A milgranda,[1][2] tamén chamada granada,[3] é o froito en balaustia da árbore Punica granatum, chamada milgrandeira[4] (ou tamén milgranda, nome que se lle pode dar ao froito e á árbore[1]).
O froito está normalmente maduro no hemisferio norte de setembro a febreiro e no sur de marzo a maio.[5][6]
Estes froitos, utilizados como sarcotestas completas (os graniños vermellos do interior) ou como zume, utilízanse en bolaría, cociña, mesturas de zumes, gornicións de comidas, batidos de froitas e bebidas alcohólicas, como cócteles e viño.
As milgrandas orixináronse na zona desde Irán á India e plantáronse por todo o mundo. Son amplamente cultivadas en Oriente Próximo e no Cáucaso, África do norte e tropical, Irán, o subcontinente indio, Asia central, as partes secas do sueste asiático, e a cunca mediterránea.[7] Foron introducidas en América desde o século XVI.[7]
As milgrandas ou granadas son froitos en balaustia de cor púrpura. A súa cuberta ou casca consta de dúas partes: un pericarpo externo e duro, e un mesocarpo interno e esponxoso de cor branca, que comprende a parede interior do froito, onde están adheridas as sementes (arilos).[8] As membranas que constitúen o mesocarpo están organizadas formando cámaras non simétricas que conteñen as sementes dentro de sarcotestas, as cales están incrustadas sen unha unión ao mesocarpo.[8] As sarcotestas conteñen o zume e están formadas por unha delgada membrana derivada das células epidérmicas das sementes.[9][10] O número de sementes dunha milgranda pode variar de 200 a unhas 1.400.[11]
Botanicamente, o froito comestible é unha baga na que as sementes e a polpa se orixinan a partir do ovario fecundado dunha soa flor.[9] O froito é intermedio en tamaño entre un limón e un pomelo, de 5 a 12 cm de diámetro, forma redondeada e casca grosa avermellada.[7]
Nos froitos maduros o zume obtido esmagando as sementes ten un sabor amargo debido ao seu alto contido en polifenois e baixo pH (4,4),[12] e pode orixinar manchas vermellas indelebles nas teas.[13] Principalmente, a pigmentación do zume de milgranda depende da presenza de polifenois como as antocianinas e elaxitaninos.[12][14]
A milgrandeira cultívase principalmente para colleitar os seus froitos, pero tamén se planta como árbore ornamental en parques e xardíns. Son tolerantes á seca e crecen ben en áreas cun clima mediterráneo con precipitacións invernais ou en climas con precipitacións de verán. En áreas máis húmidas, as súas raíces poden apodrecer atacadas por fungos. Toleran un frío moderado, ata como máximo -12 °C.[15]
P. granatum var. nana é unha variedade anana de P. granatum plantada en xardíns como árbore ornamental ou como bonsai.[16][17]
A única outra especie do xénero Punica é Punica protopunica, endémica da illa de Socotra no mar de Arabia, que ten flores rosas (non vermellas) e é máis pequena e con froitos menos doces.[18]
P. granatum ten máis de 500 cultivares nomeados, pero evidentemente ha unha considerable sinonimia pola cal un mesmo xenotipo recibe distintas denominacións en diferentes partes do mundo.[8]
Varias características entre os xenotipos de milgrandeiras son útiles na súa identificación, preferencia do consumidor, uso preferente e comercialización, a máis importante das cales son o tamaño do froito, a cor do exocarpo (que vai do amarelo ao púrpura, sendo o rosa e vermello os máis comúns), cor da cuberta das sementes (do branco ao vermello), a dureza das sementes, a madureza, contido de zume e acidez, sabor doce e adstrinxencia.[8]
