Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo.
Corme Porto
Cabo Roncudo
ConcelloPonteceso[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°15′54″N 8°57′46″O / 43.265, -8.9629Coordenadas: 43°15′54″N 8°57′46″O / 43.265, -8.9629
Poboación1.077 hab. (2018)
Entidades de poboación7[1]
editar datos en Wikidata ]

Nosa Señora dos Remedios de Corme Porto[1] é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés de Ponteceso na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2018 tiña 1.077 habitantes (588 homes e 509 mulleres) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.434 habitantes.

Historia

[editar | editar a fonte]

Na zona hai varios petróglifos, así como un poboado castrexo, o castro da Illa da Estrela.

O topónimo de Corme aparece nun documento do Mosteiro de Caaveiro datado en 1105. Posteriormente aparecerá noutros documentos como no Mapamundi de Gresques de 1375 ou de forma destacada na Cosmographia de Sebastián Münster de Basilea no ano 1544.

A actividade pesqueira de Corme prosperou, aumentando a poboación de Corme Porto[1] en detrimento da parroquia orixinal de Corme Aldea. Esta actividade pesqueira trouxo a prosperidade a Corme a principios do século XX. Nestes anos atópanse a pleno rendemento oito fábricas de conservas, unha cetaria de lagostas, numerosos mercantes, tarrafas e outras embarcacións menores. Corme convértese no primeiro porto de España de exportación de madeira e a poboación de Corme Porto[1] pasou a ser de 2.978 habitantes segundo o censo de 1920. Posteriormente, coa chegada da guerra civil española e a posguerra, e coa escaseza de especies como a sardiña, virá unha crise da industria pesqueira e do crecemento da mesma vila.

Desde a década de 1990 Corme vivirá un novo empuxón coa explotación racional e sostible do percebe, que ten o seu punto álxido coa celebración desde 1992 da festa do percebe do Roncudo e coa instalación de bateas na ría para o cultivo do mexillón. Tamén contribúe a este desenvolvemento a ampliación e actualización das estruturas do peirao pesqueiro e o paseo marítimo á praia do Osmo (2004) e a actual mellora nas estradas que van cara a Ponteceso. Este desenvolvemento só se viu parcialmente paralizado polo tráxico afundimento do Prestige en novembro de 2002 e a conseguinte marea negra que se produciu.

A finais de agosto de 2006 retomouse a vella idea da segregación do concello de Ponteceso, apoiada pola maioría das asociacións veciñais, culturais e deportivas, así como por preto da totalidade da poboación[Cómpre referencia].

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

Desde Carballo, capital da comarca de Bergantiños, chégase a través da AC-414 cara a Malpica de Bergantiños. En Buño cóllese un desvío cara a Ponteceso pola AC-422, e antes de cruzar o río Anllóns, tómase a estrada AC-424.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

O monumento máis famoso de Corme é a Pedra da Serpe, unha gran rocha situada na estrada de acceso á aldea de Gondomil e á praia da Ermida e en cuxo lateral dereito hai unha figura dunha serpe alada. A autoría da escultura é discutida pero asóciase aos cultos precristiáns ás serpes, relacionado, segundo algúns historiadores, coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe.

A lenda conta que esta zona era inhabitable debido a unha praga de serpes. San Adrián, que se atopaba predicando por alí, golpeou fortemente co pé no chan, desaparecendo aquela terrible praga. Todas as serpes foron a acubillarse debaixo daquela pedra, quedando unha delas petrificada en sinal deste feito. Como símbolo da cristianización deste lugar púxoselle unha cruz enriba.

Ademais do núcleo urbano os turistas adoitan dirixirse á Punta do Roncudo, dende unha estrada que sae do mesmo porto de Corme. A estrada bordea o mar e permite fermosas vistas sobre a ría e o acceso a pequenas calas con praias pouco frecuentadas. Ao final da estrada atopamos a punta e o faro do Roncudo, denominados así polo ronquido que produce o mar neste lugar ao golpear con forza nos acantilados. Por toda a costa, especialmente naquelas zonas máis batidas, podemos atopar os famosos percebes do Roncudo, cuxa festa gastronómica se celebra o primeiro sábado do mes de xullo. Tamén na punta do Roncudo podemos contemplar as cruces que recordan as traxedias vividas preto desta costa denominada, non sen razón, da morte.

Praias

[editar | editar a fonte]

No interior da ría, na zona próxima a Corme existen varias praias aptas para o baño entre as que destacamos as seguintes:


Festas locais

[editar | editar a fonte]

Corme Porto[1] é unha das localidades da Costa da Morte que máis número de festas ten. Unha vez chega a época estival comezan as celebracións que duran ata finais de setembro.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Corme Porto, Ponteceso.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Corme Porto

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Corme Porto no concello de Ponteceso (A Coruña)

A Atalaia | O Caramanchón | As Forcadas | O Gafote | O Porto de Corme | As Regadiñas | Riloa

Parroquias de Ponteceso

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Ponteceso

Anllóns (San Fins) | Brantuas (San Xián) | Cores (San Martiño) | Corme Aldea (Santo Adrán) | Corme Porto (Nosa Señora dos Remedios) | Cospindo (San Tirso) | A Graña (San Vicenzo) | Langueirón (San Xián) | Nemeño (San Tomé) | Niñóns (San Xoán) | Pazos (San Salvador) | Tallo (Santo André) | Tella (Santo Eleuterio) | Xornes (San Xoán)

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]