Manneken Pis | |
---|---|
O Manneken Pis | |
Presentación | |
Nome local | Manneken-Pis |
Localización | Bruxelas Rexión de Bruxelas Bélxica |
Dirección | Cruzamento entre rue du Chêne e rue de l'Étuve |
Coordenadas | Coordenadas: 50°50′42″N 4°21′00″L / 50.8449844, 4.349988 |
Tipo | Estatua de bronce e fonte |
Construción | |
Data da construción | De pedra: ca. século XV. Orixinal en bronce: 1619 Copia actual en bronce: 1966 |
Dimensións | |
Altura | 55,5 cm |
Equipo | |
Escultor | Hieronymus Duquesnoy o Vello |
web oficial |
O Manneken Pis (expresión en neerlandés que en galego significa "homiño que ouriña") é unha singular estatua de bronce de 55,5 centímetros situada no centro histórico de Bruxelas, Bélxica, que representa un neno pequeno espido ouriñando dentro da cunca da fonte.[1][2]
Xunto co Atomium e a Grand-Place, é un dos símbolos da cidade e unha das súas atraccións turísticas principais, simbolizando o espírito independente dos seus habitantes.[3]
Había xa unha estatua parecida de pedra a mediados do século XV, quizais xa desde 1388 (data da primeira mención achada nos arquivos da catedral de Bruxelas), que foi roubada en varias ocasións.[4] En 1619 foi substituída por unha figura de bronce feita polo escultor barroco franco-flamengo Hieronymus Duquesnoy o Vello, que a situou sobre unha columna de seis pés de altura tallada por Daniel Raessens.[5] A columna foi substituída polo actual nicho en estilo rococó, en 1770.[6]
Os bruxeleses protexeron a figura durante o asedio e o bombardeo da cidade polos franceses en 1695. Logo destes feitos engadiuse unha inscrición baixo a estatua que dicía: In petra exaltavit me, et nunc exaltavi caput meum super inimicos meos ("O Señor ergueume sobre unha rocha, e agora elevo a miña cabeza sobre os meus inimigos").[7][8]
A estatua actual é unha reprodución da orixinal, que foi roubada nos anos 1960. Este acontecemento protagonizou numerosas noticias na prensa, o que contribuíu a darlle á estatua e ao monumento moita sona internacional. Logo dun tempo, o orixinal foi recuperado, aínda que non volveu ao seu lugar orixinal, senón que se depositou, xunto a outra copia de bronce dourado do século XVII, no Musée de la Ville de Bruxelas.[9][10]
Antigamente, o chorro de auga do Manneken Pis adoitaba ser substituído, con motivo das festas, por outras beberaxes como hidromel ou viño). En concreto, en 1890, durante as grandes festas bruxelesas, que se desenvolveron durante dous días, o Manneken ouriñou viño e lambic (cervexa de trigo e cebada típica de Bruxelas).[11]
A escuridade que rodea as súas orixes deu lugar a numerosas historias e lendas. O primeiro en pólas por escrito, en 1824, foi o prolífico autor francés Jacques Collin de Plancy, a quen seguiron outros escritores, entre os que cómpre salientar a Guillaume Devogel e as súas soadas Légendes bruxelloises.[12][13] Entre as lendas máis coñecidas atópanse as seguintes:
Para vestir a estatua disponse dunha variada colección de disfraces que se utilizan en diversas ocasións consonte un programa xestionado pola asociación sen ánimo de lucro Amigos do Manneken Pis, que habitualmente inclúe a participación de bandas de música. Cando se conecta novamente o chorro despois de disfrazado, pode producirse un exceso de presión provocado pola parada, de modo que chega a salpicar os espectadores, para a súa satisfacción.
O vestiario actual consta de máis de 800 traxes, que na súa maioría se conservan no Musée da Ville de Bruxelles, situado na Grand-Place.[17]
Existen estatuas parecidas nas cidades belgas de Geraardsbergen, Broksele e Hasselt. Hai unha disputa sen resolver acerca de cal é o Manneken Pis máis antigo: o de Bruxelas ou o de Geraardsbergen[18]. Desde mediados dos anos 1980, o Manneken Pis ten en Bruxelas unha equivalente feminina, a Jeanneke Pis.
Nalgúns países é frecuente decorar piscinas e fontes con copias de bronce ou fibra de vidro do Manneken Pis. Un souivenir popular de Bruxelas é a miniatura en chocolate ou metal, que ás veces funcionan como sacarrollas. Tamén se venden reproducións da estatua nas que sae un chorro de licor impulsado por unha pequena bomba que funciona por un motor eléctrico.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manneken Pis |