Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.)
Modelo orixinal da Sega Mega Drive, versión europea.
Sega Mega Drive II, versión europea.

A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis. En 1990, foi distribuída en Europa como Mega Drive por Virgin Mastertronic, Ozisoft en Australasia e Tec Toy no Brasil. En Corea do Sur foi distribuída por Samsung co nome Super Gam*Boy e posteriormente Super Aladdin Boy.

Deseñada por un equipo de I+D supervisado por Hideki Sato e Masami Ishikawa, a Mega Drive foi adaptada da placa arcade Sega System 16, centrada nun procesador Motorola 68000 coma CPU, cunha controladora de son Zilog Z80 e un sistema de vídeo compatible con sprites, tiless e desprazamentos (scrolling). O sistema alberga unha biblioteca de máis de 900 xogos en formato cartucho. Distribuíronse diversos periféricos, como unha base convertidora para poder utilizar xogos de Master System. A consola sufriu múltiples variacións, realizadas tanto por Sega coma por terceiros. Ademais, Sega creou dous servizos de rede para esta consola: Sega Meganet (o Xapón e o Brasil) e Sega Channel (Norteamérica).

Moitos dos seus xogos foron relanzados anos máis tarde en compilacións ou mediante servizos en liña como Nintendo Virtual Console, Xbox Live Arcade, PlayStation Network e Steam. A Mega Drive foi sucedida en 1994 pola Sega Saturn.

Historia

[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Malia que a Sega Master System resultara ser un éxito en Suramérica e Europa, non conseguiu chamar a atención nos mercados norteamericanos ou xaponeses, que a finais dos oitenta estaban dominados por Nintendo, cunha porcentaxe de mercado do 95% e 92% respectivamente. Coa esperanza de incrementar drasticamente a súa cota, Sega propúxose crear unha nova máquina que fose como mínimo tan poderosa coma o resto do hardwarse máis impresionante do mercado, o Commodore de 16 bits de Amiga e os ordenadores domésticos da Atari ST.

Posto que os xogos arcade de System 16 que Sega estaba fabricando eran moi populares, Hayao Nakayama, daquela xefe executivo de Sega, decidiu facer que o novo sistema empregase unha estrutura de 16 bits. O deseño final resultou un éxito e encaixaba ben cos tres novos xogos arcade; o Mega-Tech, o Mega Play, e o System C. Calquera xogo arcade feito para estes sistemas podería fácil e rapidamente funcionar na nova videoconsola (un proceso coñecido como porting).

O primeiro nome que Sega pensou para a nova videoconsola foi MK-1601, mais decidiu utilizar o nome de "Sega Mega Drive". "Mega" tiña a connotación de superioridade, e "Drive" tiña a de velocidade e poder. Recibiron ese nome as versións da consola no Xapón, Europa, Asia, Australia e o Brasil. O nome nos Estados Unidos trocouse polo de Genesis debido a unha disputa pola marca rexistrada, mentres que a versión de Corea do Sur foi chamada Super Gam*Boy (삼성수퍼겜보이) e Super Aladdin Boy (transliteración de 수퍼알라딘보이; esta foi a versión coreana da Mega Drive 2). Esas consolas foron autorizadas e distribuídas por Samsung.

A posta á venda no Xapón

[editar | editar a fonte]

Mega Drive foi posta á venda no Xapón o 29 de outubro, 1988 a un prezo de 21.000 iens, case un ano despois que a primeira consola clasificada popularmente como máquina de 16 bits, a NEC PC Engine. Aínda que isto causou nun primeiro momento poucas vendas, a Mega Drive axiña eclipsou en popularidade a anterior consola.

A posta á venda en Europa

[editar | editar a fonte]

A posta á venda foi o 30 de novembro de 1990 no Reino Unido, a un prezo de 189,99 libras. O primeiro envío do Reino Unido de 30.000 unidades foi vendido aos distribuidores Comet, Dixons, Rumbelows e Toys R Us (Foulger, 2000).

A posta á venda en Norteamérica e desenvolvemento adicional

[editar | editar a fonte]

Sega anunciou a data para a posta á venda en Norteamérica en 1987, poñendo énfase en que era a primeira consola de 16 bits verdadeira. As vendas en EUA comezaron o 9 de xaneiro de 1989 en Nova York e Os Ánxeles cun prezo estimado de 200 dólares na súa saída. Foi posta á venda no resto de Norteamérica o 15 de setembro co prezo rebaixado lixeiramente a 190$.

