O pregamento de Rossmann é un motivo estrutural que se encontra en proteínas que se unen a nucleótidos, por exemplo nas que se unen a cofactores como o FAD, NAD+, e NADP+.[1] A estrutura está composta de ata sete follas beta dispostas de forma esencialmente paralela. As primeiras dúas febras están conectadas por unha hélice α. As estruturas dos segmentos entre as febras adicionais varían grandemente e poden incluír estruturas como curtos segmentos helicoidais e enrolamentos.[1]
O motivo recibe o seu nome por Michael Rossmann, que foi o primeiro que sinalou que este motivo é frecuente en proteínas que se unen a nucleótidos, como as deshidroxenases.[2]
En 1989, Israel Hanukoglu do Weizmann Institute of Science descubriu que a secuencia consenso do sitio de unión ao NADP+ nalgúns encimas que utilizan NADP+ é diferente do motivo de unión ao NAD+.[3] Este descubrimento foi utilizado para retransformar por enxeñaría as especificidades dos encimas para cos coencimas.[4]