Google Play | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | |
Publicación inicial | 22 de outubro de 2008 |
Última versión | 20.9.10 (9 de xullo de 2020 ) |
Estado de desenvolvemento | Con soporte. |
Sistema operativo | Android. |
Plataforma/s | Android, Android TV, Wear OS, Chrome OS, Web. |
Lingua/s | Varias. Galego: |
Licenza | Propietaria. |
Sitio web | play |
Google Play (anteriormente Android Market) é unha plataforma de distribución dixital de aplicacións móbiles para os dispositivos con sistema operativo Android, así como unha tenda en liña desenvolvida e operada por Google. Esta plataforma permítelles aos usuarios navegar e descargar aplicacións (desenvolvidas mediante Android SDK), xogos, música, libros, revistas e películas. Tamén se poden adquirir[1] dispositivos móbiles como ordenadores Chromebook, teléfonos intelixentes Nexus, Google Chromecast, entre outros.
As aplicacións atópanse dispoñibles de balde, así como tamén previo pago. Poden ser descargadas directamente dende un dispositivo con Android a través da aplicación móbil Play Store. É posible así mesmo instalar as aplicacións directamente e sen necesidade dunha computadora, en dispositivos con sistema operativo BlackBerry 10.[2]
En marzo de 2012, coa fusión de Android Market con Google Music, o servizo foi renomeado como Google Play, como resultado da nova estratexia de distribución dixital de Google. En xullo do 2013, anunciouse que Google Play excedera o millón de aplicacións publicadas e que se contabilizaran máis de 50 mil millóns de descargas.
Os usuarios teñen a posibilidade de instalaren aplicacións a través do sitio web do desenvolvedor ou mediante tendas de distribución dixital alternativas. Estas poden ou ben ser actualizadas automaticamente se o usuario así o establece, ou ben manualmente unha a unha.
O 17 de marzo de 2009, arredor de 2 300 aplicacións estaban dispoñibles en Android Market, de acordo[3] co director técnico de T-Mobile Cole Brodman. O 10 de maio de 2011, durante Google I/O, Google anunciou que en Android Market figuran 200 000 aplicacións[4] e que foron instaladas 4 500 000 000 veces.
Ano | Mes | Aplicacións dispoñibles |
Descargas ata a data |
---|---|---|---|
2009 | Marzo | 2 300[3] | |
Decembro | 16 000[5] | ||
2010 | Marzo | 30 000[6] | |
Abril | 38 000[7] | ||
Agosto | 80 000[8][9] | 1 000 millóns | |
Outubro | 38 000[10] | ||
2011 | Maio | 200 000 | 4 500 millóns[11] |
Xullo | 250 000[12] | 6 000 millóns | |
Outubro | 319 000[13] | ||
Decembro | 380 297[14] | 10 000 millóns[15] | |
2012 | Xaneiro | 400 000[16] | |
Outubro | 675 000[17] | ||
2013 | Xaneiro | 800 000[18] | |
Xullo | 1 000 000[19] | 50 000 millóns[20] |
Play Libros[21] é unha aplicación móbil que permite ler libros electrónicos. Foi desenvolvida por Google en febreiro de 2011 e ofrece máis de catro millóns de títulos que poden ser adquiridos a través de Google Play. Os libros adquiridos son almacenados na nube, con acceso directo na aplicación ou a través da web. Os usuarios poden almacenar máis de 1 000 ficheiros sen custo, sempre que cada ficheiro non supere os 50 MB de espazo.
O 15 de maio de 2013 actualizouse Play Libros engadindo a posibilidade de que os usuarios poidan subir ficheiro en formato PDF e EPUB. Play Libros atópase actualmente dispoñible en 44 países[22].
Play Xogos é un servizo e aplicación desenvolvidos para Android, iOS e para web que engade a opción de multixogador en tempo real, logros, táboa de posicións e de gardar información na nube dos xogos que sexan compatibles co servizo. Foi presentado no Google I/O de 2013, e a aplicación foi lanzada o 24 de xullo dese mesmo ano no evento chamado "Breakfast with Sundar Pichai".
Google Play ofrece a posibilidade de subscribirse a revistas e diarios de noticias nalgúns países, entre os que están os Estados Unidos, Australia, o Canadá e o Reino Unido, isto a través das aplicacións Google Currents e Play Magazines. O 20 de novembro de 2013, Play Magazines e Google Currents fusionáronse dando lugar a Play Newsstand, aplicación que combina os servizos de ambas as aplicacións nun só produto.
Play Música é un servizo de almacenamento e sincronización de música na nube, así como tamén unha tenda musical en liña lanzada en 2011, tras anunciala oficialmente durante a conferencia de desenvolvedores Google I/O do 10 de maio de 2011. O servizo permite o almacenamento gratuíto de cancións propias ata un total de 50 000, que ao sincronizárense na nube serán accesibles desde calquera punto. Tamén permite escoitar música a través de streaming, servizo que se ofrece mediante subscrición.
O servizo é accesible vía navegador, cliente de escritorio e smartphones con Android, aínda que tamén se pode acceder[23] desde outros sistemas operativos móbiles sempre e cando soporten Adobe Flash.
