Enheduanna | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | século XXIII a. C.xuliano |
Lugar de nacemento | Imperio acadio |
Falecemento | século XXIII a. C. |
Nacionalidade | Imperio acadio |
Ocupación | poeta, escritora e sacerdotisa |
Pai | Sargón de Acad |
Nai | Tashlultum |
Irmáns | Manishtushu, Ilaba'is-takal, Rimush e Shu-Enlil |
Coñecida por | The Exaltation of Inanna |
Na rede | |
![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Enheduanna (en Sumerio 𒂗𒃶𒌌𒀭𒈾)[1] tamén transliterado como Enheduana, En-hedu-ana e outras variantes,[2] que viviu no século XXIII a.C.,[3] é a poeta máis antiga da que se coñece o seu nome. Era unha alta sacerdotisa da deusa Inanna e da deusa lúa Nanna (Sin). Viviu na cidade-estado sumeria de Ur.[4]
As contribucións de Enheduanna á literatura sumeria inclúen varias oracións persoais a Inanna e unha colección de himnos coñecidos como "Himnos do templo sumerio". Algúns outros textos atribúenselle a ela.[5] Isto convértea na primeira persoa autora dun texto da cal se coñece o nome.[6]
Foi a primeira muller coñecida que levou o título de EN, papel de grande importancia política que habitualmente recibían fillas da nobreza.[7] Foi designada para o posto polo seu pai, o rei Sargón de Acad. A súa nai probablemente foi a raíña Tashlultum.[8][9] Enheduanna recibiu o título de Alta Sacerdotisa nun astuto movemento político de Sargón para axudar a asegurarse o poder no sur do seu reino, onde se situaba a cidade de Ur.[10]
Continuaba no seu cargo durante o reinado do seu irmán Rimush cando se viu involucrada nunha lea política, destituída e logo restablecida como alta sacerdotisa. A súa composición "Exaltación de Inanna" ou "nin me šara"[11] detalla a súa expulsión de Ur e posterior restablecemento.[10] Relaciónase con "A maldición de Acad",[12] en que Naram-Sin, baixo o que Enheduanna puido tamén servir, é maldecido e desterrado por Enlil. Trala súa morte, Enheduanna continuou a ser lembrada como unha figura imporante, chegando quizais a un status semidivino.[13]
En 1927, o arqueólogo británico Sir Leonard Woolley descubriu o disco de calcita de Enhuduanna nunhas escavacións da cidade sumeria de Ur.[14] A figura de Enheduanna aparecía nun lugar prominente do disco, dando énfase á súa importancia. Woolley tamén descubriu o complexo de templos en que se enterraban as sacerdotisas.[15] Woolley describiu a Enhuduanna nun resumo dunha páxina en "Excavations at Ur",[16] mais a súa importancia non foi recoñecida xeralmente ata que Adam Falkenstein publicou "Enhedu'anna, The Daughter of Sargon of Akkad", primeiro artigo académico sobre ela en 1958,[17] seguido pola publicación por Hallo e Van Dijk das primeiras traducións e discusións extensas sobre a obra de Enheduana en 1968.[18]
Enheduanna é moi coñecida polas fontes arqueolóxicas e literarias. Dous selos que levan o seu nome pertencentes aos seus serventes e que están datados no período sargónico, foron atopados no cemiterio real de Ur.[15][19] Ademais, un disco de alabastro co seu nome e retrato apareceu no palacio de Ur, residencia principal de Enheduanna. A imaxe foi atopada nos niveis Isin-Larsa (c. 2000–1800 a.C.) do giparu xunto cunha estatua da sacerdotisa Enannatumma.[20]
En Nippur, Ur e posiblemente Lagash fixéronse e conserváronse copias das obras de Enheduanna, centos de anos despois da súa morte. Tamén se conservaron inscricións reais que indican que eran de gran valor, quizais iguais que as inscricións dos reis.[21]
Enheduanna compuxo 42 himnos dirixidos aos templos ao longo de Sumeria e Acad, incluíndo Eridu, Sippar e Esnunna.[22] Os textos foron reconstruídos de 37 táboas de Ur e Nippur, a maioría delas datadas nos períodos Ur III e babilonio antigo.[23] Esta colección coñécese xeralmente como "Os himnos do templo sumerio". Os himnos son a primeira colección do seu tipo. Neles Enheduanna afirma:
Meu rei, algo foi creado que non se creara antes.[24]
A copia dos himnos indican que foron usados tempo despois da morte de Enheduanna e continuaron en grande estima.