Inicialmente Genesis competiu contra a consola de 8 bits NES, á que avantaxaba en gráficos e son. Porén, era unha loita ardua contra a omnipresenza de Nintendo nas casas dos consumidores e o amplo catálogo de xogos xa dispoñíbeis. Nun esforzo por facerse cunha base de consumidores importante, Sega decidiu centrarse nos consumidores un pouco máis vellos, en concreto mozos de tardía adolescencia e pouco máis de vinte anos, que disporían de maiores ingresos, e que estarían ansiosos por títulos con maior contido adulto e/ou profundidade no xogo. Así pois, Sega publicou títulos tales como Altered Beast e a serie Phantasy Star. Malia que a NES e Nintendo seguían a ser unha ameaza importante para a cota de mercado de Sega, esta relegou o teoricamente competitivo sistema TurboGrafx 16 a un relativo segundo plano, grazas en parte á pobre campaña de mercadotecnia da NEC en Norteamérica.

A principal competencia da Genesis rematou por ser a consola de 16 bits de Nintendo, a SNES, á que avantaxaba ao comezo en termos de número de usuarios e de xogos, invertendo o problema que Sega experimentara fronte á NES. Genesis seguiu mantendo unha boa base de afeccionados grazas principalmente a títulos multixogador e de deportes. A posta á venda de Sonic the Hedgehog en 1991 ameazou con esgolar dende aquela a posición número un de Nintendo nos Estados Unidos. Sonic foi publicado para substituír a mascota orixinal, Alex Kidd, e fornecer o compoñente asasino que Sega precisaba. Isto fixo estourar a que podería chamarse a maior guerra de consolas na historia dos videoxogos.

En 1992, Sega gozaba dunha posición forte no mercado, copando un 55% da cota de mercado en Norteamérica. Enfrontada a unha lixeira recesión nas vendas e a unha pequena perda de cota de mercado fronte á SNES, Sega volveu mirar para Sonic para renovar as vendas. A publicación do enormemente agardado Sonic the Hedgehog 2, xunto cunha agresiva campaña de publicidade que atacaba a Nintendo, propulsou as vendas de Genesis durante un certo período, e deu un pulo á cota de mercado de Sega, que chegou a acadar un sorprendente 65%.

En menos dun ano, en 1993, Sega puxo á venda unha versión redeseñada da consola cun novo prezo máis reducido. Compactando o sistema de chip interno nun máis reducido, cunha placa nai unificada, Sega reduciu radicalmente o tamaño do sistema e baixou os custos de produción simplificando o proceso de montaxe e reducindo o número de circuítos integrados que cada unidade precisaba.

Á parte da posta á venda dos extras Sega CD e 32X para a Genesis/Mega Drive, o último grande anuncio de Sega veu en forma dunha asociación coa Time Warner nos EUA para ofrecer un servizo de subscrición chamado Sega Channel, o cal permitía aos subscritores descargar xogos de maneira mensual.

A baixada na cota de mercado

[editar | editar a fonte]

Os fiascos do Sega CD e da 32X, unha falla de publicidade efectiva e as rifas entre Sega América e Sega Xapón deixaron tocada á compañía. Cara á metade de 1994, a cota de mercado de Sega caera do 65% ao 35%, e os anuncios de novas e máis poderosas consolas tales coma a Saturn, a Playstation, e a N64 apuntaban a que a era dos 16 bits estaba chegando á súa fin. O interese na Genesis sufriu profundamente como resultado, engadíndose ás súas xa pobres vendas. En 1996, menos dun ano despois do debut da súa consola Saturn, Sega apresurouse a tomar parte no final da era dos 16 bits interrompendo a produción da Genesis e dos seus accesorios.

Rexurdimento da popularidade en Norteamérica

[editar | editar a fonte]

Nestes últimos anos, a Genesis experimentou unha especie de renacemento debido en gran parte ao mercado negro de cartuchos sen licenza (por exemplo, a saída ao mercado da Wisdom Tree) e a descarga de ROMs, aos que se pode xogar por medio de emuladores tales coma o Gens. Tamén existe unha tendencia cara á programación caseira sobre a Genesis empregando PCs persoais.

No 2000, xurdiu unha moda cara aos xogos de TV tipo plug-and-play, e Radica lanzou versións auto-contidas con licenza de xogos da Mega Drive para o mercado norteamericano (baixo o nome de Play TV Legends Sega Genesis) e europeo (baixo o nome de Sega Mega Drive 6-in-1 Plug 'n' Play), que conteñen seis populares xogos, unha pequena caixa e un mando. Non ten rañura para os cartuchos, e desta maneira é unha consola específica. Porén, Benjamin Heckendorn, famoso por ter convertido en portátil a Atari, probou que de feito é posíbel engadir unha rañura para cartuchos cun pouco de soldadura.

Variantes da Mega Drive e Genesis

[editar | editar a fonte]

Sega Mega Drive (Xapón)

[editar | editar a fonte]

Sega Mega Drive (Europa, Australia, e Nova Zelandia)

[editar | editar a fonte]

Sega Mega Drive (Asia)

[editar | editar a fonte]

Esta consola é unha variante da Mega Drive europea e a miúdo é confundida coa versión xaponesa.

Sega Genesis (Norteamérica)

[editar | editar a fonte]

Sega Mega Drive 2 (Xapón)

[editar | editar a fonte]

Sega Mega Drive 2 (Europa, Australia, e Nova Zelandia)

[editar | editar a fonte]

Sega Genesis (Norteamérica, segundo modelo)

[editar | editar a fonte]

Nota: Este modelo non foi chamado oficialmente "Genesis 2".

Sega Genesis 3 (Norteamérica)

[editar | editar a fonte]

Outras variantes da Mega Drive e da Genesis

[editar | editar a fonte]

A Wondermega/X'eye

[editar | editar a fonte]

Wondermega (chamada X'eye en norteamérica), é unha combinación da Mega Drive e Mega-CD vendida por Victor (coñecido coma JVC fóra do Xapón) que nunca saíu á venda en Europa.

Sega Multi-Mega/CDX

[editar | editar a fonte]

Sega Multi-Mega (chamada CDX en Norteamérica) é unha Mega Drive/Genesis e Mega-CD/Sega integradas con máis capacidades que tamén funcionan como CD portátil, dirixida a un mercado máis pudente. O prezo no Reino Unido foi de 350 libras esterlinas.

A Mega-Tech e a Mega Play

[editar | editar a fonte]

A Mega-Tech era unha máquina arcade que dispuña de dez xogos da Mega Drive ou Master System trocábeis nun bastidor semellante ao PlayChoice-10 de Nintendo.

A Mega Play foi outro sistema arcade como Mega-Tech, mais esta só tiña capacidade para catro cartuchos e non podía reproducir xogos de Master System. Os cartuchos tiñan forma semellante aos xaponeses para a Mega Drive, aínda que incompatíbeis coa Mega Drive para consumidor ou os sistemas Mega-Tech.

A Mega Jet e a Genesis Nomad

[editar | editar a fonte]

A tecnoloxía orixinal detrás da Genesis Nomad baséase na Mega Jet, que era unha versión semi-portátil da Mega Drive que empregaba Japan Airlines para o entretemento durante os voos. O aparato carecía de pantalla propia mais se podían usar cartuchos da Mega Drive cando se encaixaban a un monitor pequeno que se usaba nos voos da Japan Airlines. A unidade dispuña dun mando direccional á esquerda e seis botóns á dereita, semellante ao deseño do controlador de xogo.

Unha versión para o consumidor da Mega Jet foi posta á venda por Sega Xapón o 10 de marzo de 1994 a un prezo de 123 dólares. Era esencialmente a mesma unidade que se empregaba nos voos da JAL, o que significaba que carecía de pantalla e non podía ser acendida sen adaptador CA. Non se engadiron máis extras ou melloras. Sega continuou en outubro de 1995 coa Genesis Nomad para o mercado norteamericano, esencialmente a Mega Jet cunha pantalla de cristal (LCD) de 3,25 polgadas e un compartimento para pilas situado na parte traseira do sistema, para seis pilas AA, o que a facía completamente portátil e non só un sistema Genesis máis reducido. Ademais dos outros avances da Mega Jet, engadiuse un conectador A/V na parte superior que permitía aos usuarios xogar nunha pantalla de televisión cun cable A/V diferente. Unha característica interesante era a posibilidade de que un xogador usase a pantalla do televisor mentres o outro vía a través da da Nomad. O mando direccional da unidade controlaba todos os xogos para un xogador e o porto localizado na parte baixa permitía a conexión dun segundo controlador para xogos de dous xogadores. Isto significaba que a Nomad podía ser tanto un sistema completo para a casa coma un sistema portátil cunha colección de xogos dispoñíbeis previa.

Aínda que se gababan a resolución de pantalla da Nomad e as súas características, tamén presentaba problemas. A 32X e o Sega CD non eran compatíbeis coa unidade, ao igual que o Power Base Converter, empregado para xogar cos títulos da Sega Master System na Genesis/Mega Drive. En teoría, a Nomad era a mellor portátil en cuestión de cores. Tiña cor completo, retroiluminación e dispuña de ao redor de 600 títulos na súa colección, ademais de ser un sistema funcional para o fogar. Aínda que o prezo descendera de $179 a $79.99, o cal amorteceu as queixas vertidas sobre o excesivo prezo, esta portátil non obtivo apoio abondo para seguir adiante.

LaserActive de Pioneer con módulo de Mega Drive

[editar | editar a fonte]

LaserActive foi o nome que se lle deu ao reprodutor de LaserDisc CLD-A100 de Pioneer. O aparello era tanto un reprodutor de Laserdisc como de CD no mesmo produto, e a adición de módulos fabricados por Sega e NEC habilitaban a unidade como sistema de videoxogos tamén. O módulo PAC-S1 de Sega, posto á venda a un prezo de 39.000 iens, permitía aos usuarios xogar cos xogos de Mega Drive, Mega-CD e a xogos especificamente creados para Mega LD. Durante un curto período se pensou nos xogos da Mega LD como a seguinte evolución dos videoxogos, principalmente porque a enorme capacidade de almacenaxe dos Laserdiscs nos que se gravaban implicaba que podían ter un tamaño moitas veces maior que antes e incluír vídeo en movemento con calidade de TV, son dixital e son envolvente, características todas elas xa habituais nos sistemas modernos baseados en DVD-ROM.

Un módulo de NEC, o PAC-N1, deulle á unidade a capacidade de reproducir xogos de Turbografx 16. A adición dun dos dous módulos tamén facía a unidade compatíbel cos controis da Sega e da NEC. Un módulo máis tardío posto á venda por Pioneer, permitía o seu funcionamento como unha completa máquina de Karaoke.

Máis tarde Pioneer deseñou uns lentes 3D para o sistema (Kit GOL-1). Os lentes precisaban do acoplamento dun adaptador para poder funcionar co reprodutor, mais cada adaptador admitía un par dos lentes, permitindo a dous usuarios xogar simultaneamente en 3D.

O LaserActive por desgraza non sobreviviu moito tempo. O seu alto prezo e o desinterese xeral do mercado cara ao Laserdisc fixeron este sistema difícil de vender.

O Teradrive

[editar | editar a fonte]

O Teradrive era un PC 80286 fabricado por IBM cunha Mega Drive integrada. Só foi posto á venda no Xapón. Había tres modelos dispoñíbeis desde os 148.000 iens até os 248.000. Só o modelo máis alto da gama levaba un disco duro incorporado. Había tamén un monitor especial vendido por separado, que podía reproducir sinais de video RGB de 15 kHz desde o hardware da Mega Drive e desde a saída de VGA 31 kHz do hardware do PC, ambos a través do conectador VGA. O sistema contiña tamén tomas de video composto NTSC e tomas de son estéreo RCA para a conexión á televisión. Amais, podíase xogar coa Mega Drive ao mesmo tempo que se usaba o PC, e a Mega Drive e o PC podían interactuar entre si, como ficou patente co programa Puzzle Construction. Tamén se podían reproducir os xogos de Mega Drive desde a RAM do PC.

O Mega PC de Amstrad

[editar | editar a fonte]

O Mega PC foi un sistema producido por Amstrad con licenza de Sega, con funcionamento de PC compatíbel con IBM e Mega Drive nun. Era semellante en concepto ao Teradrive, pero foi un proxecto sen parentesco algún con el.

Miscelánea

[editar | editar a fonte]

Especificacións técnicas

[editar | editar a fonte]

CPU

[editar | editar a fonte]

Procesador principal: Motorola 68000 de 16 bits (ou equivalente)

Procesador secundario: Zilog Z80 de 8 bits (ou equivalente)

Contrariamente ao que se pensa, o Modelo MK-1631 (Mega Drive/Genesis 2) si ten unha CPU Z80. Dependendo da revisión da placa, o sistema ten, ou ben unha Zilog Z84C00 ou unha Custom Sega 315-5676, ou similar. Posto que a Z80 se usa para a produción de son en moitos xogos, é un compoñente necesario.

A idea de que a máquina redeseñada non ten Z80 provén dos informes de incompatibilidade entre eses modelos e o Power Base Converter, que permite a compatibilidade coa Sega Master System, pero o verdadeiro factor impeditivo é a forma do dispositivo. O redeseñado porto de cartucho está situado adiante de máis no sistema para se poder conectar un Power Base Converter sen retirar antes a carcasa de plástico.

Memoria

[editar | editar a fonte]

ROM de inicialización: 2 KB

RAM principal: 64 KB

RAM de vídeo: 64 KB

RAM secundaria: 8 KB

Área de memoria de cartucho: até 4 MB (32 Megabits)

Gráficos

[editar | editar a fonte]

A Mega Drive ten un VDP (Video Display Processor) dedicado para o control de campo de xogo e sprites. Trátase dunha versión mellorada do VDP da Sega Master System, que, á súa vez, deriva do Texas Instruments TMS9918.

Planos: 4 (2 campos de xogo de desprazamento, 1 plano de sprites, 1 plano de 'ventá')

Sprites: Até 80 en pantalla, dependendo do modo de visualización

Paleta: 512 cores

Cores en pantalla: 64 palabras de 9 bits de RAM de cor, o que permite 61 cores en pantalla (até 1536 usando efectos de rastrexo e modo Sombra/Realce)

Resolución de píxeles: Até 320×240 (40×30 celas) para PAL, e até 320×224 (40×28 celas) para NTSC

Son

[editar | editar a fonte]

Chip de son principal: Yamaha YM2612

Chip de son secundario: Texas Instruments SN76489

Entradas e saídas

[editar | editar a fonte]

Saída RF: conéctase á entrada de antena de TV

Saída A/V: conector DIN con vídeo composto, RGB e saídas de son

Entrada de corrente: require 9-10 voltios de CD, 0,85-1,2 A, dependendo do modelo

Saída para auriculares: toma estéreo amplificada de 3,5-mm na fronte da consola, con control de volume

Porto "EXT": toma D de 9 pins para conexión con módem Meganet

Entradas de mando de control: 2 × conectores D de 9 pins na fronte da consola

Porto de expansión: Conector de bordo na parte baixa dereita da consola, para conexión ao Sega Mega-CD

Miscelánea

[editar | editar a fonte]

Proporción Sinal/Ruído: 14 dB

O porto EXT da consola Genesis/Mega Drive orixinal úsase co módem periférico que só se comercializou no mercado xaponés. O porto funciona do mesmo xeito que os portos dos mandos, mais ten un conector DB9 femia no canto do DB9 macho.

O porto de Auriculares Estéreo situado na fronte do primeiro modelo usábase para auriculares estéreo ou altofalantes e/ou a mestura de son estéreo do Sega CD.

O porto de expansión, usado case sempre co Sega CD, tamén era usado para a Sega Genesis 7 Cart Demo Unit (unidade de demostración da consola) nas tendas.

Algúns programas de emulación poden gardar música nun formato coñecido como GYM. Funciona gravando dende o sistema de son a un arquivo de destino (o arquivo .gym). O estado interno do código de chip de son do emulador é sampleado 60 veces por segundo e envorcado no arquivo. Aínda que nun principio gozou de popularidade por mor da falla de competencia seria, o formato non ofrece unha reprodución de alta fidelidade da saída de son orixinal, tende a producir arquivos moi grandes e resultaba difícil de producir para os títulos PAL, dadas as simplificacións necesarias para os emuladores da época. O formato VGM, máis completo e que veu a reemprazalo, pode rexistrar cambios a até 44100 Hz, co cal a maioría do son pode reproducirse con precisión.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]