Nome orixinal | (pt-br) Antônio Drauzio Varella |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 3 de maio de 1943 (81 anos) São Paulo, Brasil |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Brasil |
Educación | Universidade de São Paulo |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , oncólogo , escritor , divulgador científico |
Interesado en | Escepticismo científico |
Lingua | Lingua portuguesa |
Premios
| |
Antônio Drauzio Varella, tamén escrito Antônio Dráuzio Varella, e ás veces por confusión Áuzio Varella (de Dráuzio > Dr.Áuzio) [1], nado en São Paulo o 3 de maio de 1943, é un oncólogo, científico e escritor brasileiro de orixe galega (o seu avó era de Riós, Ourense).[2] Graduado na Universidade de São Paulo (USP), na que foi aprobado en 2º lugar, é coñecido por popularizar a información médica no Brasil, a través de aparicións en programas de radio, TV e Internet, cun sitio web e unha canle de YouTube. Tamén foi un dos fundadores da Universidade Paulista e da Rede Objetivo, onde impartiu clases de Física e Química durante moitos anos.[3] Varella tamén é un crítico da medicina alternativa.[4]
Drauzio estudou medicina na Facultade de Medicina da Universidade de São Paulo. A principios dos anos 70, xa como médico, comezou a traballar co profesor Vicente Amato Neto na área de doenzas infecciosas no Hospital do Servidor Público de São Paulo. Durante 20 anos dirixiu tamén o servizo de inmunoloxía do Hospital do Câncer (São Paulo) e, de 1990 a 1992, o servizo de cancro do Hospital do Ipiranga. Foi profesor en varias facultades do Brasil e en institucións doutros países, como o Memorial Hospital de Nova York, a Cleveland Clinic (tamén nos Estados Unidos), o Karolinska Institute de Estocolmo, a Universidade de Hiroshima e o National Cancer Institute de Toquio.[3]
Ademais do cancro, Varella tamén foi un dos pioneiros no Brasil no estudo da SIDA, especialmente do sarcoma de Kaposi.[5] En 1989, comezou a traballar no cárcere de Carandiru investigando a prevalencia do virus VIH nos presos. Até 2002, ano no que se desactivou o cárcere, traballou alí como médico voluntario. Varella mesmo chegou a concibir unha banda deseñada, O Vira-Lata, dentro do plan de prevención da Sida na cadea.[6]
Actualmente, apoiado pola Universidade Paulista e a Fundação de Amparo à Pesquisa do Estado de São Paulo (FAPESP), dirixe un proxecto de bioprospección de plantas brasileiras en Río Negro, buscando obter extractos para probar experimentalmente na loita contra o cancro e os antibióticos e bacterias resistentes.[7] [8] [9]
En 1986, baixo a dirección do locutor de radio Fernando Vieira de Mello iniciou campañas radiofónicas co obxectivo de informar á poboación sobre a SIDA e os métodos de prevención.[5] Con este proxecto, Varella traballou en Jovem Pan 2 FM e despois no 89 FM en São Paulo Tamén presentou por uns anos, a diario na Rádio Bandeirantes de São Paulo, o "Espaço Saúde", no que describe as doenzas, os seus síntomas e as formas de prevención.[10] Na televisión, o seu traballo máis coñecido é en Rede Globo, onde presenta varios cadros clínicos no programa Fantástico, falando sobre o corpo humano, o tabaquismo, os primeiros auxilios, o embarazo, a obesidade ou o transplante de órganos. Ademais de Rede Globo, tamén traballa noutras emisoras, como Canal Universitário e TV Senado, nas que entrevista a especialistas e trata temas de saúde en varios ámbitos. En Internet, Drauzio ten un grande éxito coa súa canle de YouTube, que abarca temas de actualidade tanto no ámbito sanitario como social.[11]
En agosto de 2021 estreouse no Brasil o documental Incarcerados, que é un complemento do Dr. Drauzio Varella.[12]
A TVG dedicoulle un capítulo do programa "Facendo as Américas" no verán de 2022.[13]
Ademais de campañas de prevención, Drauzio Varella tamén é escritor de ficción e non ficción. Lanzado en 1999, o libro Estação Carandiru, que conta o seu traballo cos presos de Carandiru, converteuse nun éxito de vendas e recibiu o Premio Jabuti na categoría de "non ficción" na edición de 2000.[14] En 2003, a obra gañou as pantallas cinematográficas nunha película do director Héctor Babenco, con Rodrigo Santoro como protagonista. O seu outro libro, Nas Ruas do Brás, foi premiado na Feira Internacional do Libro de Boloña, en Italia e tamén na Bienal do Livro de Rio de Janeiro, en 2001, na categoría "revelação de autor de literatura infantil". Florestas do Rio Negro foi nomeada ao Prêmio Jabuti en 2002.[15] En 2012 publicou o libro Carcereiros, que conta as súas historias traballando como médico voluntario no Carandiru.[16] En 2015, publicou Correr - o exercício, a cidade e o desafio da maratona, tamén na Companhia das Letras, achega información médica e a súa experiencia en maratóns, despois de que decidiu comezar a adestrar para o Maratón de Nova York. Drauzio leva máis de 20 anos practicando este deporte, e aínda que non o considera un pracer, asegura que a actividade é unha necesidade para manter a súa saúde.[17]
En 2017 publicou o libro Prisioneiras, publicado pola Companhia das Letras, que conta as súas historias e conclusións traballando como facultativo voluntario no Centro Penitenciario de Mulleres da Capital, en São Paulo.[18] [19]
Ano | Premio | Categoría | Indicación | Resultado | Ref. |
---|---|---|---|---|---|
2020 | Premios MTV Millennial Brasil | Falou Tudo | Nomeado | Nomeamento | [20] |
imagina Juntos | Drauzio Varella e Atila Iamarino | [20] |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Drauzio Varella |