Google creou Android Market o 28 de agosto de 2008 e púxoo á disposición dos usuarios o 22 de outubro de 2008. Introduciuse soporte para as aplicacións de pago o 13 de febreiro de 2009 para os desenvolvedores dos Estados Unidos e do Reino Unido, coa axuda adicional de 29 países o 30 de setembro de 2010.
O 6 de marzo de 2012, o servizo foi relanzado cunha nova aparencia, así como cun novo nome, chamándose agora Google Play e contando nese momento con máis de 450 000 aplicacións dispoñibles[24]. A partir dese momento, os aparatos que non pudieran actualizar Android Market a Google Play deixaron de acceder ás novas aplicacións.
Google Play, igual que o seu competidor App Store, ten un sistema de clasificación por idades, aínda que desde o 8 de xuño de 2015 as apps son clasificadas por sistemas de clasificación por idades de diferentes rexións e países, sempre e cando non colidan con normas como ESRB ou PEGI.
Tamén existe a clasificación que se lles dá ás apps exentas de clasificación, introducida en 2015.
Google Play ten un acceso fácil e rápido ás súas aplicacións. Estas son creadas por desenvolvedores de todo o mundo e posteriormente puntuadas polos usuarios de Android.
O menú ten as seguintes opciones:
As categorías de xogos e aplicacións do menú principal proporcionan submenús para que a busca sexa máis sinxela. Os usuarios teñen a posibilidade de valorar as aplicacións cunha escala de 1 a 5 estrelas; tamén ofrece a posibilidade de poñer comentarios sobre a aplicación. Os desenvolvedores que publiquen as súas aplicacións poden engadir capturas de pantalla e vídeos.
A gran novidade que achega Google Play atangue aos desenvolvedores: estes serán capaces de facer o seu contido dispoñible nun servizo aberto, o servizo de Google que ofrece unha retroalimentación e un sistema de cualificación similar a YouTube. Os desenvolvedores terán un contorno aberto e sen obstáculos para poñeren a disposición o seu contido; este pode subirse ao mercado en tres pasos: rexistrarse como comerciante, subir e describir o seu contido e publicalo. Para rexistrarse como desenvolvedor e subir aplicacións hai que pagar unha cota de rexistro (US$ 25,00) con tarxeta de crédito (mediante Google Checkout).
Os desenvolvedores das aplicacións de pago reciben un 70 % do prezo total da aplicación, mentres que o 30 % restante é destinado ás empresas. O beneficio obtido de Google Play págaselles aos desenvolvedores a través das súas contas no sistema Google Checkout.
Nun primeiro momento só os desenvolvedores nos Estados Unidos e o Reino Unido tiñan soporte para publicar aplicacións de pago. Actualmente Google aumentou esa lista con países como Austria, Francia, Alemaña, Italia, España e os Países Baixos. Polo contrario, a lista de países con dispoñibilidade de desenvolvedores que poden distribuír aplicacións gratuítas é: Australia, Austria, República Checa, República Dominicana, Francia, Alemaña, Italia, Países Baixos, Polonia, Singapur, España, Reino Unido, Estados Unidos e Venezuela.
As dúas principais plataformas de móbiles son App Store de Apple e Google Play de Google, pero tamén hai outras como Samsung Apps de Samsung, AppGallery de Huawei, Nokia Store de Nokia, Market Place de Toshiba App, App World[25] de Blackberry, Tenda Windows[26] de Microsoft, App Store de Amazon, Palm App Catalog e SlideME.
O desenvolvemento de aplicacións para o iPhone non está sendo de fácil acceso como consecuencia da política de admisión de aplicacións de Apple, que é moi restritiva. En cambio, Google Play non fai tantas excepcións coas aplicacións, aceptando todas, propias ou de desenvolvedores, grazas á súa ferramenta Android SDK.
Polo que se refire ao número de descargas, Google Play superou a App Store en número de descargas desde xuño de 2013 e en 2014 conseguiu superar en número de aplicacións ofrecidas desde Google Play a App Store, a tenda de Apple. En España, a evolución de Google Play parece ser mellor comparada co nivel mundial. Ademais, é posible instalar aplicacións directamente no dispositivo, e disponse do arquivo APK da aplicación.
Google reportou que no 2015 procedeu a escanear 6000 millóns de aplicacións cada día na busca de elementos potencialmente daniños (Potential Harmful Apps), detectando 0,15 % de aplicacións nesta categoría, as cales foron retiradas da tenda de aplicacións. A porcentaxe aumentou ao 0,5 % cando se incluíron aplicacións non instaladas a través de Google Play. Estas porcentaxes foron relativamente estables ao longo dos anos. Entre as súas políticas para promover a seguridade, Google incorporou a encriptación de discos e a oferta de recompensas a quen atope fallos na distribución das aplicacións[27]. Ademais, a constante actualización da propia aplicación de Play Store retira os posibles bugs e fallos xerados nos novos terminais; desta forma, está en constante cambio para mellorar a seguridade da propia plataforma[28].
Google Play podería estar patentado baixo a patente estadounidense 6857067. Os desenvolvedores que usan Google Play están sendo demandados[29].