Divindades gregas, correspondentes ás Furias romanas.
As Erinias, deusas encargadas de castigaren os crimes, especialmente os delitos de sangue, son tamén chamadas Euménides (Εὐμενίδες), que en grego significa « as bondadosas », eufemismo usado para evitar pronunciar o seu verdadeiro nome, por medo de atraeren sobre si a súa cólera. En Atenas, usábase como eufemismo a expresión Semnai Deai (σεμναὶ θεαί), ou « deusas venerables ». En Roma, as Erinias reciben o nome de Furias (Furiæ ou Diræ).
Nadas das pingas do sangue de Urano caído sobre Gaia cando o seu fillo, Cronos o castra, estas tres irmás encarnan a vinganza e habitan, segundo as versións, o Erebo ou o Tártaro, o inframundo, onde descansan ata que son de novo reclamadas na Terra. Os seus nomes son:
As Erinias son divindades ctónicas presentes dende as orixes do mundo, e a pesar de que teñen poder sobre os deuses, non estando sometidas nin tan sequera á autoridade de Zeus, viven á marxe do Olimpo polo rexeitamento natural que os deuses senten cara a elas (aínda que teñan que toleralas, moi ó seu pesar). Por outra banda, os homes téñenlles pánico e foxen delas. Esta marxinalidade e a súa necesidade de recoñecemento fan que, segundo conta Esquilo, as Erinias acaben aceptando o veredicto de Atenea, pasando mesmo por enriba da súa inesgotable sede de vinganza.
Posto que o castigo final dos crimes é un poder que non corresponde ós homes (por horribles que sexan), estas tres irmás encárganse de castigalos en vida do autor dos mesmos, perseguíndoo incansablemente ata volvelo tolo na terra e mesmo nos infernos no caso de que morrese, xa que o seu campo de acción non ten límites. As Erinias son convocadas pola maldición lanzada por alguén que clama vinganza. Son deusas xustas, pero implacables, e non se deixan abrandar por rezos nin rogos de ningún tipo. Non teñen conta das circunstancias atenuantes e castigan toda ofensa contra a sociedade e a natureza como por exemplo, o perxurio, a violación dos ritos de hospitalidade e, sobre todo, os crimes de homicidio ou contra a familia.
As Erinias son representadas comunmente como mulleres aladas de aspecto terrorífico, cuns ollos dos que mana o sangue, e cabeleiras de serpes, estando moitas veces acompañadas por moitos destes animais. Adoitan portar como atributos propios látegos e fachos.
Na Antigüidade, sacrificábanselles carneiros negros, así como libacións de nephalia (νηφάλια), ou augamel.
Existe en Arcadia un lugar no que se atopan dous santuarios consagrados ás Erinias. Nun deles, elas reciben o nome de Maniai (Μανίαι, as que volven tolo). Neste lugar, segundo a lenda relatada por Esquilo na súa traxedia As Euménides, perseguen a Orestes por primeira vez, vestidas de negro. Preto de alí, e segundo conta Pausanias, atópase outro santuario onde o seu culto asóciase ó das Cárites, « deusas do perdón ». Neste santuario purifican a Orestes, vestidas completamente de branco. Orestes, unha vez curado e perdoado, dedicará un sacrificio expiatorio ás Maniai.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Erinias ![]() |