A lei de Dollo ou lei de Dollo da irreversibilidade evolutiva ou principio de Dollo é unha hipótese proposta en 1893[1] polo paleontólogo belga nacido en Francia Louis Dollo, que di que a evolución non é reversible. A formulación desta hipótese tal como a fixo inicialmente Dollo era: "Un organismo non pode retornar, nin sequera parcialmente, a un estado previo polo que xa pasou na súa liña de antepasados."[2] Esta enunciación é a miúdo malinterpretada como unha hipótese menos esixente referida á posibilidade de recuperar estruturas ou órganos perdidos, que é improbable que reaparezan na "mesma forma" (definida con pouca precisión).[3][4] Segundo Richard Dawkins, esta lei é "realmente só unha afirmación sobre a improbabilidade estatística de seguir exactamente a mesma traxectoria evolutiva dúas veces (ou calquera traxectoria determinada), en calquera dirección."[5] Stephen Gould suxeriu que a irreversibilidade hipoteca certas vías evolutivas unha vez que emerxen as formas principais: "[Por exemplo], unha vez que se adopta o plan corporal ordinario dun réptil, centos de opcións quedan para sempre pechadas, e as posibilidades futuras deben desenvolverse dentro dos límites do deseño herdado."[6]
Nun estudo de 2009 sobre a evolución da estrutura das proteínas propúxose un novo mecanismo para a lei de Dollo. No estudo examinouse un receptor hormonal que evolucionara desde dunha proteína ancestral que podía ligarse a dúas hormonas pero que cambiou a unha nova proteína que era específica para unha soa hormona. Este cambio fora causado por dúas substitucións de aminoácidos, que impiden que se produza a unión da segunda hormona. Porén, ocorreron seguidamente outros cambios, que eran selectivamente neutros, xa que non afectaban á unión a hormonas. Cando os autores trataron de reverter a proteína ao seu estado ancestral facendo mutar os dous "residuos de unión", encontraron que os outros cambios producidos desestabilizaran o estado ancestral da proteína. Concluíron que para que evolucionase esta proteína revertendo ao estado anterior e recuperando a súa capacidade de unirse ás dúas hormonas, terían que producirse varias mutacións neutras independentes simplemente por azar e sen presión de selección. Como isto é extremadamente improbable, pode explicar por que a evolución tende a ir nunha soa dirección.[7]
Aínda que non está claro cal é o limiar exacto para a violación da lei de Dollo, hai varios estudos de casos cuxos resultados discuten a validez dalgunhas interpretacións. Por exemplo, moitos taxons de gasterópodos reduciron as súas cunchas, e algúns perderon o enrolamento en espiral.[8] Segundo a interpretación de S. J. Gould da lei de Dollo, non sería posible recuperar a cuncha enrolada en espiral despois de que se perdera o enrolamento. Non obstante, uns poucos xéneros da familia de caracois Calyptraeidae puideron ter cambiado o seu ritmo de desenvolvemento (heterocronía) e recuperado unha cuncha enrolada a partir dunha cuncha non espiralada de tipo patela.[8][9] Outras "excepcións" propostas inclúen as ás dos insectos pau,[10] os estadios larvarios de píntegas,[11][12] perda de dedas en lagartos,[13][14] de clavículas en dinosauros terópodos non aviarios,[15] do pescozo, a rexión pectoral, e de musculatura das extremidades superiores en primates, incluíndo na liñaxe que deu lugar aos humanos.[16]