os Hwicce e os Saxóns occidentais".
Os anglos reforzaron a súa influencia na zona en 628 cando, segundo a Crónica, os Saxóns Occidentais se enfrontaron con Penda de Mercia en Cirencester e despois chegaron a acordos. Evidentemente, Penda vencera, pero posibelmente negociou acordos cos líderes locais, xa que o territorio ocupado non pasou a formar parte de Mercia, senón que se converteu en aliado ou vasalo de Hwicce.
O territorio dos Hwicce incluía varios grupos tribais diferenciados, como os Husmerae, os Stoppingas e os Weorgoran[11].
Posibelmente, os primeiros reis foron dous irmáns, Eanhere e Eanfrith. Beda sinala que a raíña Eafe "fora bautizada no seu propio país, o reino dos Hwicce. Era filla de Eanfrith, irmán de Eanhere, ambos os dous eran cristiáns, como o era o seu pobo"[12]. De aquí deducimos que Eanfrith e Eanhere eran de familia real e que o seu era un reino cristián.
É máis probábel que os Hwicce fosen convertidos ao cristianismo por misioneiros celtas que pola Misión gregoriana enviada por Gregorio I, xa que Beda estaba ben informada desta última e non menciona en ningún momento a evanxelización dos Hwicce[13]. Aínda que a toponimia nos mostra un importante asentamento anglosaxón, a limitada expansión de enterramentos pagáns, así como dous nomes de lugares con eccles que identifican sen dúbida as igrexas romano-britanas, suxiren que o Cristianismo sobreviviu ao influxo anglosaxón. Hai tamén posíbeis enterramentos cristiáns baixo a catedral de Worcester e a igrexa de Santa María de Lode en Gloucester[14]. Isto parece indicar que os visitantes anglosaxóns foron asimilados pola igrexa existente. A dinastía gobernante dos Hwicce foron posibelmente figuras clave neste proceso. Quizais naceron de matrimonios mixtos entre as principais familias anglas e britanas.
Por unha complexa cadea de razoamentos, podemos deducir que Eanhere contraeu matrimonio con Osthryth, filla de Oswiu de Northumbria, coa que tivo fillos chamados Osric, Oswald e Oshere. Osthryth é lembrada por ser a esposa de Aethelred de Mercia. Un matrimonio anterior con Eanhere axudaría a explicar por que Osric e Oswald son descritos como nepotes — habitualmente "sobriños" pero aquí posibelmente co significado de "fillastros" de Aethelred[15].
Osric estaba ansioso por conseguir un bispo propio para os Hwicce, pero Oshere conseguiu a creación da catedral de Worcester en 679-680[16] . Presumiblemente, Osric morrera naquela época. Tatfrid de Whitby foi nomeado primeiro bispo dos Hwicce pero faleceu antes da súa ordenación, e foi substituído por Bosel[17]. Un cronista de Worcester do século XII comenta que a cidade foi elixida como sede episcopal porque era a capital dos Hwicce[18].
Oshere foi sucedido polos seus fillos Æthelheard, Æthelweard e Æthelric. A comezos do reinado de Offa, atopámonos o reino gobernado por tres irmáns chamados Eanberht, Uhtred e Aldred, os dous últimos dos cales vivirían até o 780. Á súa morte, o título de rei parece ser abandonado. O seu sucesor Æthelmund, que morreu nunha campaña contra Wessex en 802 aparece descrito unicamente como conde.
O territorio permaneceu en mans de Mercia até a caída do reino. Xunto co resto da Inglaterra merciana, someteuse a Alfredo o Grande entre 877 e 883, durante o goberno do conde Aethelred de Mercia, posibelmente orixinario de Hwicce.
Non se conserva ningunha lista contemporánea de reis, así que a seguinte lista foi compilada por historiadores a partir de varias fontes[19]. Algúns reis parecen gobernar de forma conxunta en parte ou durante todo o seu reinado. Isto dá lugar a certa redundancia nas datas.
Nome | Data | Notas |
---|---|---|
628 | O reino é conquistado por Penda de Mercia. | |
Eanhere | mediados do século VII | |
Eanfrith | mediados do século VII | Irmán de Eanhere. |
Osric | activo na década de 670 | Enterrado na catedral de Gloucester. |
Oshere | activo na década de 690 | Irmán de Osric. Morreu antes de 716. |
Æthelheard | activo en 709 | Fillo de Oshere. Emitiu diplomas con Æthelweard. |
Æthelweard | activo en 709 | Fillo de Oshere. |
Æthelric | activo en 736 | Fillo de Oshere. |
Eanberht | activo na década de 750 | Sen rexistros despois de 759. |
Uhtred | activo entre 750-779 | |
Ealdred | activo entre 750-778 | |
Década de 780 | Asimilación dos Hwicce por Mercia. |
Nome | Data | Notas |
---|---|---|
Æthelmund | c. 796-802 | Falecido en batalla en 802.[20] |
?Æthelric | fl. 804 | Fillo de Æthelmund. No seu testamento de 804 pide ser enterrado en Deerhurst.[1] |
Leofwine | d.c.1023 | Pai de Leofric, conde de Mercia |
Odda de Deerhurst | m.1056 | Construíu a capela de Odda en Deerhurst pola alma do seu irmánÆlfric. Foi enterrado en Pershore. A área da súa xurisdición posiblemente non incluía Hwicce.[21][22][23] |
Reinos e dubdivisións da Inglaterra anglosaxoa | |
---|---|
Reinos | |
Reinos menores | |
Tribos e feudos anglosaxóns menores |
|