Os principais produtores globalmente son India e China seguidos de Irán, Turquía, Afganistán, os Estados Unidos, Iraq, Paquistán, Siria e España.[19] En 2019, Chile, Perú, Exipto, Israel, India e Turquía subministraron milgrandas ao mercado da Unión Europea.[20] Chile foi o principal subministrador ao mercado dos Estados Unidos, que ten unha limitada subministración local do sur de California.[20] China era autosuficiente en 2019, mentres que outros mercados do sur de Asia importaban principalmente da India.[20] A produción e exportación de milgrandas en Suráfrica competía cos cargamentos suramericanos en 2012–18, destinando a súa exportación á Unión Europea, Próximo Oriente, Reino Unido e Rusia.[21] Suráfrica importa milgrandas principalmente de Israel.[21]
A milgrandeira é nativa da rexión que vai desde Irán ao norte da India.[7] As milgrandeiras foron cultivadas por todo o Oriente Próximo, India, e rexión mediterránea durante milenios.[7][22][23] As milgrandeiras foron domesticadas xa no quinto milenio antes de Cristo, xa que foron unha das primeiras árbores fruteiras que foron domesticadas na rexión do leste do Mediterráneo.[24]
Exocarpos carbonizados destas froitas foron identificados en niveis da Idade do Bronce temperán de Tell es-Sultan (Xericó) en Cisxordania, así como en niveis da Idade do Bronce tardía de Hala Sultan Tekke en Chipre e Tirinto.[25] Unha gran milgrandeira seca atopouse na tumba de Djehuty, o mordomo da raíña Hatshepsut de Exipto; rexistros mesopotámicos escritos en cuneiforme mencionan as milgrandas desde a metade do terceiro milenio a.C. en adiante.[26] Identificáronse restos de milgrandeiras enchoupados de auga do xéculo XIV a.C. no naufraxio de Uluburun fronte ás costas turcas.[27] Outras mercancías que levaba o barco eran perfumes, marfil e xoias de ouro, o que parece indicar que as milgrandeiras nesa época eran consideradas un artigo de luxo.[28] Outras descubertas arqueolóxicas de milgrandeiras da Idade do Bronce tardía atopáronse principalmente en residencias de elite, o que apoia esta idea.[27]
Tamén se cultivaba moito no sur da China e sur de Asia, sexa porque se espallara ao longo da ruta da seda ou polas rutas de comercio marítimas. Kandahar é famoso en Afganistán polas súas milgrandas de alta calidade.[29]
Aínda que non é nativa de Corea ou o Xapón, alí a milgrandeira cultívase moito e desenvolvéronse moitos cultivares. Utilízase moito para facer bonsais debido ás súas flores e pola pouco común codia retorta que os vellos espécimes adoitan ter.[30]
Os colonizadores españois introduciron posteriormente esta froita no Caribe e América hispana, pero nas colonias británicas non se daba tan ben.[31] A milgrandeira fora introducida en Inglaterra como unha planta exótica no século XVII por John Tradescant o Vello, pero como non deu froitos alí introducírona repetidamente nas colonias inglesas de América, incluída Nova Inglaterra. Tivo éxito máis ao sur: o botánico John Bartram recibiu un barril de milgrandas e laranxas enviado desde Carolina do Sur en 1764 e plantounas preto de Savannah, Xeorxia en 1765. Thomas Jefferson plantounas en Monticello en 1771; enviárallas George Wythe de Williamsburg.[32]
O zume de milgranda pode ser doce ou amargo, pero a maioría destas froitas teñen un sabor moderado, con notas amargas procedentes de elaxitaninos ácidos contidos no zume.[14] O zume de milgranda é desde hai longo tempo unha bebida popular en Europa e o Próximo Oriente, e agora está amplamente distribuído nos Estados Unidos e Canadá.[33]
O xarope de granadina consistía orixinalmente en zume de milgranda dulcificado e espesado,[34] mais agora adoita ser un nome comercial do xarope baseado en varias bagas, ácido cítrico e colorante alimentario, usado principalmente para mesturalo en cócteles.
