Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1982 (41/42 anos) Moscoso, España |
Datos persoais | |
Educación | IES Sánchez Cantón |
Actividade | |
Ocupación | músico , poeta |
Malvares de Moscoso ou Malvares, nado en Moscoso en 1982, é un poeta e músico galego de hip hop e spoken word, membro da banda Rebeliom do Inframundo.[1]
A música e a poesía véñenlle de familia polo seu tataravó "O Cachorro" e a súa avóa María do Malvares que escribían e recitaban en eventos relixiosos e festivos de Moscoso e arredores. A súa avóa Carola da Carvalheira formou parte do grupo de pandeireteiras As Anduriñas de Pazos de Borbén.
Estudou no IES Sánchez Cantón e comezou na música coa creación de Os Trasnos de Moscoso,[2] un dos primeiros grupos de rap que apostaron por expresarse exclusivamente en lingua galega. En 2011 entrou no colectivo vigués Track Asedio,[3] onde se xuntou con Seila Esencia, Duke Sam, Pow, Dikeyti, Mow.
En 2012 comezou o seu contacto co spoken word[4] e a poesía ao actuar na primeira edición do Poetry Slam Vigo.
En 2014 participa na compilación da editora lusófona Língua Nativa con dous singles que mesturan o spoken word e a electrónica.
En 2017 inclúen un dos seus poemas en Latexo Beat (Galaxia), unha antoloxía de poetas galegos e estadounidenses.[5]
2017 encárgase da parte musical, xunto a Servando Barreiro, Miguel Alonso e Maese Pedrido, do disco-libro Mel. Unha mosca agradecida (Nova Galicia Edicións) da ilustradora Luz Beloso e o poeta (primo de Malvares) Miguel A. Alonso Diz.[6]
Como poeta participou en festivais como o Festival Kerouac (Nova York, Cidade de México,[7] Madrid e Vigo), Festival de Poesía no Condado (Salvaterra)[8], Vociferio (Valencia), Culturgal (Pontevedra), BioRitme (Barcelona), Alguén que respira! (Santiago de Compostela).
Forma parte de Rebeliom do Inframundo desde o segundo disco da banda e ten percorrido con ela festivais e salas de toda a península.[9]
Malvares aposta a nivel lingüístico polo reintegracionismo e polo uso da variante dialectal que se fala na súa parroquia, Moscoso. Destaca visualmente polo caxato que emprega sempre nas súas actuacións, que foi realizado polo artista afro-galego Carlos Ndungmandum para o seu single "N.O./Trens cara ao Sul".