Dolors Bassa i Coll, nada en Torroella de Montgrí (Provincia de Xirona) o 2 de febreiro de 1959, é unha mestra, psicopedagoga, sindicalista e política catalá vinculada a movementos independentistas. Dende o 14 de xaneiro de 2016 até o 28 de outubro de 2017 foi a Conselleira de Traballo, Asuntos Sociais e Familia do Goberno de Cataluña. Foi Secretaria Xeral nas comarcas xerundenses de UXT (2008-2015) e concelleira no Concello de Torroella de Montgrí por Esquerra Republicana de Catalunya. En 2015 foi elixida deputada no Parlamento de Cataluña na XI Lexislatura na lista de Junts pel Sí de Xirona. Volveu ser elixida deputada na XII Lexislatura tras presentarse ás Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2017 onde ía como número 1 da circunscrición de Xirona pola coalición electoral Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí.[1]
En outubro de 2019, no xuízo ó proceso independentista foi condenadas polo Tribunal Supremo de España a 12 anos de prisión e inhabilitación polos delitos de sedición e malversación.[2]
Diplomada en maxisterio (1979) e licenciada en psicopedagoxía (2007), empezou a traballar como profesora en 1980 en Palafrugell até 1984 onde traballou no centro educativo Sant Gabriel de Torroella de Montgrí até 2003 onde foi profesora e titora de ciclo medio e superior. De 2001 a 2013 foi membro do Consello Social da Universidade de Xirona.[3]
Tamén formou parte de asociacións en defensa da igualdade como Xibeques del Cau, de Torroella de Montgrí e o Col.lectiu per la Igualtat.[4]
Está vinculada ó sindicato UXT dende o ano 2000, onde asumiu diferentes responsabilidades. Dende 2005 foi responsable das secretarías de Igualdade e Política Social e máis tarde fíxose cargo da secretaría de Emprego. En 2008 substituíu a Camil Ros na Secretaría Xeral das comarcas xerundenses de UXT. Renunciou ó cargo en 2015 cando foi elixida por ERC para a lista de Xirona de Junts pel Sí.[3]
Entrou en política local no Concello de Torroella de Montgrí da man de Esquerra Republicana de Catalunya entre 2007 e 2011 foi concelleira de dinamización económica e tenente de alcalde (2007-2011), de 2011 a 2015 foi concelleira na oposición.
Nas eleccións ao Parlamento de Cataluña do 27 de setembro de 2015 ocupou o sexto posto da lista de Junts pel Sí pola circunscrición de Xirona e foi elixida deputada.[5][6]
Desde o 7 de setembro de 2017 atópase investigada pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia ó Tribunal Constitucional e malversación de caudais públicos, tras asinar o Decreto autonómico para convocar un referendo de autodeterminación, xunto cos demais membros do Goberno autonómico. O 8 de setembro, a Fiscalía esixía fianza para garantir os gastos que poida causar ó erario público, que cifra en 6,2 millóns de euros.[7][8][9]
O 2 de novembro de 2017 a xuíz Carmen Lamela ordenou o seu encarceramento provisional e ingreso na prisión de Alcalá Meco sen fianza pola imputación de tres delitos, sedición, rebelión e malversación, que efectúa o Ministerio Fiscal. O 4 de decembro saíu temporalmente en liberdade baixo fianza despois de que a súa causa pasase ó Tribunal Supremo.[10]
Nas eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2017 encabezou a candidatura por Esquerra Republicana de Catalunya - Cataluña Sí na circunscrición de Xirona, onde foi elixida deputada. O día 22 de marzo de 2018, unha vez rematada a votación errada para a investidura de Jordi Turull como presidente da Generalitat de Cataluña, renunciou, xunto con Carme Forcadell e Marta Rovira, á acta de deputada.[11]
Un día despois, o 23 de marzo de 2018, o maxistrado do Tribunal Supremo de España Pablo Llarena ordenou o seu ingreso de novo en prisión, así como o de Jordi Turull, Carme Forcadell, Raül Romeva e Josep Rull. Llarena argumentou prisión provisional incondicional sen fianza para os cinco tras considerar que había risco de fuga e de reiteración dos delitos polos que foron procesados. Tamén emitiu ordes de detención europea e internacional para case todos os fuxidos.
Á súa vez, Marta Rovira non se presentou e fuxiu a Suíza para evadirse da Xustiza española. Bassa foi ingresada en Alcalá-Meco.[12][13]
O 4 de xullo de 2018 foi trasladada ao Centro Penal Puig de lles Basses, en Figueres. Dende entón, o centro converteuse nun punto de concentración e denuncia por parte das entidades independentistas da zona. Promovéronse ceas colectivas e varias concentracións de apoio nas portas do centro. O 1 de febreiro de 2019 foi trasladada de novo a Alcalá-Meco nun autocar da Garda Civil, para facer fronte ó xuízo que comezou o 12 de febreiro,[14] e que acabou o 14 de outubro de 2019 cunha sentenza de 12 anos de prisión e inhabilitación por sedición e malversación.[2]