Antes de que chegasen ao Próximo Oriente os tomates (un froito do Novo Mundo), o zume de milgranda, molazas e vinagre era moi utilizado en moitas comidas iranianas, e aínda se atopa en receitas tradicionais como o fesenjān, un prebe espeso de zume de milgranda e noces picadas, xeralmente vertida sobre pratos de aves e arroz, e no ash-e anar (sopa de milgranda).[35][36]
As sementes de milgranda utilízanse como unha especia coñecida como anar dana (de persa: anar + dana, milgranda + semente), principalmente na cociña india e paquistaní. As sementes secas enteiras son frecuentes nos mercados indios étnicos. Estas sementes prepáranse da carne do froito, seca durante 10–15 días, e utilizada como axente acidificante para a preparación do chutney e o curry. Tamén se usa a anardana moída, que lle dá unha aromatización máis intensa aos pratos e impide que as sementes queden entre os dentes. As sementes de milgrandas silvestres da variedade daru dos Himalaias considéranse fontes de gran calidade desta especia.
As sementes de milgranda secas, atopadas nalgúns mercados de alimentos de especialidades naturais, aínda contén algo de auga residual, mantendo unha dozura natural e sabor ácido. As sementes secas poden usarse en varias aplicacións culinarias, como o mesturas de petiscos para picar (snacks), barras de granola ou como enderezo de ensaladas, iogur ou xeados.
No Cáucaso a milgranda úsase principalmente como zume. En Acerbaixán, un prebe de zume de milgranda chamado narsharab, (de persa: (a)nar + sharab, literalmente "viño de milgranda") adoita servirse con peixe[37] ou tika kabab.
En Turquía, o prebe de milgranda (en turco: nar ekşisi) utilízase como enderezo de ensalada, para marinar cane ou simplemente para bebelo directamente. As sementes de milgranda tamén se usan en ensaladas e ás veces como gornición de sobremesas como o güllaç.[38] O xarope de milgranda ou melaza utilízase no muhammara, uns pementos asados con noces e allo populares en Siria e Turquía.[39]
En Grecia a milgranda utilízase en moitas receitas, como o kollivozoumi, un caldo cremoso feito de trigo fervido, milgrandas e pasas, e en ensaladas de legumes con trigo e milgranda, tradicionais nos kebabs de año do Próximo Oriente con milgranda glaseada, salsa de cogombros con berenxena e milgranda, e salsa de aguacate e milgranda. A milgranda tamén se usa para facer licores, como a popular sobremesa de froitas usada como aderezo de xeados, mesturada con iogur, ou untada con marmelada en torradas.
En México utilízanse comunmente para adornar o prato tradicional chiles en nogada, no que as sementes de milgranda representan a cor vermella da bandeira mexicana tricolor, mentres que o verde da bandeira o representa un chile poblano e o branco a salsa nogada.
Arilos de milgranda | |
Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 346 kJ (83 kcal) |
18.7 g | |
Azucres | 13.67 g |
Fibra alimentaria | 4 g |
1.17 g | |
1.67 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 6% 0.067 mg |
Riboflavina (B2) | 4% 0.053 mg |
Niacina (B3) | 2% 0.293 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 8% 0.377 mg |
Vitamina B6 | 6% 0.075 mg |
Ácido fólico (B9) | 10% 38 μg |
Colina | 2% 7.6 mg |
Vitamina C | 12% 10.2 mg |
Vitamina E | 4% 0.6 mg |
Vitamina K | 16% 16.4 μg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 1% 10 mg |
Ferro | 2% 0.3 mg |
Magnesio | 3% 12 mg |
Manganeso | 6% 0.119 mg |
Fósforo | 5% 36 mg |
Potasio | 5% 236 mg |
Sodio | 0% 3 mg |
Cinc | 4% 0.35 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 78 g |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
A porción comestible da milgranda crúa contén un 78% de auga, 19% de carbohidratos, 2% de proteínas e un 1% de graxas (ver táboa). Unha ración de 100 g de sarcotestas de milgranda proporcona o 12% do Valor diario (DV na táboa) de vitamina C, 16% do DV de vitamina K, e o 10% do DV de folato (táboa). As sementes de milgranda son unha rica fonte de fibra alimentaria (20% do DV), a cal está contida enteiramente nas sementes comestibles.[40]
O contido fenólico do zume de milgranda é degradado durante o procesamento e pasteurización.[41]
