Pradolongo | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Pradolongo |
Director | Ignacio Vilar |
Guión | Carlos Asorey Miguel Gancedo Ignacio Vilar |
Intérpretes | Tamara Canosa Rubén Riós Mela Casal Roberto Porto Antonio Mourelos |
Música | Zeltia Montes |
Distribuidora | Via Láctea Filmes / Televisión de Galicia |
Estrea | 14 de marzo de 2008[1] |
Duración | 100 minutos |
Orixe | Galicia |
Xénero | Drama |
Orzamento | €1.200.000[2] |
Recadación | €153.487,30[3] |
Na rede | |
http://www.pradolongo.net | |
Pradolongo é un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que se estreou no 2008. Rodado integramente en galego, a rodaxe fíxose na comarca de Valdeorras. Está protagonizado por Tamara Canosa, Rubén Riós, Mela Casal e Roberto Porto.
Pradolongo é a historia de tres amigos da infancia que ven como a súa amizade se deteriora a raíz das diferenzas de clase e dos conflitos amorosos que xorden nas súas vidas. Raquel, Martiño e Armando son tres amigos que acaban de cumprir a maioría de idade. O verán preséntase como todos os demais, con festas ou tardes no río, pero esta vez nada vai ser igual. O amor que os dous rapaces comezan a sentir por Raquel e a posible venda de Pradolongo (un prado de alta montaña pertencente á familia de Martiño) á empresa do pai de Armando, obrígaos a reconsiderar os soños e vencellos que os mantiveron unidos dende a infancia.
Pradolongo estreouse nos cines galegos o 14 de marzo de 2008, cunha distribución limitada de 6 copias en salas comerciais, e no ano da estrea tivo 17.879 espectadores e recadou € 82.715,80. A súa recadación total dende a súa estrea ascende a €153.487,30.[4] Ademais, saíu á venda cunha edición en DVD e Blu Ray, sendo o primeiro filme galego comercializado neste formato de alta definición.[5]
Por outra banda, estreouse na TVG o 31 de marzo de 2009, sendo un dos filmes con maior audiencia da TVG, con 190.000 espectadores e un 20,0% de audiencia.[6]
O 17 de abril de 2010, estreouse nas salas Cinemax de Braga, converténdose no primeiro filme en galego estreado en Portugal.[7]
A música do filme, obra de Zeltia Montes, gañou o premio Jerry Goldsmith en 2008, e en 2009 foi candidata aos premios Hollywood Music in Media Awards, na categoría de mellor composición novel. O filme recibiu en 2008 o IV premio cidade de San Sebastián Film Comission, galardón integrado na sección Made In Spain do Festival de San Sebastián.
Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) a actriz Tamara Canosa recibiu o galardón de mellor interpretación feminina protagonista por este filme.
Ano | Categoría | Receptor | Resultado |
---|---|---|---|
2ª edición | Mellor filme | Ignacio Vilar | Nomeado |
Mellor director | Ignacio Vilar | Nomeado | |
Mellor actriz | Tamara Canosa | Gañadora | |
Mellor montaxe | Guillermo Represa | Nomeado | |
Mellor música orixinal | Zeltia Montes | Nomeada | |
Mellor fotografía | Alberto Díaz "Bertirxi" | Nomeado |