En zooloxía, denomínase cavidade gastrovascular ou celéntero,[1] a un órgano que ten como función a dixestión e o transporte de nutrientes a todo o corpo do animal. Dous dos filos de animais, o dos cnidarios e o dos platihelmintos, posúen este tipo de cavidade.
Os cnidarios, de simetría radial, teñen unha estrutura semellante a un saco, constituída por dúas capas de células e unha capa xelatinosa (mesoglea) entre elas. A cavidade posúe unicamente unha abertura para o exterior e está, na maioría deles, rodeada por tentáculos, que serven para capturaren as súas presas.