A lingua waray-waray, visaya de Leyte ou samareño é unha lingua que pertence á familia lingüística austranesia, dentro da rama occidental malaio-polinesia e no grupo visayo, escrita en alfabeto latino (antigamente empregábase o alfabeto baybayin). É falada por arredor de tres millóns de persoas nas provincias de Samar, Samar do Norte, Samar Oriental, e en certos lugares de Leyte e Biliran, en Filipinas. Déuselle o código ISO 639-2 war, pero non ten un código de dúas letras ISO 639-1, para a representación mediante códigos dos nomes das linguas. Debido ao contacto coa lingua española conta con numerosas achegas léxicas do castelán. O nome desta lingua ven da palabra "waray" a cal é frecuentemente escoitada polos non falantes e que significa "ningún", "nada" ou "non". A lingua waray-waray é falada polas persoas waray da illa de Samar, na maior parte de Leyte e nalgunhas zonas da illa de Biliran, mais con variacións dialécticas. Estas son faladas nalgunhas partes de Masbate, particularmente na illa de Ticao, que está próxima da illa de Samar. Entre estas variantes atópanse o Waray-Waray Sorsogon e o Masbate Sorsogon, clasificadas dentro da lingua waray-waray pero chamadas Bisakol porque se asemellan ás linguas Visaya e Bicolano.
O waray-waray, coma outras linguas filipinas, non ten un equivalente exacto para o verbo copulativo ser. En tagalo, por exemplo, a frase "Siya ay maganda" (Ela é fermosa) ten a palabra ay, que ao contrario da crenza popular, non funciona como un verbo copulativo atributivo predicindo maganda (fermosa), e para o seu suxeito Siya (el ou ela). A función do ay no tagalo é preferiblemente o de marcador de inversión da frase, o que é considerado como unha forma literaria, pouco común no tagalo falado. A mesma frase pode ser dita coma Maganda siya, co mesmo significado.
A lingua waray-waray en comparación ao tagalo pode expresar "Ela é fermosa" coma "Mahosay hiya" ou ben algunhas veces "Mahosay iton hiya" (iton funcionando coma un artigo definido de hiya, ela), pois o waray-waray non ten un verbo copulativo de tempo presente. Coma nas outras linguas filipinas, os atributos son usualmente representados cun predicado inicial e non teñen un verbo copulativo. Coma por exemplo na orde desta frase en galego.
"Este é un can" traducida ao waray:
Ayam ini.
O predicado Ayam (can) é colocado antes do suxeito ini (este); obsérvase que non está presente ningún verbo copulativo. Outro exemplo:
Amo ito an balay han Winaray o Binisaya nga Lineyte-Samarnon nga Wikipedia.
Asya it an balay han Winaray o Binisaya nga Lineyte-Samarnon nga Wikipedia.
En galego: "Esta é a Wikipedia Waray/Leyte-Samar Visayan". O predicado Amo ini está mal traducido como "Este aquí" pero o resto da frase cambia de suxeito, marcada pola partícula an. A palabra amo non é apenas usada en Leyte Waray-Waray. En Samar, asya (este) emprégase coma artigo posesivo .
A pesar do debate en relación co verbo copulativo en waray-waray, hai estruturas gramaticais coma magin (ser), an magin/an magigin (será ou tornará), e an nagin (tornouse) do mesmo xeito que o galego fai uso dos verbos copulativos:
Makuri magin estudyante. ([É] difícil ser un estudante.)
Ako it magigin presidente! (Eu podo ser o presidente!)
Ako an nagin presidente. (Eu volvinme presidente.)
Canto á Sanghiran San Binisaya ha Samar ug Leyte (Academia da Lingua Visaya de Samar e Leyte), formulou e recomendou o emprego dunhas determinadas normas ortográficas, pero finalmente nunca chegaron a ser amplamente difundidas e por tanto non hai unha ortografía oficial xeralmente aceptada. En efecto, hai dúas formas de escribir a mesma palabra (polo xeral limitadas só a diferenzas nas vogais), tales coma:
O waray-waray é unha das dez linguas rexionais recoñecidas oficialmente en Filipinas, usada no goberno local e regulada pola Comisión da Lingua Filipina (en waray: Komisyon ha Yinaknan nga Filipino). É falada especialmente na rexión das Visayas Orientais, coma tamén nalgunhas partes de Mindanao, Masbate, Sorsogon e Manila, lugares onde teñen emigrado os waraies. Hai un número pequeno de filipinos fora do país, especialmente nos Estados Unidos, que falan esta lingua. O waray-waray é bastante usado na radio e na televisión. Un bo exemplo é a versión rexional do programa de noticias filipino TV Patrol para Visayas Orientais, da TV Patrol Tacloban, que transmite en waray-waray. Hai tamén unha canle rexional que emite os seus programas en waray-waray, o An Aton Channel operado polo DYVL. Con todo, é raro ver medios impresos nesta lingua xa que moitos dos xornais rexionais publícanse en lingua inglesa. O waray-waray tamén é usado nas celebracións da eucaristía ou en misas da Igrexa Católica na rexión. Tamén hai á venda Biblias publicadas nesta lingua.
Hoxe en día moitos falantes defenden o emprego do waray-waray.
A lingua waray ten dezaseis consoantes: /p, t, k, b, d, ɡ, m, n, ŋ, s, h, w, l, ɾ, j/. E tres vogais principais: a[a], i[ɛ ~ i], e u[o ~ ʊ]. [i ~ ɛ] e [ʊ ~ o].
Só se empregan os números do un ó dez en waray-waray. De once en diante, a pesar de existiren na lingua nativa, empréganse actualmente só os números en castelán.