Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | Provincia de Pontevedra | |||
Sucedido por | Lavadores | |||
Teis foi un antigo concello de Galicia que funcionou como unidade administrativa entre 1821 e 1823 e novamente entre 1936 e 1937.[1]
Comprendía a parroquia de Teis.
No Repartimento xeral de 1821 figuran os concellos de Vigo, Teis, Cabral, Lavadores, Bouzas e Valadares. O concello de Teis desapareceu en 1823 e pasou a Vigo. En 1849 Teis separouse de Vigo e integrouse no concello de Lavadores.
O concello de Teis creouse en 1935 ao independizarse do concello de Lavadores. O proceso iniciouse en maio coa solicitude de escisión polo abandono no que se encontraba, pois sendo a parroquia que máis achegaba economicamente, as inversións que o concello de Lavadores realizaba eran escasas. O alcalde de Lavadores, veciño de Teis, deu o visto e prace para a separación, e a Deputación de Pontevedra concedeu a independencia en outubro.
O 7 de xaneiro de 1936 constituíuse a primeira corporación, foi elixido alcalde Manuel Martínez Ramos e José Martínez Covelo primeiro tenente de alcalde.[2] Esta corporación puxo en marcha a construción do mercado, a dotación de saneamento e a creación de grupos escolares. Manuel Martínez dimitiu en febreiro de 1936 e o 28 dese mes tomou posesión a Comisión xestora nomeada polo gobernador civil, que elixiu alcalde a Julio Quirós Estévez.[3] Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a principios de setembro, o gobernador civil nomeou unha comisión xestora que presidiu Honorato Fernández Míguez.[4] En febreiro de 1937 o Goberno anulou o proceso de independencia por un defecto de forma, pois a escisión non fora comunicada ao Goberno Civil.