Cristino Gómez González, nado en Tui o 23 de agosto de 1905 e finado en Madrid o 11 de xaneiro de 1989, foi un escultor galego, coñecido artisticamente como Cristino Mallo.
Naceu no seo dunha familia de artistas. Usou como nome artístico o segundo apelido do seu pai, Justo Gómez Mallo, ao igual cá súa irmá máis vella, a pintora Maruxa Mallo[1].
En 1923 foi a Madrid a estudar na Academia de Belas Artes de San Fernando, con José Capuz e Mateo Inurria. Acudiu, xunto coa súa irmá, que tamén estudaba na Academia, ás charlas da Granja del Henar, onde entrou en contacto con Rafael Alberti, Federico García Lorca e Ramón María del Valle Inclán. Durante a Ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República frecuentou outras charlas artísticas e colaborou con prestixiosos intelectuais doutros ámbitos, realizando maquetas para os arquitectos Luis Lacasa Navarro, Manuel Sánchez Arcas e Agustín Aguirre (Xeración do 25) e figuras para a obra de Federico García Lorca Títeres de cachiporra, por encargo de María Teresa León.
En 1931 estivo entre os asinantes do manifesto da Agrupación Gremial de Artistas Plásticos (-AGAP-). En 1933 gañou o Premio Nacional de Escultura coa obra Desnudo con pez. En 1935 obtivo praza de profesor na Escola de Artes e Oficios de Salamanca[2]. Durante a Guerra Civil Española implicouse no bando republicano, participando na Alianza de Intelectuais Antifascistas, para a que realiza carteis, e na revista El Mono Azul.
Terminada a guerra, mentres a súa irmá marchaba exiliada, el permaneceu en España no coñecido como "exilio interior", incluíndo unha estancia no cárcere[3]. Relacionouse cos artistas que renovaron a estética da posguerra (a denominada Escola de Madrid). Frecuentaba a charla do Café Gijón e acadou sona no ambiente artístico, participando no quinto Salón dos Once (1947) e expoñendo na galería Theo.
En 1954 volveu obter o Premio Nacional de Escultura con Muchacha caminando. En 1973 foi elixido Académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, e en 1983 concedéuselle a Medalla de Ouro das Belas Artes.
Estilisticamente está relacionado co mediterraneísmo propio do novecentismo (influencia de Aristide Maillol, Manolo Hugué, das teorías estéticas de Eugenio D'Ors e de escultores italianos como Marino Marini ou Giacomo Manzù), incorporando algunhas das innovacións formais da escultura abstracta.
Realizou a súa obra en boa parte en formatos reducidos[4], se ben tamén realizou escultura de grandes dimensións para monumentos urbanos (Monumento a Eugenio D'Ors, Fuente de los Delfines -ambos os dous en Madrid-).
Trala súa morte, a súa familia depositou gran parte do seu legado na Fundación Eduardo Capa[5][6].
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cristino Mallo |