O deus Thor, dos viquingos, na batalla contra os xigantes.
Pintura de Mårten Eskil Winge (1872).

Un mito (do grego μῦθος, mythos, conto) é a narración alegórica de fenómenos extraordinarios ou feitos inexplicables para os nosos devanceiros, protagonizada por personaxes fabulosos (deuses, semideuses, monstros) ou heroes. Nas comunidades antigas os mitos eran considerados como unha realidade vivida por diversos personaxes sobrenaturais.

Descrición xeral

Os mitos poden formar parte do sistema relixioso dunha comunidade, a cal os ten por verdadeiros, e dan un apoio narrativo ás crenzas fundamentais de devandita comunidade. Dado que os mitos explican como chegou a ser o mundo tal cal o coñece unha sociedade determinada, sitúanse nun espazo e tempo protohistóricos, no que aínda non se definiron os parámetros esenciais da mesma.

Como os demais xéneros tradicionais, o mito é na súa orixe un texto oral, no que os detalles varían en cada execución, dando lugar a múltiples versións. Nas sociedades que coñecen a escritura, o mito foi obxecto de reelaboración literaria, ampliando así o seu arco de versións e variantes.

Desde que na Antigüidade grecolatina as explicacións científicas entraron en competencia coas míticas, a palabra mito cargouse en certos contextos dun valor pexorativo, chegando a utilizarse dun xeito laxo como sinónimo de mentira, crenza estendida pero falsa: p.ex.- a sociedade sen clases é un mito comunista. Tamén é común o uso un tanto laxo de mito e mítico (ou lenda e lendario) para se referir a personaxes históricos ou contemporáneos (ou ata a produtos comerciais) cargados de prestixio e glamour: Charlot é un mito do cine mudo; os Beatles son un grupo mítico.

Segundo a visión de Lévi-Strauss, un dos estudosos máis influentes do mito, todo mito fica caracterizado por tres atributos:

Tipos de mito

Distínguense varias clases de mitos:

Tipos de personaxes

As categorías de personaxes do mito inclúen, entre outros, ao heroe cultural, deus que mata ou que é envexoso, nai Terra, xigantes etc. Un dos medios máis comúns de clasificación é mediante a utilización de oposicións binarias. Zeus e os titáns, branco e negro, vello e novo, alto e baixo son as características que reflicten a necesidade humana de converter diferenzas de grao en diferenzas de clase.

Lectura literal, alegórica e simbólica

Aínda que os mitos parecen ser expostos orixinalmente como historias literalmente certas, a dialéctica entre a explicación mítica do mundo e a filosófica e científica favoreceu o desenvolvemento de lecturas non literais dos mitos, segundo as cales estes non deberían ser obxecto de crenza, senón de interpretación.

Así, a lectura alegórica dos mitos, nacida en Grecia na época helenística, propón interpretar os deuses como personificacións de elementos naturais. Este empeño atopa a súa continuación en teorías posteriores, como a difundida no século XIX por Max Müller, segundo a cal os mitos teñen a súa orixe en historias mal comprendidas sobre o Sol, que foi obxecto de personificación, converténdose nun personaxe antropomorfo (o heroe ou deus solar).

A lectura simbólica considera que o mito contén un contido veraz, pero non sobre aquilo que aparentemente trata, senón sobre os contidos mentais dos seus creadores e usuarios. Así, o mito sobre como un deus instituíu a semana ao crear o mundo en sete días contén información veraz sobre como dividía o tempo a sociedade que o creou e que divisións facía entre o inanimado e o animado, os distintos tipos de animais e o home etc. Os mitos conteñen tamén pautas útiles de comportamento: modelos a seguir ou evitar, historias coñecidas por todos coas que pór en relación as experiencias individuais.

Os estudos modernos sobre o mito sitúanse en tres posicións fundamentais:

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas