Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1916 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 26 de xullo de 2010 (93/94 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Arxentina España |
Actividade | |
Ocupación | actriz , xornalista , locutora de radio |
Lingua | Lingua castelá |
María Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga, nada en Buenos Aires en 1915 e finada o 26 de xullo de 2010, foi unha locutora de radio, actriz e xornalista galega.
Maruxa Boga era filla dos galegos Leandro Boga, oriundo de Lestrobe, no concello de Dodro e de María Romaní, oriunda de Noia, que emigraron á Arxentina na primeira vaga migratoria galega do século XX.[1]
Comezou a súa traxectoria como locutora de radio no programa Galicia, que dirixía a actriz Maruxa Villanueva. O 5 de agosto de 1945 comezou a presentar, a canda o actor Fernando Iglesias Sánchez, "Tacholas" e o seu home, o xornalista Alfredo Ángel Aróstegui, o programa de radio Recordando a Galicia na emisora arxentina Radio Rivadavia. Traballou tamén en Radio Excelsior, Radio Prieto, Radio del Pueblo, Radio Antártida etc.[2]
Fundou con Tacholas a compañía de teatro Boga-Tacholas, coa que, de 1941 a 1944, se dedicaron á representacións de comedias, moitas delas de temática galega,[3] principalmente da autoría de Manuel Daniel Varela Buxán. Interpretou a personaxe de Pimpinela de Os vellos non deben de namorarse, baixo a dirección do propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, autor da peza.[2]
Logo de que Tacholas deixase en 1953 a presentación do programa, continuou con Arostegui á súa fronte ata marzo de 1984, cubrindo 39 anos de emisións ininterrompidas. O programa foi ademais un referente da comunidade galega na Arxentina, e por el pasaron Castelao, Eduardo Blanco Amor, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Maruxa Villanueva ou Manuel Dopazo Gontade.
Recibiu o Grelo de ouro en 1998 canda a Maruxa Villanueva e Tacholas, polo impulso do teatro galego na Arxentina.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Maruxa Boga |