Os composotos fitoquímicos mái abundantes no zume de milgranda son polifenois, como os taninos hidrolizables chamados elaxitaninos formados cando os ácidos eláxico e gálico se unen a un carbohidrato para formar os elaxitaninos da milgranda, tamén chamados punicalaxinas.[14] A cor vermella do zume atribúese a antocianinas,[14] como a delfinidina, cianidina e glicósidos de pelargonidina.[42] Xeralmente, prodúcese un incremento na pigmentación do zume durante a maduración do froito.[42]
As peles de milgranda conteñen grandes cantidades de polifenois, taninos condensados, catequinas e prodelfinidinas.[43][44] O maior contido fenólico da pel rende extractos para o seu uso en suplementos dietéticos e conservantes alimentarios.[45]
O aceite de sementes de milgranda contén ácido punícico (65%), ácido palmítico (5%), ácido esteárico (2%), ácido oleico (6%) e ácido linoleico (7%).[46]
Malia os datos limitados de que dispoñían, os fabricantes e comercializadores de zume de milgranda usaron con liberalidade os resultados de investigacións preliminares para promocionaren os seus produtos.[47] En febreiro de 2010, a FDA emitiu unha carta de advertencia a un deses fabricantes, POM Wonderful, por utilizar literatura publicada para facer declaracións ilegais de efectos contra enfermidades que non estaban probados.[48][49][50]
En maio de 2016, a Federal Trade Commission (FTC) estadounidense declarou que POM Wonderful non podía facer nos seus anuncios publicitarios afirmacións sobre a saúde, ao que seguiu a non admisión polo Tribunal Supremo dos Estados Unidos dunha petición de POM Wonderful de revisar a resolución, ratificando a decisión da FTC.[51][52]
Os antigos exipcios consideraban a milgranda un símbolo de prosperidade e ambición. Denominábase nas linguas semíticas jnhm ou nhm.[53] Segundo o papiro Ebers, un dos escritos médicos máis antigos de arredor o 1500 a.C., os exipcios usaban a milgranda como tratamento das infestacións de solitaria e outras infeccións.[54]
Unha milgranda está representada en moedas da cidade de Side en Asia Menor (hoxe en Turquía), xa que side significaba milgranda na lingua local.[55][56][57][58][59][60]
Os gregos estaban familiarizados con este froito moito antes de que fose introducido en Roma a través de Cartago, e forma parte de múltiples mitos e obras de arte.[61] Na mitoloxía da Antiga Grecia a milgranda coñecíase como o "froito dos mortos" e críase que brotara do sangue de Adonis.[54][62]
No mito de Perséfone, a deusa do inframundo, esta comeu alí sementes de milgranda, por culpa do cal tiña que pasar varios meses no inframundo cada ano e despois retornaba. O número de sementes que comía e os meses que pasaba alí abaixo varían segundo as versións. Durante os meses en que Perséfone se sentaba no trono do inframundo ao lado do seu esposo Hades, a súa nai Deméter estaba de loito e xa non daba fertilidade á terra. Esta era unha explicación dos antigos gregos para a existencia das estacións do ano.[63]
Segundo Carl A. P. Ruck e Danny Staples, a milgranda, que é un foito dividido en cámaras, é tamén un substituto das cápsulas narcóticas da papoula, que tamén ten unha forma e división en cámaras similares.[64] Nun selo micénico ilustrado na obra de Joseph Campbell Occidental Mythology (1964), figura 19, a deusa sentada do machado de dúas follas (o labrys) ofrece tres cápsulas de papoulas na súa man dereita e sostén o seu peito coa man esquerda. Isto personifica ambos os aspectos desta deusa dual: á vez dá a vida e trata coa morte.[Cómpre referencia]
O cazador Orión era representado tomando como esposa a Side, un nome que en Beocia significa milgranda.[Cómpre referencia]
Noutro mito grego, unha moza tamén chamada Side (que significa milgranda) suicidouse na tumba da súa nai para evitar sufrir unha violación a mans do seu propio pai Ictino. O seu sangue transformouse nunha milgrandeira.[65]
O século V a.C., Policleto utilizou marfil e ouro para esculpir a estatua de Hera arxiva sentada no seu templo. A deusa levaba un cetro nunha man e ofrecía unha milgranda, como un "orbe" real, na outra.[66] "Sobre a milgranda non debo dicir nada," murmurou o viaxeiro Pausanias no século II, "pois a súa historia ten algo de misterio sagrado".[66] A milgranda ten un cáliz (resto da flor) con forma de coroa.
