Jerome Kern
Nacemento27 de xaneiro de 1885
Lugar de nacementoManhattan
Falecemento11 de novembro de 1945
Lugar de falecementoNova York
Causahemorraxia cerebral
SoterradoFerncliff Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterSteinhardt School of Culture, Education, and Human Development, Universidade de Heidelberg, New York College of Music e Barringer Academy of the Arts & Humanities
Ocupacióncompositor, compositor de cancións, compositor de bandas sonoras, coleccionismo de moedas e guionista
FillosBetty Kern
Coñecido porMake Believe
PremiosPrêmio Grammy ao Curador e Óscar á mellor canción orixinal
Na rede
IMDB: nm0006153 Allocine: 69610 Allmovie: p97239 IBDB: 6711
Musicbrainz: 8fb64b2e-db8b-4579-ad08-f324ef1bf494 Discogs: 166685 IMSLP: Category:Kern,_Jerome Allmusic: mn0000031646 WikiTree: Kern-1742 Find a Grave: 576 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Jerome David Kern, nado en Nova York o 27 de xaneiro de 1885 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1945, foi un compositor estadounidense. Escribiu máis de 700 cancións e máis de 100 partituras para programas e filmes nunha carreira que durou dende 1902 ata a súa morte.

Traxectoria

Kern era fillo de Henry Kern (1842–1908), un inmigrante xudeu alemán e Fannie Kern, de solteira Kakeles (1852–1907), que descendía de xudeus estadounidenses e de bohemios. Recibiu o nome de Jerome porque vivían preto do parque Jerome, o seu lugar favorito. O parque debe o seu nome a Leonard Jerome, avó de Winston Churchill.

Creceu en East 56th Street en Midtown Manhattan, onde asistiu a escolas públicas. Estudou en The New York College of Music e despois en Heidelberg (Alemaña). Cando regresou a Nova York, comezou a traballar como pianista, mais rapidamente se converteu nun recoñecido artista. Contra 1915 era representado en moitos espectáculos de Broadway. En 1920 escribiu "Look for the Silver Living" para o musical Sally.

En 1925 coñeceu a Oscar Hammerstein II con quen trabou unha amizade que durou toda a vida. O seu primeiro espectáculo, escrito por eles e Otto Harbach foi Sunny. Xuntos produciron a célebre obra Show Boat (1927) que incluía as cancións "Ol' Man River" e "Can't Help Lovin' Dat Man". O musical Roberta (1933) incluíu "Smoke Gets in Your Eyes" e "Yesterdays".

En 1933 mudouse a Hollywood e comezou a traballar en música para filmes mentres continuaba a traballar nos espectáculos de Broadway. O seu último traballo en Broadway foi Very Warm For May (1939), que non tivo tanto éxito mais que incluía outro clásico, "All The Things You Are".

A súa carreira no cinema tivo bastante éxito. Para Swing Time (con Ginger Rogers e Fred Astaire), compuxo "The Way You Look Tonight" con letra de Dorothy Fields, coa que gañou o Óscar á mellor canción. En 1941, el e Hammerstein escribiron "The Last Time I Saw Paris", unha homenaxe á cidade francesa ocupada polos alemáns. A canción apareceu no filme Lady Be Good e novamente gañou o Óscar.

Vida privada e morte

Kern e a súa dona, Eva, ían decotío de vacacións no seu iate Show Boat. El coleccionaba libros raros e gozaba das apostas aos cabalos.[1] Polo tempo da súa morte, a Metro-Goldwyn-Mayer estaba a filmar unha versión ficcionalizada da súa vida, Till the Clouds Roll By, que se estreou en 1946 con Robert Walker como Kern.[2] No filme, as cancións de Kern estaban cantadas por Judy Garland, Kathryn Grayson, June Allyson, Lena Horne, Dinah Shore, Frank Sinatra e Angela Lansbury entre outros, mentres que Gower Champion e Cyd Charisse aparecían como bailaríns.[3]

No outono de 1945, Kern volveu a Nova York para supervisar as audicións para unha nova estrea de Show Boat, e comezou a traballar na banda sonora do que foi o musical Annie Get Your Gun, que ía ser producido por Rodgers e Hammerstein. O 5 de novembro de 1945, aos 60 anos, sufriu unha hemorraxia cerebral mentres paseaba pola esquina de Park Avenue con 57th Street.[4] Identificado só pola súa tarxeta da ASCAP, foi levado inicialmente ao pavillón de indixentes do City Hospital, e logo ao Doctors Hospital de Manhattan. Hammerstein estaba a carón de Kern cando deixou de respirar. Hammerstein cantaruxoulle ao oído a canción "I've Told Ev'ry Little Star" de Music in the Air, unha das súas favoritas. Cando non recibiu resposta, Hammerstein deuse de conta de que Kern morrera.[5] Rodgers e Hammerstein asignaron logo a tarefa de escribir a banda sonora de Annie Get Your Gun ao veterano compositor Irving Berlin.[6]

Kern está enterrado en Ferncliff Cemetery en Westchester County, Nova York.[7] Foi sobrevivido pola súa dona e a súa filla, Betty Jane (1913–1996; casada con Artie Shaw en 1942 e despois con Jack Cummings).[8]

Notas

  1. Jerome Kern at the NNDB database, consultada o 17 de maio de 2010
  2. The Times, 7 de febreiro de 1947, p. 8
  3. "Till the Clouds Roll By", credits, Internet Archive, consultado o 4 de xuño de 2013
  4. Sleeve notes, Atlantic LP ALS 409 "George Byron Sings Jerome Kern", 1952
  5. Fordin, Hugh; Sondheim, Stephen (1995). Getting to Know Him: A Biography of Oscar Hammerstein II. Da Capo Press. p. 237. ISBN 0-306-80668-1. 
  6. Byrnside, Ronald e Andrew Lamb. "Kern, Jerome (David)". Grove Online, Oxford Music Online, consultado o 10 de maio de 2010 (require subscrición).
  7. Jerome Kern en Find a Grave (en inglés)
  8. "Jerome Kern Dies; Noted Composer, 60". The New York Times, 12 de novembro de 1945

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas