A endocitose mediada por receptor ou endocitose dependente de clatrina, é un proceso polo cal as células introducen moléculas dentro da célula invaxinando a membrana e formando unha vesícula (endocitose) utilizando un receptor de membrana específico para a molécula que vai ser introducida. Utilízase, por exemplo, na absorción do colesterol.
A célula sintetiza un receptor de membrana específico para a substancia (ligando) que se endocitará, a substancia únese a ese receptor; isto desencadea a invaxinación da membrana nesa zona, formándose unha vesícula que leva no seu interior a substancia unida ao receptor. As vesículas que se forman están cubertas de clatrina. Estas vesículas revestidas de clatrina despois perden o seu recubrimento (o que é imprescindible para que a vesícula se una a outras membranas da célula) e posteriormente a vesícula fusiónase cun endosoma temperá. Despois o contido do endosoma debe ser procesado, para que a substancia introducida se libere na célula e o receptor poida ser reciclado e reintegrado na membrana para a súa reutilización. Se o receptor non é reciclado o sistema satúrase e declina a internalización da substancia, por falta de receptor.
O colesterol é insoluble no sangue polo que viaxa no interior das lipoproteínas LDL (principalmente) en forma de ésteres de colesterol. Cando a célula require colesterol en grandes cantidades, ademais de sintetizalo na célula, cáptao do sangue por medio do mecanismo da endocitose mediada por receptor. Para iso a célula sintetiza un receptor específico para a LDL e insíreo na membrana en zonas chamadas depresións revestidas, que teñen por debaixo un recubrimento de clatrina. A LDL únese ao receptor e fórmase alí unha invaxinación da membrana que orixina unha vesícula revestida de clatrina. A vesícula leva no seu interior a LDL co colesterol. A vesícula perde axiña o seu revestimento de clatrina e fusiónase con outras vesículas formando un endosoma, que á súa vez se fusiona con lisosomas. Os encimas lisosómicos dixerirán a LDL, liberando o colesterol, que pasa ao citosol, e o receptor de LDL que levaba a vesícula diríxese de novo á membrana para ser reutilizado. En caso de que a célula teña xa demasiado colesterol detén a síntese interna deste pero tamén detén a síntese do receptor de LDL, para que non se incorpore máis colesterol externo.[1]
Certas persoas teñen xenes defectuosos, que non producen correctamente o receptor de LDL, polo que as células non poden captar colesterol e este acumúlase no sangue, predispoñéndoos á arteriosclerose. O receptor defectuoso ou ben non pode unirse á LDL ou ben non pode unirse ás depresións revestidas da membrana (polo que o receptor se une á membrana pero non pode ser introducido).[1]
As funcións da endocitose mediada por receptor son varias. Utilízase moito para a captación específica de certas substancias que a célula require (por exemplo LDL por medio do receptor de LDL ou ferro por medio da transferrina). O seu papel é tamén importante na regulación da transdución de sinais. O receptor activado é internalizado e transportado a endosomas tardíos e lisosomas para a súa degradación. Porén, a endocitose mediada por receptor está implicada activamente tamén na transdución de sinais desde a periferia da célula ao núcleo celular. Isto fíxose evidente cando se atopou que se requiría a asociación e formación de complexos de sinalización específicos para unha sinalización efectiva por hormonas (por exemplo, o EGF). Ademais, propúxose que podería ser necesario o transporte directo de complexos de sinalización activos ao núcleo para permitir a sinalización, xa que a difusión aleatoria é demasiado lenta,[2] e os mecanismos que permanentemente regulan á baixa os sinais entrantes son fortes dabondo como para cortaren completamente a sinalización se non están funcionando mecanismos de transdución de sinais adicionais.[3]
Utilizando marcadores fluorescentes para tinguir a membrana plasmática, é posible seguir por microscopía a internalización de fragmentos de membrana plasmática.
Se a célula diana ten algún receptor de pinocitose específico, poden unirse a el drogas específicas, que serán internalizadas. O propio ligando do receptor pode levar unida unha molécula desexada.