Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1986 (37/38 anos) Esteiro, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | Actriz, titiriteira, autora e produtora teatral |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Celtia Figueiras Rama, nada en Esteiro (Muros) en 1986, é unha actriz, titiriteira e produtora teatral.[1] Fundou en 2007 A Xanela do Maxín e ao longo da súa carreira produciu, escribiu e dirixiu máis de 30 pezas teatrais.
Iniciou a súa carreira profesional con Chincha Rabincha, espectáculo fundacional da Xanela do Maxín,[2] compañía teatral orientada á creación de obras para o público familiar e ao xénero escénico dos monicreques. Dende aquela, exerceu como autora, directora, dramaturga ou intérprete en producións desta compañía como son En busca da arte (2008), Os libros do titiriteiro (2009), A caixa de Nuk ou A pequena Lúa (2009).
Participou en obras como O rei destronado (2010),[3] O murmurio do mar (2013), Só lles falta falar (2014) ou O Bigote de Mimí (2016). Nos últimos anos, impulsou dende a súa compañía producións como As aventuras de Gale (2017), O Apalpador e a nena sen medo (2018),[4] A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza (2019),[5] Leonardo e os biosbardos (2021), Lúa quere viaxar a Marte! (2022) ou Coliño (2023).[6]
Ademais do seu traballo coa Xanela do Maxín, Celtia Figueiras, colaborou con outras compañías e artistas en espectáculos de formacións como Teatro Buratini, Títeres Alakrán[7] ou Art-Monium. En 2021 participou en O soño musical dos mapas celestes, xunto a Uxía e Germán Díaz.[8] Como narradora oral, implicouse en diversos proxectos e colaborou con artistas como Luis Vallecillo en pezas como O Bigote de Mimi (2016)[9] ou Cantamos? (2018).
Fóra do seu traballo no escenario, Celtia Figueiras realizou incursións na produción audiovisual. En 2020, produciu e realizou a miniserie Os Toupiconsellos[10] para o Fondo de Proxectos Culturais da Xunta de Galicia e, no 2021, fixo o propio con Toupiciencia.[11] En ambas as dúas producións tamén desempeñou roles como actriz e guionista.
Como autora, Celtia Figueiras escribiu contos para a infancia e a mocidade, entre eles U-la Lúa (2018), Cantamos? (2018), O Apalpador e a nena sen medo (2019), Pasando a Bóla (2020), A Viaxe de Saira (2021), Toupiciencia (2021), Lúa quere viaxar a... Marte! (2022) e O Libro da Toupiciencia (2022). Estes títulos foron publicados baixo o selo de Guindastre Edicións, no que tamén exerce como directora editorial.[12]