Os Peares | |
---|---|
Capela nos Peares (na parte do concello de Carballedo) | |
Parroquia | Os Peares, Viñoás, Oleiros, Pombeiro |
Concello | A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo, Pantón |
Coordenadas | 42°27′14″N 7°43′58″O / 42.453875, -7.73275833333Coordenadas: 42°27′14″N 7°43′58″O / 42.453875, -7.73275833333 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Peares é un núcleo de poboación galego repartido entre catro parroquias de catro concellos pertencentes a dúas provincias. Oficialmente[1], con este nome existen unha parroquia do concello ourensán da Peroxa e o único lugar desta parroquia. Por extensión úsase este topónimo para referirse ao núcleo de poboación que forman a parroquia e lugar anteriormente mencionados, e mais os lugares do Coitelo no tamén ourensán concello de Nogueira de Ramuín, A Granxa no concello lugués de Carballedo e O Torrón no tamén concello lugués de Pantón. En 2015, segundo datos do IGE[2], tiña 155 habitantes, dos cales 78 eran homes e 77 mulleres. Os lugares máis poboados son Os Peares con 68 habitantes e A Granxa con 61, pola contra o lugar do Torrón é o menos poboado con 5 habitantes.
O lugar dos Peares está situado na desembocadura dos ríos Sil e Búbal no Miño, e cruzado polos tres ríos. É un lugar de fortes pendentes, xa que o núcleo está situado nun punto onde os ríos baixan encaixados.
Existen desde hai tempo dúas importantes pontes que atravesan o núcleo, unha que cruza o Sil en dirección norte-sur, e outra que atravesa o Miño en sentido leste-oeste. A primeira é para o tráfico de automóbiles, mentres que a segunda é para o ferroviario, pois a estación dos Peares era unha parada importante na liña entre Ourense e Monforte de Lemos. En setembro de 2016 abriuse unha nova ponte sobre o Miño que, con case 200 metros de longo e 5 de ancho, posibilita o uso compartido por parte de vehículos e peóns[3].
O núcleo dos Peares divídese administrativamente entre catro parroquias de catro concellos das provincias de Lugo e Ourense. Ditas parroquias son: na provincia de Ourense Os Peares do concello da Peroxa e Viñoás do concello de Nogueira de Ramuín, e na de Lugo Oleiros do concello de Carballedo e Pombeiro do concello de Pantón.
Os Peares é o punto de partida da tradicional proba anual de piragüismo do Descenso do Miño, con chegada no encoro de Velle en Ourense[4].