Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1587 Anveres |
Morte | 1636 (48/49 anos) Anveres |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Países Baixos dos Habsburgo (pt) |
Grupo étnico | Pobo flamengo |
Actividade | |
Lugar de traballo | Anveres |
Ocupación | pintora |
Período de actividade | agosto de 1607 - 1621 |
Xénero artístico | Natureza morta |
Movemento | Pintura barroca flamenga (pt) |
Catálogo crítico | Clara Peeters (1594-ca. 1640) and the development of still-life painting in northern Europe (en) (1992) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Clara Peeters, nada en Anveres arredor de 1590 e finada despois de 1621,[1] foi unha pintora flamenga, considerada unha das iniciadoras do bodegón ou natureza morta nos Países Baixos.[2] Caracterizouse por popularizar o uso do autorretrato agachado en obxectos das naturezas mortas que moitos outros artistas emularon.[2]
Consérvanse unhas trinta obras atribuídas a Peeters en todo o mundo, unha das poucas mulleres artistas activa en Europa durante a primeira metade do século XVII.
A biografía de Clara Peeters é moi pouco coñecida. En xeral, os estudosos indican que a súa obra apunta a que fose nativa de Anveres. Os arquivos desta cidade gardan un rexistro dunha Clara Peeters, filla de Jean (Jan) Peeters, que foi bautizada o 15 de maio de 1594 na igrexa de santa Walburga.[3] Un segundo documento informa dun matrimonio entre unha Clara Peeters e Henricus Joosen o 31 de maio de 1639, na mesma igrexa.[4] Con todo, tanto o nome Clara como especialmente o apelido Peeters eran comúns en Anveres.[5] Que fose bautizada en 1594 implicaría que as pinturas datadas en 1607 as faría con doce ou trece anos. Algúns estudosos dubidan que estas obras puidesen ser feitas por unha persoa tan nova e opinan que Peeters debeu nacer na década de 1580.[6][7][8]
Descoñécese todo o relativo á súa formación, aínda que o seu estilo amosa relacións coa obra de Osias Beert. A maioría dos artistas, así como os aprendices incluíanse nos rexistros da Guilda de San Lucas. Porén, o seu nome non se atopa nos arquivos de Anveres nin nos de Ámsterdam, Haarlem, Delft, A Haia ou Middelburg.[4] Os estudosos especulan que puido ser a filla dun pintor, e polo tanto non sería un requisito que fose incluída nos rexistros dos aprendices. Quizais o motivo é o feito de que se perdesen os arquivos da Guilda de Anveres entre os anos 1607 e 1628, e algúns dos nomes só se coñecen a través doutros documentos.[4] Polo menos unha das pinturas de Peeters leva o selo da Guilda de Anveres na súa parte posterior, indicando que de feito era un membro, ou que polo menos traballaba en paneis feitos por membros da Guilda.[4]
Peeters estaba establecida en Ámsterdam en 1611 e documentouse unha estadía na Haia en 1617.[9] Algúns investigadores suxeriron que ao non haber obras coñecidas de Peeters posteriores a 1621, deixou de pintar tras casar, como fixo Judith Leyster. A causa da cantidade de copias aparentes da súa obra feitas por diferentes mans, hai quen especulou con que dirixise unha pequena escola de artistas.[4] Dúas naturezas mortas da década de 1630 co seu estilo e asinadas CP, están consideradas actualmente anónimas e non realizadas por ela.[10] Supostamente se rexistrou unha pintura súa datada en 1657 que agora estaría perdida, e que sería moi posterior á data das súas obras conservadas. Non obstante, a falta de documentación máis precisa, o período de actividade probable, en que quedan comprendidas as súas obras asinadas, iría de 1607 a 1621.[11]
Non se conservan rexistros que informen da data de falecemento de Peeters; porén, os investigadores especulan con varias datas: 1621 ou posterior;[7] despois de 1654; despois de 1657; 1659 e 1676.[4]
Peeters estaba especializada no xénero do bodegón, en particular como autora de escenas de almorzo e florais en que obxectos preciosos de metal ou de cerámica se acumulan aparentemente desordenados xunto con flores, froitos e pezas de pesca ou caza creando un conxunto multicor.[12]
Meticulosa no detalle, Peeters incluíu pequenos autorretratos en miniatura nos reflexos das copas dalgúns dos seus bodegóns. Tamén era moi hábil para distinguir texturas. Algúns autores apuntan que nas súas pinturas existen simbolismos relixiosos, singularmente no Bodegón cun peixe e un gato (Museo Nacional de Mulleres Artistas), en que o peixe, símbolo de Cristo, estaría colocado na posición dunha cruz.[13]
Clara Peeters aparece citada por Wendy Wasserstein en The Heidi Chronicles, onde a escritora estadounidense afirma na súa primeira escena que a obra de Peeters foi infravalorada debido ao seu sexo.
O Museo do Prado conta con catro dos seus bodegóns, procedentes da colección real e tres deles asinados en 1611; constitúe o grupo de obras máis amplo que se pode ver nun único museo, pois a produción coñecida de Peeters é moi escasa e está desperdigada en múltiples coleccións, varias delas privadas.
En 2016 Clara Peeters converteuse na primeira muller protagonista dunha exposición no Prado, organizada coa colaboración do Museo Real de Belas Artes de Anveres. Xunto coa exposición púxose o foco na situación das mulleres artistas de principios da Europa Moderna.[14] Entre as poucas mulleres pintoras dese tempo non estaba permitido o debuxo anatómico, que implicaba o estudo a partir do natural de corpos masculinos espidos. Isto reducía as oportunidades de aprendizaxe e por iso moitas pintoras se especializaron no bodegón.[15]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clara Peeters |
A Galipedia ten un portal sobre: Muller |