Joseph Addison, nado en Milston, Wiltshire en 1672 e finado en Kensington en 1719, foi un escritor e político inglés.
Fillo do deán da catedral de Lichfield, xa en 1694 publica un libro sobre a vida de poetas ingleses e unha tradución das Xeórxicas de Virxilio. En 1699 comeza a se preparar para o servizo diplomático, para o que viaxa por toda Europa.
En 1705 o goberno Halifax noméao subsecretario de Estado, e en 1708 é elixido deputado por Malmesbury. Con Richard Steele funda The Spectator en 1711. Entre 1717 e 1718 foi Secretario de Estado.