Coñécese como literatura portuguesa a literatura escrita en lingua portuguesa por escritores de Portugal, excluíndo a literatura brasileira e a feita noutros países lusófonos, así como as obras escritas en Portugal en linguas distintas do portugués e galego-portugués, como o latín ou o castelán.[1]
Os comezos da literatura portuguesa atópanse na poesía medieval galego-portuguesa desenvolvida orixinalmente en Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XII e XV, especialmente nos séculos XIII e XIV.[2]
Esta lírica está vinculada aos cancioneiros medievais, como o Cancioneiro da Ajuda, Cancioneiro da Vaticana e Cancioneiro Colocci-Brancuti, que recollen un amplo repertorio de cantigas de amor, cantigas de amigo e de escarnho e maldizer.[3][4]
As cantigas de amor son poemas onde os cavaleiros expresan o seu amor non correspondido por unha dama. Nas cantigas de amigo, o eu lírico é feminino e a voz poética canta os anceios e dores amorosas dunha muller en ausencia do seu amado. As cantigas de escarnho e maldizer caracterízanse polo seu ton burlesco e, ás veces, obsceno, utilizadas para criticar ou mofarse de determinadas persoas ou situacións, presentando unha visión satírica e crítica da sociedade da época.[3]
A lírica galego-portuguesa conviviu e influenciou a poesía trobadoresca occitana e, reciprocamente, foi influenciada por ela, establecéndose así un intercambio cultural e literario entre os trobadores da Península Ibérica e do sur de Francia.[5] O occitano ou provenzal influenciou tamén o galego-portugués na adopción de certas grafías, como o uso do -nh- visto en autores medievais galegos como Mendinho, e que permaneceu na norma culta da lingua portuguesa.[6][7]
A lírica medieval definiu trazos literarios, influenciando temas e formas poéticas mesmo séculos despois (véxase por exemplo o neotrobadorismo).
Durante os séculos XVI e XVII, a literatura portuguesa experimentou diversas transformacións e inovación, marcadas por contextos socioculturais e políticos peculiares. No Renacemento chegou a Idade de Ouro cos escritos de Gil Vicente, Bernardim Ribeiro, Sá de Miranda e en especial o gran lírico Luís de Camões, autor do poema épico nacional Os Lusíadas.[8]
O século XVII caracterizouse pola introdución do barroco en Portugal, sendo considerado en xeral como un século de decadencia literaria a pesar da existencia de escritores como António Vieira, Manuel Bernardes e Francisco Rodrigues Lobo.
Os escritores do século XVIII para contrarrestar unha certa decadencia da etapa barroca, fixeron un esforzo por recuperar o nivel da Idade de Ouro a través da creación de academias e arcadias literarias.[9]
No século XIX, despois dun paso polos ideais neoclásicos, seguintes ao barroco, estes foron abandonados e Almeida Garrett introduce o Romanticismo, continuado por Alexandre Herculano e Rebelo da Silva. Entre as novelas da segunda metade do século XIX, desenvólvese o realismo, de características naturalistas, cuxos expoñentes inclúe a Eça de Queiroz, Ramalho Ortigão e Camilo Castelo Branco.[10]
Durante o século XX as tendencias literarias están representados principalmente por Fernando Pessoa, considerado como o gran poeta nacional á par con Camões, mentres que nos seus últimos anos destaca o desenvolvemento da ficción en prosa grazas a autores como António Lobo Antunes e o gañador do Premio Nobel de Literatura José Saramago.[11]
A literatura portuguesa no século XXI destaca por unha impresionante diversidade de voces e temáticas. A narrativa e a poesía portuguesas contemporáneas exploran as complexidades da identidade, a memoria e a experiencia migratoria. Valter Hugo Mãe, Dulce Maria Cardoso e José Luís Peixoto son algúns dos autores relevantes, caracterizados pola súa habilidade para mergullarse nas complexidades emocionais e sociais do ser humano. Novas voces de escritores e escritoras nados en Portugal, algúns migrantes ou de orixe migrante, comezaron a emerxer, introducindo perspectivas novidosas e explorando temas de cruzamento cultural e identidade na diáspora. Entre os numerosos premios e eventos literarios, o festival aRitmar de Santiago de Compostela recoñece anualmente obras portuguesas achegándoas ao público galego.[12]
A Galipedia ten un portal sobre: Portugal |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Literatura portuguesa |
Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |