Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xullo de 1907 Marín, España |
Morte | 18 de agosto de 1936 (29 anos) Mogor, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Lingua | Lingua castelá |
Carmen Pesqueira Domínguez, coñecida como A Capirota, nada na Mouta (Marín) 1 de xullo de 1907 e finada no mesmo concello o 18 de agosto de 1936, foi unha costureira e lavandeira galega vítima da represión franquista.[1][2][3]
Carmen Pesqueira Domínguez, mais coñecida pola veciñanza como "a Capirota", era filla do mariñeiro Antonio Pesqueira Pérez e de Gumersinda Domínguez Pesqueira. Era costureira e lavandeira de roupa allea. Lavaba para os relixiosos dun priorato e para as familias ricas de Marín. Foi nai solteira e o seu fillo tiña 4 anos en 1936.
A Capirota veu como unha banda de falanxistas estaban maltratando un grupo de persoas maiores por non querer levantar o brazo ao sonar o "Cara al Sol", e saíu na súa defensa. Estes falanxistas de Marín estaban capitaneados polo nazi Bruno Schweiger, coñecido como "El alemán" na zona.[1][2]
Por este feito, Pesqueira foi golpeada, vexada fisicamente, violada e torturada. Foi asasinada no Pozo da Revolta de Bagüín, na parroquia de Mogor o 18 de agosto de 1936. Ao día seguinte da súa morte e como advertencia á veciñanza os seus asasinos pasearon o cadáver cos seos mutiladose pola vila de Bueu ata deixalo abandonado e tirado na rúa.[4][5][6]
A súa morte foi rexistrada o 19 de agosto de 1936 no rexistro civil de Bueu como "ferida no corazón", omitindo que o seu corpo tiña varios disparos ademais de sinais de maltrato. Foi soterrada no cemiterio de Bueu.[1][3]
O 18 de agosto de 2018, o Concello de Marín e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica rendéronlle unha homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez dedicándolle unha praza co seu nome.[6][2]
O grupo musical A banda da Loba dedicoulle unha canción, incluíndo o tema "A Capirota" no seu disco Xabón Lagarta (2022), contando a súa historia.[7]