Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de decembro de 1966 (57 anos) Salta, Arxentina |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Arxentina |
Educación | Escuela Nacional de Experimentación y Realización Cinematográfica (en) Universidade de Buenos Aires Bachillerato Humanista Moderno (en) |
Actividade | |
Ocupación | directora de cine , guionista , produtora |
Período de actividade | 1988 - |
Lingua | Lingua castelá |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
Lucrecia Martel nada en Salta o 14 de decembro de 1966, é unha directora, guionista e produtora cinematográfica arxentina. O estudoso do cinema Paul Julian Smith escribiu en 2015 que é "sen discusión a autora máis aclamada criticamente no art cinema en lingua castelá de Latinoamérica”,[1] Haden Guest denominouna “unha das cineastas cun talento máis prodixioso no cinema contemporáneo mundial”,[2] e David Oubiña considerou a súa obra unha “estraña perfección”.[3] En abril de 2018, Vogue chamouna "unha dos grandes directores do mundo agora mesmo".[4]
Cursou os seus estudos secundarios no Bacharelato Humanista Moderno da cidade de Salta, onde foi compañeira de clase de Juan Manuel Urtubey.[5] Martel formouse na Escola Nacional de Experimentación e Realización Cinematográfica (ENERC) de Buenos Aires. Dirixiu as curtametraxes El 56 (1988), Piso 24 (1989), Besos rojos (1991) e Rey muerto (1995), este último cun esquema de produción industrial, grazas a que o guión gañou o concurso Historias Breves do Instituto Nacional de Cine (INCAA) da Arxentina, así como a serie de televisión D.N.I. (1995) e o programa infantil pouco convencional Magazine For Fai, antes de realizar a súa primeira longametraxe, La Ciénaga (2001), polo cal obtivo numerosos premios, entre eles o premio NHK do Festival de Cine de Sundance, o Grand Prix do Festival de Cine Latinoamericano de Tolosa, o premio ao mellor filme e á mellor directora do Festival de Cine da Habana, o Premio Alfred Bauer do Xurado Internacional en 2001 no Festival Internacional de Cinema de Berlín e un nomeamento ao Oso de Ouro no mesmo festival.[6][7]
En 2004 a súa segunda longametraxe, La niña santa, foi candidato á Palma de Ouro no Festival de Cine de Cannes.
O seu terceiro filme, La mujer sin cabeza, foi seleccionado no Festival de Cannes en 2008.
En 2011 obtivo o Premio Konex como un dos cinco mellores directores de cinema da década na Arxentina.
En relación á rodaxe de Zama, estreado en 2017, a cineasta comentou:
Nunca estiven nunha rodaxe tan emocionante, nunca nunha rodaxe vin tan preto o que queriamos dicir do que estabamos a vivir. Non sei como será este filme, mais podo dicir que a rodaxe de Zama é inesquecíbel, e se a iso lle sumas semanas traballando co barro ata o xeonllo, días coa auga á cintura, moitas linguas distintas, pilagá, qom, portugués, guaraní, haitianos que falan francés, en fin, inesquecíbel.[8]
E sobre os dez anos transcorridos dende a rodaxe do seu filme anterior afirmou:
Ninguén espera un filme meu, por sorte para todos. Tampouco creo que sexa o meu regreso, porque nunca me fun. Todo este tempo estiven a facer o que fago sempre, tratando de entender o mundo, a nosa azarosa, minúscula e poderosa existencia, tratando de querer e que me queiran, como todo o mundo. As ideas que fundan o desexo de facer un filme, é dicir, de facer público un proceso íntimo, ás veces precisan tempo, é iso nada máis.
En 2019, foi elixida presidenta do xurado do Festival de Cinema de Venecia. No marco de devandito festival tivo ao seu cargo o discurso homenaxe a Pedro Almodóvar.[9] Ese mesmo ano tres das súas longametraxes formaron parte das cen mellores películas de todos os tempos dirixidas por mulleres, segundo unha enquisa organizada pola BBC.[10] Ademais, estivo a cargo da posta visual do espectáculo Cornucopia da artista islandesa Björk, que se estreou no centro cultural The Shed de Nova York o 6 de maio de 2019.[11] "Síntome moi orgullosa de poder traballar xunto a unha das mulleres máis innovadoras do mundo da música. Colaborar nun espectáculo de Björk é un pasaporte ao século XXII", dixo ao anunciar a convocatoria de parte da cantante.[12]
Martel citou a María Luisa Bemberg,[13] Ingmar Bergman,[14] e Pedro Almodóvar[15] como influencias.
En febreiro de 2016, durante a montaxe de Zama, Martel foi diagnosticada con cancro uterino. Afirmou que a doenza causou un atraso na posprodución do filme, mais finalmente catalizou a súa fin. En novembro de 2017, IndieWire informou que estaba en remisión dende finais de 2016.[16]
Martel é abertamente lesbiana.[17] Contoullo á súa familia antes da estrea en 2001 de La Ciénaga porque estaba preocupada pola reacción da homosexualidade implícita do filme. A súa nai respondeu de forma amorosa e dixo que o sabía dende que Martel tiña sete anos.[15] Martel mantén unha relación coa cantante Julieta Laso, antiga vocalista da Orquesta Típica Fernández Fierro.[18][19]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lucrecia Martel |