Un elemento iniciador (Inr), ás veces chamado motivo iniciador, é unha secuencia de nucleótidos que funciona como núcleo dun promotor (core promoter) de xenes, que actúa de forma similar á caixa de Pribnow (dos procariotas) ou á caixa TATA (dos eucariotas). Presenta a secuencia consenso YYANWYY.[1][2] De xeito similar á caixa TATA, o elemento iniciador facilita a unión de factores de transcrición como o factor de transcrición II D (TBP).[2] O elemento iniciador (Inr) é o único elemento nos xenes codificantes de proteínas animais que é un análogo funcional da caixa TATA no sentido que é suficiente para dirixir unha axeitada iniciación da transcrición en xenes que carecen de caixa TATA.[3]