No Heraión na desembocadura do Sele, preto de Paestum (ao sur de Nápoles), Magna Grecia, hai unha capela dedicada á Madonna del Granato, "Virxe da milgranda", "que debido ao seu nome e ao atributo dunha milgranda debe ser a sucesora cristiá da antiga deusa grega Hera", segundo observa o excavador do Heraión de Samos, Helmut Kyrieleis.[67]
Nos tempos modernos a milgranda aínda mantén significados simbólicos para os gregos. Cando unha persoa compra unha casa nova, é tradicional traer unha milgranda, que sitúa a modo de ofrenda baixo ou preto do ikonostasi (altar doméstico ou "esquina da icona") da casa, como símbolo de abundancia, fertilidade e boa sorte. Cando os gregos conmemoran aos seus defuntos, fan como ofrenda unha kollyva, que consiste en trigo fervido, mesturado con azucre e decorado cunha milgranda. As decoracións de milgrandas no fogar son moi comúns en Grecia e véndense na maioría de tendas de produtos para o fogar.[68]
A milgranda é importante na tradición xudía. Dise que o froito ten 613 sementes que representan os 613 mandamentos da Tora.[69]
Por exemplo, as milgrandas coñecíanse no Antigo Israel como as froitas que os exploradores trouxeron a Moisés para demostrar a fertilidade da "terra prometida".[70] O libro do Éxodo[71] describe o me'il ("toga do efod") usado polo sumo sacerdote hebreo e di que tiña milgrandas bordadas, alternando con campás douradas, que se podían sentir cando o sumo sacerdote entraba e saía do sancta sanctorum. De acordo co primeiro libro dos Reis,[72] os capiteis das dúas columnas (Jachin e Boaz) que estaban diante do Templo de Salomón en Xerusalén tiñan gravados de milgrandas. Dise que Salomón deseñou a súa coroa baseándose na "coroa" da milgranda (cáliz da flor que queda no froito).[73]
Algúns eruditos xudeus cren que a milgranda era o froito prohibido do Xardín do Edén.[74] Ademais, as milgrandas son unha das Sete Especies (hebreo: שבעת המינים, Shiv'at Ha-Minim) de froitas e cereais enumerados na Biblia hebrea (Deuteronomio 8:8) como produtos especiais da Terra de Israel, e o Cantar dos Cantares menciona a milgranda ou granada seis veces[69] e contén a seguinte cita: "Cal fita carmesí son os teus labios, é doce a túa fala; metades de granada as túas meixelas por entre o teu veo."(Cantar dos Cantares 4:3).[75]
Comer milgrandas no Rosh Hashana é tradicional porque, coas súas numerosas sementes, simboliza a fecundidade.[74] Ademais, dicíase que ten 613 sementes, que corresponden cos 613 mandamentos da Tora, pero iso era unha idea equivocada.[76]
A milgranda aparece en moedas antigas de Xudea, e cando non se están usando, os mangos dos rolos da Tora están ás veces cubertos con globos prateados decorativos con forma de milgrandas (rimmonim).[Cómpre referencia]
As milgrandas simbolizan a experiencia mística da tradición mísica xudía ou cábala, e a referencia típica é entrar no "xadín das milgrandas" ou pardes rimonim; este é tamén o título dun libro do século XVI do místico Moses ben Jacob Cordovero.[77]
A primeira representación coñecida non controvertida de Cristo é a dun mosaico de chan do século IV de Hinton St Mary, Dorset, agora no Museo Británico, nel o busto de Cristo e o khi rho están flanqueados de milgrandas.[78] As milgrandas seguiron sendo despois un motivo frecuente na decoración relixiosa cristiá. A miúdo están cosidas nas teas de vestiduras e no antependium litúrxicos ou forxadas en metais. As milgrandas figuran en moitas pinturas relixiosas de Sandro Botticelli e Leonardo da Vinci, a miúdo nas mans da Virxe María ou do neno Xesús. O froito, roto ou reventado, é un símbolo da plenitude da Paixón e Resurrección de Xesús.[74]
