O conservatorio é un centro oficial de educación artística dedicado especialmente a ensinar música,[1] incluíndo a práctica de instrumentos musicais, a composición musical, teoría da música e historia da música.
De orixe italiana, o termo conservatorio deriva do costume, difundido nos séculos XIV e XV polas garderías, orfanatos e hospicios, de iniciar e educar nun oficio (entre os que se atopada o de músico) aos nenos orfos e abandonados coa finalidade de "conservar" a música, pasándoa.[2] En Italia (e especialmente en Nápoles) a actividade dos conservatorios, iniciada como obra de asistencia e caridade a pobres e desamparados, transformouse nunha actividade de ensino musical.[3]
A partir do século XVIII, estes conservatorios foron adquirindo maior importancia dende o punto de vista da educación musical, perdendo a característica asistencial e mantendo o nome de conservatorio para a escola musical.
Os alumnos dos actuais conservatorios de música adoitan elixir ao comezo dos seus estudos unha das seguintes especialidades: acordeón, arpa, bandoneón, canto (só grao profesional e superior), clarinete, clavicémbalo, contrabaixo, fagot, frauta doce, frauta travesa, gaita, guitarra, guitarra flamenca, instrumentos de púa, óboe, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, viola, viola da gamba, violín e violoncello.
En España, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte organiza o ensino de música do seguinte xeito: ensino elemental, ensino profesional (antigo grao medio) e ensino superior. As materias organízanse segundo a especialidade elixida.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Conservatorio |