recital Poemaria 2019, no Instituto Camoes Vigo. Detrás cartaz coa imaxe de Silvia Penas. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xaneiro de 1975 (49 anos) Vilarmao, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía e ensaio |
Lugar de traballo | Galicia |
Ocupación | poetisa , escritora , pintora , ensaísta |
Xénero artístico | Poesía |
Lingua | Lingua galega e lingua castelá |
Premios
| |
María Olga Novo Presa, nada en Vilarmao (A Pobra do Brollón) o 29 de xaneiro de 1975, é unha poeta e ensaísta galega, máis coñecida como Olga Novo.
Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora de bacharelato en varios institutos de Galicia, e despois de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes,[1] e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient.[2]
Como poeta, deuse a coñecer con tres poemarios: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004). Tamén publicou un libro de arte compartido coa pintora Alexandra Domínguez e o poeta Xoán Abeleira, titulado Magnalia, e numerosos poemas en antoloxías, libros colectivos, revistas (Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Xistral), colaborou en Cadenos de vida e culturas, Moenia, Anuario de estudios galegos, Boletín Galego de Literatura, Ínsula, e xornais (El País, ABC).[3] A súa obra foi recollida en escolmas como La flama en el espejo (México, 1998), Mulher a fazer vento (Lisboa, 1998), Yo es otro. Autorretratos de la nueva poesía (Madrid, 2001), o Spain (Poetry from the Castilian, Catala, Basque and Galician languages) (Atlanta, 2003).[1]
Como estudosa da literatura, publicou os ensaios Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (Positivas, 1996), O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), Uxío Novoneyra. Lingua loaira (Fundación Caixa Galicia, 2005), Erótica Medieval Galaica: leda m'and'eu (Toxosoutos, 2013) e No principio foi o pracer (2017, Unión Libre).
Formou parte dos comités de redacción das revistas Ólisbos, Animal e Valdeleite, e segue a facelo de Unión Libre desde a súa fundación.
Participou con estudos en congresos e revistas, onde analizou sobre todo as propostas conectadas co surrealismo, pois escribiu sobre o escritor André Breton, o cantautor Léo Ferré e o pintor Eugenio Granell, e coa temática erótica, como reflicte o seu ensaio Tratado da pel, publicado no monográfico Erotismos de Unión Libre (1999), por ela mesma coordinado. Ademais, interesouse por poetas en lingua portuguesa, como Fernando Pessoa e o surrealista brasileiro Sérgio Lima.
Desde 2010, a Casa da Cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome.[4]
En 2019 publica Feliz idade, no que "tende unha mecha desde a xeración que a precedeu á que lle segue; entre o onte e o mañá da estirpe, alén do pasamento do pai e da nenez da filla".[5]