Jerome David Salinger, nado en Nova York o 1 de xaneiro de 1919 e finado o 27 de xaneiro de 2010[1], foi un escritor norteamericano.
De pai xudeu e nai católica irlandesa. Estudou na Academia Militar de Valley Forge, e posteriormente nas Universidades de Nova York e Columbia, mobilizado durante a segunda guerra mundial serviu na mariña, e entrou en combate coa 4ª División de Infantaría, a participación nalgunhas das campañas máis feroces da guerra afectoulle emocionalmente, contou as súas experiencias da guerra en moitos relatos como For Esmé with Love and Squalor.
Comezou a escribir relatos para revistas locais logo de licenciarse do exército en 1945, que foron ben recibidas. A Perfect Day for Bananafish (1949) é o relato máis popular desa época, tamén publicou dous episodios que posteriormente incluíra en The Catcher in the Rye: I'm Crazy e Slight Rebellion.
En 1951 publicou O vixía no centeo[2] (en inglés The Catcher in the Rye) a súa primeira e máis famosa novela, orixinalmente foi mal recibida pola crítica e non tivo éxito de vendas, pero máis tarde gañou a aceptación de pública e crítica. Moito da trama da novela ten carácter autobiográfico: presenta a un adolescente, Holden Caulfield, con episodios de paranoia, que escapa da academia onde estuda para volver a Nova York. A novela escrita cun estilo e linguaxe propio dos adolescentes converteuse nun clásico.
Posteriormente Salinger publicou as coleccións de relatos Nove contos[3] (en inglés Nine Stories) en 1953; Franny e Zooey, en 1961; e Erguede, carpinteiros, a viga do tellado e Seymour: unha introdución, que apareceron xuntos en 1963, estes últimos protagonizados pola disfuncional familia Glass.
Despois de conseguir fama e notoriedade con O vixía no centeo, Salinger converteuse nun eremita, apartándose do mundo e protexendo ao máximo a súa privacidade. Mudouse de Nova York a Cornish (Nova Hampshire), onde continuou escribindo historias que nunca publicou.