Hans Holbein o Novo foi un pintor e gravador alemán, nado en Augsburgo quizais en 1497 e morto en Londres o 29 de novembro de 1543.
Fillo segundo do pintor Hans Holbein o Vello (ca. 1465 - 1524), era irmán máis novo do tamén pintor Ambrosius Holbein (ca. 1493/94 - ca. 1519), xunto ao cal aprendeu no obradoiro paterno.
En 1515, a súa familia asentouse en Basilea, un dos núcleos do humanismo, onde se relacionou con Erasmo de Rotterdam. De 1516 a 1526, estivo a traballar para a alta burguesía de mercadores, e executa retratos, composicións de temas relixiosos, decoracións murais, cartóns par vitrais e máis gravuras. De aí que o Kunstmuseum da cidade (Museo de arte de Basilea) posúa a máis importante colección mundial de obras da familia Holbein. En tanto, influenciado por Matthias Grünewald, o seu estilo abriuse aos conceptos novidosos da Renacemento italiano.
En 1526, fuxindo da Reforma protestante, marchou para Londres, sendo recomendado por Erasmo a Thomas More. Esa época constituíu o apoxeo na súa carreira. Realizou daquelas un proxecto de arco de triunfo para celebrar a entrada de Anne Boleyn en Londres e pintou o famoso cadro Os embaixadores en 1533. Este cadro de Os Embaixadores posúe características especiais. Unha parte desta obra está realizada consonte o procedemento do anamorfismo[1]. Así, se a nosa mirada se coloca con relación á parte esquerda do cadro, vemos aparecer un cranio humano en medio dos dous personaxes. A presenza do cranio torna a obra nun "memento mori", unha "vanitas", que chama á humildade: o embaixadores retratados eran así convidados a lembrar que eran tan mortais como calquera.
No 1536, nomeado como pintor de cámara do rei Henrique VIII de Inglaterra, converteuse no retratista oficial da corte de Inglaterra. En 1543, en plena gloria, faleceu a causa de ter contraído a peste.
Foi un retratista que buscaba, por detrás das aparencias, as expresións significativas dos rostros. Tentou tamén de ás tradicións góticas as novas tendencias humanistas.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hans Holbein o Novo |