Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | Bar-le-Duc | |||
Datos históricos | ||||
Creación | 1033 | |||
Disolución | 1766 | |||
O Condado de Bar e, desde 1354, o Ducado de Bar, foi un dos estados integrantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, que existiu entre 959 (antes de ser Condado) e 1766. Comprendía o Pays de Barrois (Lorena) en torno á cidade de Bar-le-Duc.
Desde 1480 estivo unido ao ducado da Lorena imperial.
En 1634 pasó a ser un dominio real francés.
Tanto o Bar imperial como a Lorena foron cedidos a Francia en 1738. Coa morte do último duque, Estanislau Leszczynski, en 1766, o Ducado incorporouse definitivamente ao Reino de Francia.
O Condado de Bar orixinouse na fortaleza fronteiriza de Bar (do latín barra, "barreira"), que o duque Frederico I da Lorena Superior erixiu nas beiras do río Ornain contra o ano 960.[1]
Esta fortaleza foi orixinalmente dirixida polos condes de Champaña.
En 1301 parte do territorio chamado daquela o Barrois mouvant, converteuse nun feudo do Reino de Francia, mentres que o chamado Barrois non-mouvant permaneceu como parte do Sacro Imperio.
Á morte do conde Francisco III da Alta Lotarinxia, en 1033, estas terras pasaron á súa irmá Sofía que foi a primeira persoa que usou o título condal, chamándose a si mesma "Condesa de Bar".
Os descendentes de Sofía, da Casa de Montbéliard, ampliaron Bar "mediante a usurpación, a conquista, a compra ou o matrimonio", transformándoo nun estado autónomo de facto a cabalo entre Francia e Alemaña. A súa poboación era francófona e culturalmente francesa, e os condes implicáronse na política do Reino de Francia.[1]
O conde Rexinaldo II (falecido en 1170) casou con Inés, unha irmá da raíña de Francia, Adela. Seu fillo, Henrique I, faleceu na Terceira Cruzada, en 1190.[1]
Desde 1214 até 1291 o Condado de Bar foi gobernado por Henrique II e Teobaldo II, quen asegurou a fronteira occidental con Champaña entregando feudos a nobres franceses e comprando o seu homenaxe.[1]
En 1297 o rei Filipe IV de Francia invadiu o Barrois porque o conde Henrique III axudara ao seu sogro, Eduardo I de Inglaterra, cando este último interveu contra Francia na Guerra franco-flamenga. [1]
Polo tratado de Bruxas de 1301 que puxo fin a esta guerra, Henrique viuse obrigado a recoñecer todo o territorio do seu condado ao oeste do río Mosa como un feudo de Francia.[1] [2]
Aquí é onde está a orixe do Barrois mouvant: dun territorio que se converteu nun feudo dise que se "moveu" e entrou en mouvance da súa soberanía. Estaba sometido ao Parlamento de París. O tratado de Bruxas non implicou, porén, ningunha expansión do territorio francés, porque o territorio ao oeste do Mosa era francés desde o tratado de Verdún de 843, pero en 1301 converteuse nun feudo directo da Coroa.[3]
En 1354 o conde de Bar Roberto I tomou o título ducal e, en adiante foi recoñecido como un par de Francia.[1] Père Anselme (falecido en 1694) cría que o conde Roberto fora convertido en duque polo rei Xoán II de Francia preparando o matrimonio da filla de Xoán, María.[2] Pero os gobernantes de Bar non foron nomeados duques polo emperador. O único título que recibiu o conde Roberto por outorgamento imperial en 1354 foi o de margrave de Pont-à-Mousson.[5] Este margraviado foi frecuentemente entregado polos duques de Bar aos seus herdeiros. Nese mesmo ano o emperador elevou o Condado de Luxemburgo a Ducado, e Bar quedou entre dous ducados, Luxemburgo e Lorena Superior.[6] O título ducal foi, porén, finalmente aceptado, e o rexistro fiscal imperial de 1532 documenta o "Ducado do Mosa" (Herzogtum von der Maß) como un membro votante do Reichstag.
En 1430 faleceu o último duque da liña masculina da casa gobernante, Luís.[6] Bar pasou ao seu sobriño-neto, Renato I, que estaba casado con Isabel de Lorena. En 1431 a parella herdou a Lorena. Á morte de Renato en 1480, Bar pasou á súa filla Iolanda e ao seu fillo, Renato II, que xa era duque de Lorena. En 1482 conquistou o prévôté de Virton, unha parte do Ducado de Luxemburgo, anexionándoo a Bar.[7]
En 1484 Pedro II de Borbón, rexente do rei Carlos VIII de Francia, instalou formalmente a Renato II no Ducado de Bar.[7] No seu último testamento, publicado en 1506, Renato decretou que os dous ducados nunca se separaran.[4] E os dous ducados quedaron unidos permanentemente nunha unión persoal.
O 2 de outubro de 1735, na versión preliminar do tratado de Viena acordose entregar Bar ao deposto rei de Polonia, Estanislau Leszczynski, de forma inmediata. Porén, tivo que esperar até a morte do gran duque Xoán Gastón de Médici o 9 de xullo de 1737 para recibir Lorena. En 1738, despois do tratado de Viena definitivo, entregou os ingresos de Bar e Lorena á Coroa francesa a cambio dunha xenerosa pensión, que usou para financiar proxectos de construción nos ducados.[8] Á súa morte, o 23 de febreiro de 1766, os dous ducados pasaron ao dominio real de Francia.
As datas indicadas refírense ao período de reinado. Todos os gobernantes anteriores a Sofía gobernaron Bar, pero non usaron o título "Conde de Bar".
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ducado de Bar |