Na Igrexa Ortodoxa Oriental as sementes de milgranda poden utilizarse no kolyva, un prato preparado para servizos memoriais (de defuntos), como símbolo da dozura do reino dos ceos.[Cómpre referencia]
O capítulo 55 do Corán menciona as milgrandas como un "favor" entre moitos que se ofrecen aos que son temerosos do "Señor" nos "dous Xardíns" do Paraíso.[79]
A milgranda é unha das froitas principais da cultura armenia (xunto cos albaricoques e uvas). O seu zume utilízase nas comidas armenias, tradicións e viño. A milgranda en Armenia é un símbolo que representa a fertilidade, abundancia e matrimonio.[80] Tamén é unha icona semirrelixiosa. Por exemplo, desempeña un papel integral nun costume de vodas amplamente practicado na antiga Armenia consistente en darlle unha milgranda á noiva, que tiraba contra unha parede, para que se esnaquizase. As sementes ciscadas da milgranda aseguraban que a noiva tivese fillos.[81]
A milgranda é considerada un dos símbolos nacionais de Acerbaixán.[82] Cada ano en outubre celébrase un festival cultural en Goychay, chamado Festival da milgranda de Goychay, cidade que é famosa pola súa crecente industria das milgrandas.[83] As milgrandas representáronse no logo oficial dos Xogos Europeos de 2015 celebrados en Acerbaixán.[84] A milgranda Nar foi unha das mascotas deses xogos.[85] As milgrandas tamén estaban representadas nas chaquetas que usaban os atletas masculinos na cerimonia de apertura dos xogos.[86]
A milgranda (en chinés 石榴, shíliu) introduciuse na China durante a dinastía Han (206 BC–220 AD), e nos tempos antigos considerábase un emblema da fertilidade e proxenie numerosa. Imaxes do froito maduro coas sementes saíndo do seu interior colgábanse nas casas para conceder fertilidade e bendicións aos seus moradores con numerosos fillos.[87]
Nalgunhas tradicións hindús, a milgranda (en hindí: anār) simboliza a prosperidade e fertilidade, e está asociada con Bhoomidevi (a deusa da terra) e o Señor Ganesha (o que gusta da froita das moitas sementes).[88][89]
A milgranda é un froito importante e simbólico na curtura do Curdistán. Acéptase como símbolo de abundancia e froito sagrado nas antigas relixións curdas. Úsase como símbolo da abundancia nas alfombras curdas.[90]
... fanse referencias fecuentes en escrituras en mosaico e encóntranse representacións escultóricas da froita en momumentos antigos de Exipto e en ruínas asirias. Encóntrase en verdaeiro estado silvestre no norte da India ...
A anar (milgranda) é nativa da rexión arredor de Irán e címese fresca ou incorporada a diversos pratos persas do cales o de mñais sona é o fesenjun, pero tamén no ash-e-anar (sopa de milgranda) e no rico ab anar vermello (zume de milgranda).
Compráceme que o caso de POM Wonderful chegse a unha conclusión con éxito. O resultado deste caso deixa claro que as copañías como POM que fan fortes afirmacións relativa á saúde sobre alimentos e produtos de suplemento nutricional deben ter rigorosas evidencias científicas que os apoien. Os consumidores non merecen menos.
Bhumidevi (the earth goddess) … Attributes: … pomegranate …
… Beejapoori … a milgranda nas Súas mans é símbolo de abondosa riqueza, material e espiritual …
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Milgranda |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Milgranda |