A súa outra obra célebre é "Exaltación de Inanna"[18] ou "Nin-Me-Sar-Ra",[25] que é unha oración persoal á deusa Inanna e tamén detalla a expulsión de Enheduanna de Ur. Os poemas de Enheduanna desempeñan un papel na consolidación do sincretismo entre Inanna e a deusa acadia Ishtar.[26]
A autoría de Enheduanna forma parte da literatura feminina da antiga Mesopotamia, xa que se sabe que, ademais dela, esposas reais encargaron poesías ou quizais compuxéronas,[27] e a deusa Nindaba facía de escriba; como indica Leick "ata certo grao, os epítetos que describen as deusas mesopotámicas revelan a percepción cultural das mulleres e o seu papel na sociedade antiga".[28]
A maioría das obras de Enheduanna están dispoñibles traducidas no corpus de textos electrónicos da literatura sumeria.[29]
Enheduanna encabeza unha larga lista de científicas e astrónomas que deixaron a súa impronta nos inicios das ciencias. Tanto a Astronomía como as Matemáticas teñen as súas raíces en Sumeria. Como Alta Sacerdotisa, a Enheduanna correspondíalle a dirección dos templos, que eran estruturas complexas: dirixían todas as actividades esenciais da vida, incluídos o comercio, a agricultura, a artesanía... pero tamén eran os centros do saber. Tiñan unha rede de información entre os observatorios, que había en cada un dos templos, que lles permitiron establecer os movementos dos planetas e as estrelas, creando os primeiros mapas celestes.[30] Algúns dos calendarios que crearon aínda se usan hoxe para certos eventos relixiosos como a Pascua.[31]
Un dos seus poemas describe o seu traballo:
A verdadeira muller que posúe unha sabedoría superior.
Consulta unha tableta de lapislázuli.
Dá consellos a todas as terras ...
Mide os ceos,
coloca os cables de medición na terra.
Este é un traballo científico. O lapislázuli era raro, polo que se usaría para facer algo de grande importancia. Medir os ceos é dedicarse á astronomía. Medir a terra é tanto función da topografía como da astronomía.[32]
Os estudos sobre Enheduanna limitáronse aos estudosos do próximo oriente ata 1976, cando a antropóloga estadounidense Marta Weigle asistiu a unha conferencia de Cyrus H. Gordon e foi informada dela. Weige presentou a Enheduanna a un público de estudosas feministas co seu artigo introdutorio sobre o tema en Frontiers: A Journal of Women Studies. Titulado "Women as Verbal Artists: Reclaiming the Sisters of Enheduanna", refírese a ela como "primeira autora coñecida na literatura (escrita) mundial".[33] En 1980, Aliki e Willis Barnstone publicaron unha tradución de "Ninmessara" nunha forma máis accesible[34] na súa antoloxía A Book of Women Poets from Antiquity to Now.[35]
En 1983, Diane Wolkstein e Samuel Noah Kramer incluíu traducións ao inglés de varios poemas de Enheduanna no seu libro Inanna: Queen of Heaven and Earth, recompilación de antigos poemas sumerios sobre a deusa Inanna.[36] A adaptación de Wolkstein converteuse na base doutras publicacións, incluíndo Queen of Swords, de Judy Grah (1987), The Descent of Alette, de Alice Notley (1996), e Among the Goddesses, de Annie Finch (2010). A analista jungiana Betty De Shong Meador traduciu en 2001 obras de Enheduanna e escribiu dous libros sobre a materia: Inanna: Lady of Largest Heart[37] e Princess, Priestess, Poet: The Sumerian Temple Hymns of Enheduanna.[38] A escritora de Minnesota Cass Dalglish publicou "unha adaptación poética contemporánea" de Nin-me-sar-ra en 2008.[39]
Sendo non só a poeta máis antiga coñecida na historia, senón tamén unha das primeiras mulleres coñecidas, Enheduanna recibiu grande atención no feminismo. Para celebrar o Día Internacional da Muller en 2014, o Consello Británico hospedou un evento para o Niniti International Literature Festival de Erbil, Iraq, en que "a escritora e anterior participante de NINITI Rachel Holmes [ofreceu] unha charla TED volvendo a vista a 5000 anos de feminismo, dende a importante poeta sumeria Enheduanna, ás escritoras contemporáneas que asistiron ao festival".[40] En 2017, a profesora de historia antiga do próximo oriente en Londres e Oxford Eleanor Robson describiu a Enheduanna como "unha figura ilusionante... unha imaxe marabillosamente atractiva".[41]
Enheduanna é o tema do capítulo "The Immortals" da serie de televisión sobre ciencia Cosmos: A Spacetime Odyssey, onde Christiane Amanpour lle puxo voz.
En 2015, a Unión Astronómica Internacional deu o seu nome a un cráter de Mercurio.[42]
Interview of Eleanor Robson by Writer and poet Bridget Minamore